Acueduto de Segovia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cidade vella e acueduto de Segovia
Aqueduct of Segovia 08.jpg
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísEspaña España
Localización40°56′52.8″N 4°07′03.72″O / 40.948000, -4.1177000
TipoCultural
CriteriosI, III,IV
Inscrición1985 (9ª Sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador311

O acueduto de Segovia é un acueduto construído a cabalo dos séculos I e II, entre o reinado dos emperadores romanos Vespasiano e Traxano na actual localidade de Segovia, España e é o símbolo máis importante de Segovia, como o demostra a súa presenza no escudo de armas da cidade.

Na súa construción empregáronse grosso modo uns 35.000 bloques de granito.

Al Monún de Toledo derrubou parte del no 1072; os Reis Católicos no século XV dispuxeron a restauración da obra. O acueduto que queda ten 29 metros de alto e 728 de lonxitude total, 167 arcos (79 sinxelos e 88 dobres).

Historia[editar | editar a fonte]

Como o acueduto carece de inscricións lexibles (unha aparentemente atopábase na estrutura do ático, ou parte superior), a data de construción non se pode determinar de xeito definitivo. A data real da construción do acueduto considerouse sempre un misterio aínda que se cre que foi no século I dC, durante os reinados dos emperadores Domiciano, Nerva e Traxano. A finais do século XX, Géza Alföldy logrou descifrar o texto dunha antiga placa con letras de bronce desaparecidas mediante o estudo das ancoraxes que suxeitaban as desaparecidas letras de bronce. Utilizando este método, púidose determinar que en realidade era o emperador Domiciano (81-96 dC), quen ordenou a súa construción.[1]

Tampouco se coñece de xeito definitivo a fundación de Segovia. Sábese que a tribo dos vacceos poboaron o lugar antes de que os romanos conquistaran a cidade e se estableceran permanentemente para controlar o territorio. A zona estaba comprendida na xurisdicción da corte provincial romana (en latín iuridici conventus, galego convento xurídico) situado en Clunia.

O acueduto[editar | editar a fonte]

Vista dende os alicerces do soportal do acueduto. Obsérvase a ausencia de morteiro entre os perpiaños

O acueduto de Segovia leva as augas da fonte de Fuenfría, situada na serra a uns 17 quilómetros da cidade, nun lugar chamado La Acebeda. Viaxa máis de 15 km. antes de chegar á cidade. A auga recóllese primeiro nunha cisterna coñecida como El Caserón, para ser conducida despois por unha canle de perpiaños ata unha segunda torre (chamada Casa de Augas), onde se decanta e desarea, para continuar o seu camiño. Despois perrecorre 813 m (cunha pendente do 1 %)[2] ata o cumio do Postigo (o esporón rochoso no que se asentaba a cidade arredor do Alcázar). Antes, na Praza de Día Sanz, fai un xiro pronunciado e encamiñase cara á Praza do Azoguejo, onde atravesa a depresión cunha arcada, que presenta todo o esplendor do monumento. Na parte máis alta mide 28 m. (cuns 6 m. de cimentos) e ten dúas ordes de arcos sobre piares. En total, ten 167 arcos.[3]

A arcada[editar | editar a fonte]

Desde a chegada á cidade ata a Praza de Día Sanz hai 75 arcos simples e despois 44 arcos de dobre orde (é dicir, 88 arcos), seguidos doutros catro arcos simples. No primeiro sector do acueduto atópanse 36 arcos apuntados, reconstruídos no século XV para restaurar a parte destruída polos musulmáns no ano 1072. Na planta superior, os arcos presentan unha luz de 5´10 m., cos piares de menor altura e grosor que os da planta inferior. O remate é unha plataforma pola que discorre a canle da auga (cunha sección en forma de U de 180 x 150 cm). Na planta inferior, os arcos presentan un van que oscila arredor de 4´50 m. e os piares diminúen de sección por etapas de abaixo cara arriba, adaptando a planta baixa ao desnivel do terreo; na coroa ten unha sección de 1´80 x 2´50 m., mentres que na base chegan a 2´40 x 3 m..

Acueduto de Segovia por Juan Laurent, c. 1856-1867.
Maqueta do trazado do acueduto.

Está construído con perpiaños de granito asentados sen morteiro entre eles. Sobre os tres arcos máis altos, na época romana, había un cartucho con letras de bronce que indicaban a data e o construtor. Tamén na parte superior pódense ver dous nichos, un a cada lado do acueduto. Sábese que nun deles estaba a imaxe de Hércules, que segundo a lenda foi o fundador da cidade. En tempos dos Reis Católicos colocáronse nos nichos a imaxe da Virxe do Carme (aínda que moitos cren equivocamente que se trata da Virxe da Fuencisla, patroa da cidade) e de San Sebastián. Porén, hoxe só pódese ver a primeira talla. O 4 de decembro, festa de santa Bárbara, patroa do corpo de Artillaría, cuxa academia está en Segovia, os cadetes visten a imaxe da Virxe cun bandeira. A liña de arcos levántase organizada en dúas plantas, cunha decoración sinxela na que predominan unhas sinxelas molduras que enmarcan e estruturan o edificio.

Na época dos Reis Católicos realizouse a primeira grande obra de reconstrución do acueduto. O prior do mosteiro próximo dos Xerónimos del Parral, chamado Pedro Mesa, encargouse das obras. Reconstruíronse 36 arcos, con moito respecto pola obra orixinal. Posteriormente, no século XVI colocáronse nos nichos centrais as mencionadas estatuas da Virxe do Carme e San Sebastián.

A arcada do acueduto é o fito arquitectónico máis importante da cidade. Estivo en funcionamento ao longo dos séculos e quizais por iso chegou en perfecto estado ata agora. Ata case os nosos días subministraba auga á cidade de Segovia, e máis concretamente ao Alcázar. Nos últimos anos sufriu unha clara deterioración provocado principalmente pola contaminación ambiental e os propios procesos de erosión do granito. O tránsito de vehículos preto do acueduto (que aínda circulaba entre os soportais ata 1992) e os concertos e actividades musicais de gran volume aos seus pés son tamén acontecementos que prexudican o monumento.[4] Para garantir a súa supervivencia, en 1992 levouse a cabo un minucioso proceso de restauración que durou case oito anos, baixo a dirección do arquitecto Francisco Jurado.[5][6] Porén, aínda está exposto á contaminación, posto que segue circulando a uns poucos metros del.

Lenda[editar | editar a fonte]

Existen varias lendas sobre a construción do acueduto de Segovia, a máis coñecida e estendida conta que unha rapaza subía todos os días ao alto do monte e baixaba cunha xerra chea de auga.[7] Un día, farta diso, pediulle ao demo que fixera uns medios para non ter que subir e baixar todos os días co cántaro. Entón, pola noite, apareceu o demo e concedeulle o seu “desexo” a cambio de que, se lograba rematar o acueduto antes de que cantase o galo, tivese que darlle a súa alma. A nena aceptou e o demo comezou a construír o acueduto, momento no que a nena lamentou desexalo. Xusto cando lle quedaba unha pedra para rematar, cantou o galo, o que fixo fallar o demo e a nena non perdeu a alma.[8] No burato que quedaba é onde agora se coloca a estatua da Virxe da Nosa Señora do Fuencisla.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Géza Alföldy: Die Inschrift des Aquäduktes von Segovia
  2. (en inglés) Unesco: «Old Town of Segovia and its Aqueduct»
  3. Contreras y López de Ayala, Juan de (1973). Noguer S. A., ed. Segovia. 
  4. "Novos estudos arqueolóxicos sitúan a construción do Acueducto de Segovia no século II en lugar do I". El País. Consultado o 31 de outubro de 2016 El País. 
  5. País, Ediciones El (4 de febreiro de 2000). "El Acueducto de Segovia recobra su función de canal tras 7 años de obras". EL PAÍS. Consultado o 3 de abril de 2017. 
  6. "RESTAURACIONES FJ". www.franciscojurado.es. Consultado o 3 de abril de 2017. 
  7. "A lenda do acueducto de Segovia". abc (en castelán). 31 de outubro de 2014. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  8. "A lenda de que o acueducto de Segovia foi obra do demo". El Norte de Castilla (en castelán). 26 de xaneiro de 2019. Consultado o 21 de maio de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]