Fluorita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fluorita
FluoriteValzergueFillonjaune.jpg
Fluorita
Fórmula química: CaF2
Clase: Haluros
Subclase:
Sistema cristalino: Cúbico
Cor: Toda a gama agás o negro
Brillo: Vítreo
Dureza: 5,5-6
Fractura: Xeométrica
Exfoliación: Perfecta
Raia: Branca
Densidade: 3,18 g/cm³

A fluorita ou espato de flúor é un mineral da clase dos haluros formado pola combinación do calcio e o flúor, de fórmula CaF2 e que cristaliza no sistema cúbico.

Aspecto[editar | editar a fonte]

A fluorita é un mineral moi difundido na natureza. Aparece en estruturas de xeodas ou drusas ocupando as fisuras e oquedades. No seu estado puro é incolora e transparente, pero na maioría dos casos presenta diversas coloracións debidas a impurezas orgánicas ou minerais; as máis habituais van do lila ó violeta, pero a fluorita tamén pode ser azul, verde, rosa, alaranxada, amarela ou de tons menos definidos. Moitas variedades mostran tamén fluorescencia.

Sóense presentar con forma de cristais de hábito cúbico moi ben formados, na maioría dos casos maclados. As demais formas son raras pero poden obterse octaedros por medio da exfoliación. A fluorita aparece tamén de forma masiva, compacta e granular.

Localizacións[editar | editar a fonte]

Este mineral acostuma encontrarse en vetas puras ou asociado con minas de chumbo, prata ou cinc. É común en calcarias e en dolomitas e, nalgunhas ocasións, é un mineral accesorio en pegmatitas e noutras rochas ígneas.

A fluorita é típica de España, Rusia, Inglaterra, China, Estados Unidos, México, Namibia e Alemaña. España é un importante produtor de fluorita. Os principais xacementos encóntranse en Asturias e Cantabria.

Usos[editar | editar a fonte]

Aínda que as variedades cristalinas son utilizadas para esculpir materiais ornamentais e a variedade clorofano utilízase como xema, o uso principal da fluorita foi sempre a produción do ácido fluorhídrico, material esencial na fabricación de fluoruro de aluminio para a industria do aluminio, e noutras moitas aplicacións da industria química. A fluorita é un fluxo común na fundición de aceiro e úsase en grandes cantidades na produción de esmalte e de vidro translúcido; os cristais perfectos utilízanse na fabricación de lentes apocromáticas.

Outros haluros[editar | editar a fonte]

Outros haluros importantes son a halita, de interese culinario, e a silvina.