San Marino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serenísima República de San Marino
Serenissima Repubblica di San Marino
Bandeira de San Marino
Escudo de San Marino
Bandeira Escudo
Location San Marino Europe.png
Lema: Libertas
(Latín: Liberdade)
Himno: Inno Nazionale della Repubblica
Capital San Marino
 • Poboación 4 214 (2012)
Cidade máis poboada Serravalle
Linguas oficiais Italiano1
Forma de goberno República parlamentaria
Valeria Ciavatta
Luca Beccari
Independencia do Imperio Romano 3 de setembro de 301
Superficie Posto 220º
 • Total 61,2 km²
 • % auga 0
Fronteiras 39 km
Costas 0 km
Poboación Posto 209º
 • Total (2012 est.) 32 471 hab.
 • Densidade 533 hab./km²
PIB (nominal) Posto 167º
 • Total (2008) 1 048 millóns US$
 • per cápita 41 570 US$
PIB (PPA) Posto 172º
 • Total (2008) 1 662 millóns US$
 • per cápita 41 900 US$
Moeda Euro2 (€, EUR)
IDH n/d
Xentilicio Sanmarinés/sanmarinesa
Fuso horario CET (UTC+1)
 • Horario de verán CEST (UTC+2)
Dominio de Internet .sm
Prefixo telefónico +3783
Prefixo radiofónico T7A-T7Z
Código ISO 674 / SMR / SM
1 Está tamén amplamente difundida a lingua emiliano-romañola ou sanmarinés.
2 Antes de 2002 a lira sanmarinesa.
3 0549 dende Italia.

San Marino[1], oficialmente Serenísima República de San Marino, (en italiano: Serenissima Repubblica di San Marino) é unha república situada nos Apeninos, encravada no interior de Italia, e sen saída ao mar. Cun tamaño de tan só 61,4 km² é un dos países máis pequenos do mundo, só superando en Europa á Cidade do Vaticano e a Mónaco. Ademais con preto de 30.000 habitantes é o estado menos poboado dos membros de Consello de Europa. Con todo, non pertence á Unión Europea.

A República de San Marino é a república soberana constitucional máis antiga do mundo aínda existente, sendo fundada, segundo a tradición, o 3 de setembro de 301 por un canteiro chamado Mariño, o cal deu nome ao país. A lenda di que Mariño fuxiu dende a costa dálmata, naquel entón colonia romana, no ano 257 cando o futuro emperador Diocleciano emitiu un decreto chamando á reconstrución das murallas de Rimini destruídas por piratas libúrnios, refuxiándose no Monte Titano. A súa capital é a cidade de San Marino.

A Constitución de San Marino, promulgada no ano 1600, é a máis vella do mundo aínda en exercicio.[2] Estabelece unha forma parlamentar de goberno, o cal está composto polo parlamento, chamado Consello Grande e Xeral, presidido por dous Capitáns Rexentes, que son Xefes de Estado por un prazo de seis meses e polo Congreso de Estado, formado de dez conselleiros escollidos entre os membros do Consello Grande e Xeral.

Historia[editar | editar a fonte]

Castelo da Cesta, unha das "Tres Torres" de San Marino.

San Marino considerase a república máis antiga que aínda sobrevive ao fundarse, segundo a tradición, o 3 de setembro do ano 301 polo construtor Mariño o Dalmata, un canteiro cristián que fuxiu das costas croatas debido á persecución dos cristiáns levada a cabo polo emperador romano Diocleciano, agochándose finalmente no cumio do Monte Titano, o máis alto do sete que posúe San Marino, e fundando unha pequena comunidade cristiá. A propietaria do terreo era dunha muller de Rimini, que ao final lles deixou en herdanza o territorio, logrando manter a súa independencia ao longo dos anos, pese as disputas polas familias dos Rimini e Montefeltro.

Aínda que está demostrado que o lugar estibo habitado dende tempos prehistóricos, non foi até finais do século IX cando aparece a primeira constancia da existencia dun estado soberana na zona que, en memoria do canteiro, foi chamada "Terra de San Marino", non sendo até tempo despois que se lle deu o nome de "república". O Goberno estaba composto por unha asemblea chamada Arengo, composta por todos os cabezas de familia, estabelecéndose finalmente en 1243 a figura dos Capitáns Rexentes (Capitani Reggenti) para actuar como xefes de estado. As primeiras leis datan de 1263, e o Vaticano, nese tempo ao mando do papa Nicolao IV, recoñeceu a súa independencia no ano 1291.

O territorio da república consistía unicamente no Monte Titano até 1463, cando entrou na alianza contra Sexismundo Pandolfo Malatesta, Señor de Rimini, que sería derrotado. Debido a iso o Papa Pío II cedeu a San Marino as cidades de Fiorentino, Montegiardino, e Serravalle, e ese mesmo ano a cidade de Faetano uniuse á república pola súa propia vontade. Desde entón, a superficie da república permaneceu invariable.

No 1503 producise a primeira das tres ocupacións militares do territorio sanmarinés, neste caso levada a cabo por César Borgia, que invadiu a república até pouco antes da súa morte uns meses despois. Case un século despois foi redactada unha Constitución, concretamente o 8 de outubro de 1600, documento que aínda segue vixente, sendo o máis antigo do mundo en facelo actualmente. En 1739, o Cardeal Alberoni volveu invadir o pequeno Estado pero a desobediencia civil e as protestas ante o Papa Clemente XII para obter xustiza deron resultado. O estado foi recoñecido por Napoleón en 1797 e no Congreso de Viena en 1815. Debido á unificación da Península Itálica, a independencia de San Marino tivo que selarse cun tratado en 1862 co emerxente Reino de Italia, que foi revisado e corroborado en 1939 e 1971.

Xa no século XX, unha revolución pacífica restaurou en 1906 o sistema electivo do Consello Grande e Xeral (órgano supremo do Estado), que se convertera durante os século nun clan pechado. Durante a Primeira e Segunda Guerras Mundiais seguiu os destinos do seu veciño transalpino, sendo ocupada (por terceira e última vez) en 1943 por orde de Hitler, recuperada logo polos aliados volveu ser tomada de novo polos alemáns, sendo finalmente liberada en 1945. Restaurada a democracia, unha coalición de socialistas e comunistas gobernou até 1957, en que foron desprazados polos democristiáns, quen desde 1973 constituíron cos socialistas un goberno de coalición. De aí viría un tempo de gobernos de curta duración até 1978, cando os comunistas recuperaron o poder, aínda que debido a un escándalo financeiro perderon o poder, acadándoo de novo, cunha alianza cos democristiáns, en 1993 e 1998.

San Marino ingresou no Consello de Europa como membro de pleno dereito en 1988, presidindo a organización na primeira metade do ano 1990. Ademais converteuse en membro de Nacións Unidas en 1992, e adoptou o euro en 2002 como moeda nacional, a pesar de non pertencer á Unión Europea. É así a única cidade-estado itálica que aínda sobrevive, sendo xunto co Vaticano o único país europeo completamente rodeado por outro. A pesar de ser un país soberano, depende en gran medida de Italia, pola que está completamente rodeada dende a unificación do país no século XIX. Con todo, co fin de diminuír a súa dependencia da República Italiana, veu conformando unha serie de acordos con Suíza nos campos político, económico e social. Esta alianza abriu o camiño a un novo tipo de relacións diplomáticas, pioneiras no século XXI, pero que lembran, vagamente, ás relacións internacionais de época medieval.

Xeografía[editar | editar a fonte]

San Marino é un enclave de Italia, na fronteira entre as rexións de Emilia-Romaña e Marche. A súa topografía está dominada polos Apeninos, tendo un terreo accidentado, sendo o 17% do mesmo arable. O punto máis alto do país é o Monte Titano[3], situado a 749 metros de altitude sobre o nivel do mar. Non hai ningún corpo de auga cun tamaño significativo, aínda que algúns ríos atravesan o país, sendo os máis importantes o Ausa, o Marano e o San Marino. Segundo WWF, o territorio de San Marino pertence á ecorrexión denominada bosque esclerófilo e semicaducifolio de Italia.

O clima é mediterráneo con influencias continentais, con veráns cálidos e invernos fríos. O Centro Nacional de Meteoroloxía e Climatoloxía de San Marino proporciona prognósticos locais.[4] Cun tamaño de 61,2 km² e 39 km de fronteiras, todas con Italia, San Marino é o terceiro Estado máis pequeno de Europa, só superando á Cidade do Vaticano e Mónaco, sendo até a independencia de Nauru en 1968, o estado republicano máis pequeno do mundo.

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Antigos Capitáns Rexentes Mirko Tomassoni, Alessandro Rossi, Alessandro Mancini e Alberto Selva.
Palazzo Pubblico da Cidade de San Marino coa estatua da liberdade.

A política de San Marino lévase a cabo no marco dunha república parlamentaria demócrata representativa, na que os dous Capitáns Rexentes son os Xefes de Estado e dun sistema pluripartidista. O poder Executivo é exercido polo goberno, o lexislativo polo no goberno e o Consello Grande e Xeral, sendo o xudicial independente dos dous anteriores. San Marino orixinalmente foi dirixida polo Arengo, formado inicialmente cos xefes de cada familia, non sendo até o século XIII cando se creou un organismo de goberno chamado Consello Grande e Xeral, sendo nomeados en 1243 os dous primeiros Capitáns Rexentes nomeados polo propio Consello. Este método de designación segue aínda vixente en hoxe en día.

O órgano lexislador da República é o Consello Grande e Xeral (en italiano: Consiglio Grande e Generale). O Consello é un órgano unicameral composto por sesenta membros, sendo elixidos os conselleiros cada cinco anos baixo un sistema de representación proporcional nos nove distritos administrativos. Estes distritos corresponden ás antigas parroquias da República, onde poden exercer o seu dereito ao voto tódolos cidadáns maiores de dezaoito anos. Ademais da lexislación xeral, o Consello Grande e Xeral aproba os orzamentos e elixe os Capitáns Rexentes, o Congreso de Estado (composto por dez secretarios con poder executivo), o Consello dos Doce (que exercen o poder xudicial durante o período de lexislatura do Consello), as Comisións de Asesoramento (que examinan, propoñen e debaten sobre a aplicación de novas leis) e as Unións de Goberno. O Consello tamén ten a facultade de ratificar os tratados con outros países.

Cada seis meses o Consello elixe dous Capitáns Rexentes para ser os xefes de Estado. Os Rexentes son elixidos polos partidos opositores de modo que hai un equilibrio de poder. A investidura dos Capitáns Rexentes lévase a cabo o 1 de abril e o 1 de outubro de cada ano. Unha vez que remata o prazo de rexencia os cidadáns teñen tres días para presentar queixas sobre as actividades dos Capitáns, e se así se xustificase, comezarían os procedementos xudiciais contra antigo Xefe ou Xefes de Estado. Esta práctica de ter múltiples cabezas de Estado, así como a repetición frecuente da elección dos mesmos, derívanse directamente dos costumes da República Romana, sendo o Consello é equivalente ao Senado romano e os Capitáns Rexentes ao cónsul.

Os dous principais partidos políticos son o Partido Demócrata Cristiá Sanmarinés (en italiano: Partito Democratico Cristiano Sammarinese, PDCS) e o Partido dos Socialistas e Demócratas (en italiano: Partito dei Socialisti e dei Democratici, PSD), resultante da fusión do Partido Socialista Sanmarinés (en italiano: Partito Socialista Sammarinese, PSS) e dos antigos comunistas Partido dos Demócratas (en italiano: Partito dei Democratici, PD). Ademais dos dous principais existen unha serie de partidos máis pequenos, como a Refundación Comunista Sanmariñenese (en italiano: Rifondazione Comunista Sammarinese, RCS). Debido ao pequeno tamaño de San Marino e a súa baixa poboación, é difícil para calquera partido acadar unha maioría absoluta, así que o goberno adoita estar formado por coalicións. O 1 de outubro de 2007 Mirko Tomassoni foi elixido como Capitán Rexente, sendo primeira persoa con discapacidade elixida para o posto.[5]

Subdivisións administrativas[editar | editar a fonte]

San Marino está dividido en nove concellos, coñecidas localmente como Castelli (do italiano: castelos), que tamén teñen a consideración de cidades.

Mapa dos concellos da República de San Marino.
Bandeira Escudo Nome Poboación Área (km²) Densidade
Bandeira de Acquaviva
Escudo de Acquaviva
Acquaviva 2.096 4,86 431,28
Bandeira de Borgo Maggiore
Escudo de Borgo Maggiore
Borgo Maggiore 6.609 9,01 733,52
Bandeira de Chiesanuova
Escudo de Chiesanuova
Chiesanuova 1.087 5,46 199,08
Bandeira de Domagnano
Escudo de Domagnano
Domagnano 3.256 6,62 491,84
Bandeira de Faetano
Escudo de Faetano
Faetano 1.180 7,75 152,26
Bandeira de Fiorentino
Escudo de Fiorentino
Fiorentino 2.548 6,57 387,82
Bandeira de Montegiardino
Escudo de Montegiardino
Montegiardino 910 3,31 274,92
Bandeira de San Marino
Escudo de San Mariño
San Marino 4.214 7,09 594,36
Bandeira de Serravalle
Escudo de Serravalle
Serravalle 10.571 10,53 1003,89

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de San Marino.
Véxase tamén: Lira sanmarinesa.

A pesar de non ser moi industrializado, San Marino ten unha das maiores rendas per cápita de Europa. O turismo representa máis do 50 % do PIB, máis de tres millóns de visitantes en 1997, debido en gran medida á súa proximidade con Rimini e ao mar Adriático. Tamén son importantes a banca, a electrónica e a cerámica. Os produtos agrícolas son o viño e os cereais, ademais do queixo e o cría de ovinos nos campos. Un número considerable de habitantes do país traballa na cidade italiana de Rimini polo que, para facilitar o desprazamento dos seus habitantes, existe unha liña de ómnibus internacional que liga a cidade de San Marino á italiana. Con todo, como o país está constituído principalmente sobre o Monte Titano, non é posible para o autobús chegar ao cumio, por iso existe un sistema de teleférico que transporta seus habitantes até as partes máis altas con intervalos de 15 minutos entre unha viaxe e outra.

Aínda que a república non é un membro oficial da Eurozona, permíteselle usa-lo Euro coma moeda nacional en virtude de acordos có Consello da Unión Europea, podendo estampar o seu propio deseño nacional na cara correspondente. Antes do euro a moeda era a lira sanmarinesa, que era intercambiable coa italiana. Tanto a lira como o euro do país, ao ser producidas en pequeno número, están moi cotizadas no mercado dos coleccionistas. Os selos postais, só válidos para a república, son maioritariamente vendidos para a filatelia, representando un importante capítulo dos ingresos. Dende 1997 o nivel de vida do país veu incrementándose por riba do italiano debido a un incipiente crecemento económico no sector financeiro do país.

Fiscalidade[editar | editar a fonte]

San Marino.

A taxa de imposto sobre as ganancias corporativas en San Marino é do 19 %. As ganancias de capital están suxeitas a un imposto do cinco por cento e os xuros están suxeitos a un 13 por cento de imposto de retención. En 1972, foi introducido en Italia o Imposto ao Valor Engadido (IVE), sendo aplicado tamén en San Marino en conformidade co tratado de amizade de 1939. Ademais tamén se estabeleceu un imposto sobre os bens importados, con todo, non foron e non son aplicados aos produtos nacionais. Até 1996 os produtos fabricados e vendidos en San Marino non estaban suxeitos aos impostos indirectos. No marco de acordo da Unión Aduaneira Europea, San Mariño segue a recadar impostos, o equivalente a un dereito de importación, das mercadorías importadas. Ademais, introduciuse un IVE xeral, en substitución do IVE italiano.

Demografía[editar | editar a fonte]

Catedral da Cidade de San Marino.
Artigo principal: Demografía de San Marino.

A República de San Marino é un estado de só tan 61,5 km² de superficie, o que o converte no segundo estado máis pequeno de Europa. Posúe preto de 30.000 habitantes (29.973 estimados en 2008), tendo así unha densidade de poboación de 489 habitantes/km². O cultivo, a cría de ovellas, e o traballo da pedra nas canteiras forman a columna vertebral da economía de San Marino. Non ten os recursos minerais, e hoxe en día a maioría das terras están aradas ou cubertas por bosques.

A poboación, composta basicamente por sanmarineses nativos e italianos, segue unha tendencia de crecemento: no primeiro censo de 1864 a poboación era de 7.080, no segundo (1874) de 7.464, no terceiro (1899) de 9.359, no cuarto (1947) de 12.100 e no quinto (1976), de 12.284. Os sanmarineses que residen no estranxeiro son preto de 17.000 mentres que os estranxeiros que residen en San Marino son 1.000, aproximadamente. A lingua oficial é o italiano, ademais está amplamente estendido o emiliano-romañolo, tamén coñecido coma sanmarinés. A relixión predominante é o catolicismo.

Cultura[editar | editar a fonte]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A cociña de San Marino é moi semellante á italiana, en especial á das rexións veciñas de Emilia-Romaña e Marche, mais conta tamén cunha serie de pratos propios e produtos únicos. A principal especialidade sanmarinesa é, polo tanto, a pasta, entre as que destacan a lasagna, o spaghetti alla bolognese e os calzone. Con todo, o seu prato máis coñecido é probablemente a Torta Tre Monti (do italiano: Torta das Tres Montañas), que é unha torta de waffle bañada en chocolate que representa as Tres Torres de San Marino. Igualmente os xeados tamén son unha especialidade. O país conta ademais cunha pequena industria vinícola.

Deporte[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Gran Premio de San Marino.
Roland Ratzenberger no día no que faleceu durante o Gran Premio de San Marino de 1994.

Até o ano 2006 existiu o Gran Premio de San Marino de Fórmula 1. Foi neste Gran Premio no que morreron o austríaco Roland Ratzenberger e o brasileiro Ayrton Senna, tras bater o seu Williams no muro da curva Tamburello), ambos en 1994, polo que ese gran premio acabou chamado como o "Fin de semana Negro". A pesar do nome, o Gran Premio celebrábese no Autódromo Enzo e Dino Ferrari de Imola, na rexión italiana da Emilia-Romaña, a uns 100 quilómetros ao noroeste do país. O mesmo ocorre co actual Gran Premio de MotoGP, aínda que este é realizado no Circuíto de Misano, nas marxes do Adriático.

San Marino tamén ten o seu propio Comité Olímpico afiliado ao COI e, a diferencia do que ocorre con outros microestados como o Principado de Mónaco e a Cidade do Vaticano, ten súa federación nacional de fútbol como membro da FIFA. Con todo, esta selección de fútbol, está considerada unha das peores do mundo, tendo inclusive recibido dez goles da selección de Bélxica durante as Eliminatorias do Mundial de Fútbol de 2002 e 13 de Alemaña durante a clasificación para a Eurocopa de 2008. O seu principal club é a Società Sportiva Murata, que fixo historia por ser o primeiro equipo samariñense en participar na Liga de Campións da UEFA.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns Externas[editar | editar a fonte]