Saltar ao contido

A Pobra do Brollón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaA Pobra do Brollón
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°33′25″N 7°23′31″O / 42.55706, -7.39194
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Lugo Editar o valor en Wikidata
CapitalA Pobra do Brollón Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación1.565 (2023) Editar o valor en Wikidata (8,86 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie176,7 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude385 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde da Pobra Editar o valor en WikidataXosé Lois Maceda Vilariño Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais na Pobra do Brollón Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal27330 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE27047 Editar o valor en Wikidata

Páxina webconcellodapobradobrollon.gal Editar o valor en Wikidata
BNE: XX459348

A Pobra do Brollón é un concello da provincia de Lugo en Galicia. Situado no sur da provincia, pertence á comarca de Terra de Lemos e forma parte da Ribeira Sacra. Ten unha poboación de 1.709 habitantes segundo o censo de 2017. Limita cos concellos do Incio ao norte; Quiroga e Ribas de Sil ao sur; Samos, Quiroga e Folgoso do Courel ao leste; e Monforte de Lemos e Bóveda ao oeste.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

O concello da Pobra do Brollón ten unha superficie de 174,8 km², situados entre o Val de Lemos, na metade oeste, e a serra do Courel, ao leste. Está caracterizado pola súa topografía montañosa na metade leste. Cabe destacar os seguintes montes: Alto da Veneira (1.164 m), Mioteira (871 m), O Home Grande (824 m), Cerro de Pereira (648 m), O Covallo (564 m) e Moncai (531 m). A menor altitude sitúase na Ribeira de Val de Frades, xunto ao río Sil.

Noroeste: Bóveda Norte: O Incio Nordés: Samos
Oeste: Monforte de Lemos Leste: Folgoso do Courel
Suroeste: Monforte de Lemos Sur: Ribas de Sil Sueste: Quiroga

Hidrografía

[editar | editar a fonte]

A rede hidrográfica do concello pertence á conca do río Sil, que fai de fronteira física polo sur nun pequeno tramo. As concas de dous dos seus afluentes, o Cabe e o Lor, drenan a superficie do concello.

O río máis importante é o Cabe, que travesa o concello en dirección nordés-suroeste. A súa conca drena a parte occidental e central do concello. Os seus principais afluentes son o Saa e o Picarrexo.

O río Saa tamén travesa o concello en dirección nordés-suroeste para desembocar no Cabe á altura de Fornelas, aós pés do Moncai. No seu percorrido pasa polo centro da capital municipal, onde recibe as augas do seu principal afluente, o Rubín. Outros afluentes son o río Lebrón e o regato das Lamelas.

O río Lor fai de lindeiro físico co concello de Quiroga polo leste nun tramo do seu percorrido. A súa conca drena a parte máis oriental do concello. O seu principal afluente é o Loureiro-Mazo.

Nas terras que rodean o paso do río Sil, no sur do concello, fórmase unha pequena ribeira. O regato de Trasmonte é o único que desemboca no Sil dentro dos límites do concello.

O clima é oceánico-continental, con características de oceánico de montaña na cara leste, froito dunha maior altitude. Na parte occidental, as temperaturas son suaves, con invernos fríos, abundantes xeadas e néboas, e veráns calorosos e secos. A temperatura media é de 13,3 °C (6,2 °C en xaneiro e 20,3 °C en xullo) e as precipitacións son duns 1.000 mm/anuais, con meses do verán con menos de 30 mm. Na parte máis montañosa as temperaturas medias roldan os 11 °C de media e as precipitacións son duns 1.300 mm/anuais. As nevadas son abundantes no inverno nesta zona, froito da altitude, que chega a superar os 1.000 metros.

Vexetación

[editar | editar a fonte]

As especies vexetais máis importantes son o piñeiro, o castiñeiro e o chopo, e o toxo, a silva e a xesta. Nos ríos predomina a vexetación de ribeira.

Demografía

[editar | editar a fonte]

A Pobra contaba en 2018 cunha poboación de 1.685 habitantes, 842 mulleres e 843 homes, segundo datos do IGE.

O concello da Pobra do Brollón cumpre coas características da Galicia rural. A poboación é regresiva, con crecemento natural negativo e cunha estrutura por idades moi envellecida. A poboación é dispersa en 22 parroquias e 118 entidades, sendo a súa densidade de 12,24 hab/km² en 2008. A maior parte dos poboamentos levántanse no sector occidental, mentres que o oriental está practicamente despoboado debido á topografía montañosa. No concello hai varias aldeas deshabitadas, a maioría delas concentradas na área da montaña.

Dende principios de século, a poboación non cesou na súa regresión (en 1900 tiña 7.992 habitantes e en 2008, 2.162); unha perda debida na súa maior parte aos efectos da emigración, sobre todo na década do 1950 ao 1960 (en 1950 tiña 8.116 habitantes, en 1960 tan só 5.444). Nas últimas décadas a regresión tamén é debida á baixa natalidade e a alta mortalidade.

O resultado de todo iso é unha pirámide de poboación con base moi estreita e ensanchada nos seus brazos superiores: un 5% da poboación ten menos de 16 anos, un 50% ten entre 16 e 65 anos e un 45% supera os 65. Estes datos fan que sexa o quinto concello máis envellecido de España [1]. En 2007 a taxa de natalidade era de 3,1 e a de mortalidade de 16,7.

Censo total 1.709 (2017)
Menores de 15 anos 73 (4.27 %)
Entre 15 e 64 anos 804 (47.04 %)
Maiores de 65 anos 832 (48.68 %)
Evolución da poboación desde

1900 ata 2008

1900

1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2008

7.992

7.672 7.372 6.864 7.132 8.116 5.444 3.995 3.338 3.244 2.609 2.162


A orixe: da Prehistoria á Idade Media

[editar | editar a fonte]

A mediados do terceiro milenio a. C. migracións de pobos continentais chegaron a Galicia traendo con eles a primeira agricultura e a primeira metalurxia do cobre e do ouro. Manifestacións destes primeiros asentamentos, no que hoxe é o municipio da Pobra do Brollón, son os túmulos megalíticos, como mámoas ou medorras, propios da cultura castrexa, que se encontran repartidas por todo o seu territorio, así pódense ver en moitos lugares do concello como:

Así mesmo o seu principal río, o Cabe, (Chalibes), era xa coñecido polas súas propiedades ferruxinosas e moi prezado á hora de temperar as espadas dos guerreiros célticos, que acudían de moitos lugares con ese fin.

A partir do século IX, nos documentos de doazóns e de foros de mosteiros como os de Samos, San Vicente do Pino, Ferreira de Pantón, Meira, Oseira, Montederramo ou Celanova, comezan a ser citadas as igrexas e lugares de Terras do Brollón. Lugares como Salcedo, Cereixa, Barxa de Lor, O Brollón, Ferreiros, A Ferreirúa, Lamaigrexa, Domiz, Saa, Castrosante, Liñares, Martul ou Canedo xa aparecen neses documentos, o cal fai supoñer que estaban poboados dende moito antes, posiblemente dende as repoboacións do bispo Odoario e a súa familia (século VIII). Houbo dous mosteiros de moi curta vida: un en Vilachá, e o outro en Ferreiros. As xentes adicábanse o cultivo do centeo, viñedo e a horticultura. Criaban ovellas, cabras, pitas e coellos. O máis do terreo estaba a monte. En aldeas como Ferreiros e A Ferreirúa, como así o di o seu nome, había ferreiros, mineiros e carboeiros adicados á fabricación de ferraduras, cravos e algunha ferramenta para o agro.

A inseguridade social foi abondosa durante estes tempos, como o demostra a existencia de torres e recintos de vixilancia, dos que só queda o nome: Castrobón (A Ferreirúa), Castrelado Pequeno (Liñares) e Castrelín (Parada dos Montes).

A Pobra do Brollón tivo unha xurisdición que comprendía os cotos de Cereixa, Froxende, Parada dos Montes, Pol de Lemos, Valverde, A Raíña, Salcedo e Vales, ademais das terras pertencentes ó coto do mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos.

Segundo unha investigación recente realizada pola escritora Olga Novo, hai indicios que apuntan a que a antiga vila podíase atopar na actual Santalla de Rei. Esta vila sería queimada e destruída por motivos descoñecidos, probablemente enmarcados en loitas pola sucesión ao trono de Castela na Idade Media, e trasladada ao lugar actual da vila da Pobra do Brollón, coñecido entón como San Pedro de Entrambasaugas.[2] A finais do século XIII, xa comeza a aparecer nos documentos o nome da nova vila, Puebla do Brollón ou Puebla de San Pedro. Parece ser que foi o Rei Sancho IV de Castela, quen outorgou o documento fundacional (sobre un vello castro mineiro) do lugar, a carta-puebla; e que o seu herdeiro, Fernando IV de León e Castela ratificou. Neste documento contíñanse as reparticións de terras, deberes e dereitos que se lles concedía ós poboadores da Pobra do Brollón e das súas doce aldeas; e un dereito moi importante, como era o de depender directamente do propio rei. A repoboación propiciada pola citada carta-puebla foi un éxito demográfico e económico, como se demostra polas rendas anuais que tiñan que pagar, e que a partir de entón A Pobra do Brollón aparecese en documentacións e mapas. A este desenvolvemento económico non debeu ser allea a súa situación estratéxica no obrigado paso de xentes e mercadorías, que querían entrar ou saír de Galicia polo camiño natural do val do río Sil. A presenza das ordes Hospitalarias e de Santiago nas Terras do Brollón así o confirman.

Logo A Pobra do Brollón estivo baixo a xurisdición da casa de Lemos. O 30 de xullo de 1477, o rei Fernando o Católico, nun documento datado en Medina del Campo, cédelle a Pedro Álvarez de Osorio, primeiro Conde de Lemos, tódolos dereitos e rendas (ascendían a máis de 20.000 marabedís) que a coroa tiña na Pobra do Brollón; rematan así as liortas que a nobreza viña tendo pola posesión das Terras do Brollón, e que comezaran o 23 de agosto de 1424, cando Fadrique, señor de Monforte, anexionouna a Monforte xunto coas súas doce aldeas.

Sen lugar a dúbida, ser unha vila de homes dependentes do rei ou dos seus administradores, unha vila de homes libres da xurisdición de nobres e da igrexa, unha vila de homes ceibes defensores dos seus dereitos, motivou a participación de María Castaña, natural do Coto de Cereixa, nas sublevacións do pobo de Lugo contra os abusos do bispo da cidade (en torno ao 1382), e, que pasados uns anos, todo o pobo de A Pobra do Brollón o fixera contra os atropelos e pagos das rendas reais ó Conde de Lemos no século XV: a Revolta dos Guímaros, ó negarse a pagar un tributo. Conta Manuel Amor Meilán que, o Conde ó ter coñecemento de tal actitude intentou sometelos coas armas e, os campesiños non tardaron en ser sometidos ó xugo económico do conde de Lemos, aínda que novamente volveron reunirse baixo o piñeiro e acordaron manterse na súa decisión de non satisfaceren o tributo, a non ser que lles fora recollido nas súas casas sen necesidade de abriren a porta, tan só tirando a moeda por debaixo da porta. Dende entón ás xentes do condado de Lemos coñécenas como guímaros, é dicir, rudos, valentes e desconfiados. Durante moito tempo, e para conmemoraren estes episodios, os veciños da Pobra reuníanse a madrugada de tódolos domingos nas inmediacións onde tivera lugar o levantamento de finais do século XIV ou principios do XV, co fin de tomar acordos que afectasen ós intereses do municipio.

Entrada á cova das Choias, antiga mina de ferro, na aldea de Biduedo.

A partir do século XV, a pesar das reformas da administración propiciadas polos Reis Católicos e os seus descendentes como soberanos de todo o Estado, as Terras do Brollón continuaron vinculadas á Casa de Lemos, ata as reformas administrativas do século XIX. A súa economía centrábase na agricultura (centeo e viño), gandería e a explotación das minas de ferro, principalmente a cova das Choias e A Veneira de Roques, (que chegou a ter 37 mineiros) que procuraban de mineral a tódalas ferrerías do contorno, incluídas as tres do termo: Ferrería de Biduedo, Ferrería de Barxa de Lor e a Ferrería de Loureiro.

A chegada do millo e a da pataca, a finais do século XVIII, contribuíu a gran crecemento demográfico, o que obrigou a poñer en explotación terras baldeiras ata entón e a construción de novas vilas. A finais do século XIX, as viñas sufriron a peste da filoxera que obrigou a abandonar o seu cultivo ata ven entrado o século XX.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Contemporánea o concello comeza a adquirir servizos e a desenvolverse. En 1850 construíuse a estrada entre Lugo e Valdeorras pasando pola Pobra. No ano 1883 o rei Afonso XII inaugurou a liña de ferrocarril entre Madrid e A Coruña, que pasa polo concello da Pobra do Brollón. No lugar da Estación construíuse unha estación que aínda funciona na actualidade e que lle dá nome a este lugar.

A principios do século XX aumentou notablemente a poboación e tivo 7.992 habitantes en 1900, chegando aos 8.116 en 1950. Dende entón a poboación non cesou na súa regresión e agora conta con pouco máis dunha cuarta parte, 2.201 habitantes en 2007, debido á emigración dos anos 60 e 70 e da alta idade media da poboación.

Dende as últimas décadas do século ata agora estase a mellorar a calidade de vida nas parroquias rurais do concello e tamén da vila da Pobra, contando xa con moitos servizos básicos. Nos últimos anos puxéronse en servizo un punto limpo de reciclaxe e un centro para maiores, entre outros. Espérase que empece a haber nun futuro próximo un aumento da poboación.

Actualmente está en proxecto a autovía A-76, que unirá Ponferrada e Ourense e que, tras moita polémica, pasará polo concello, paralela á N-120, e axudará ó desenvolvemento da zona xa que terá unha saída no concello. Tamén está previsto que a liña de alta velocidade Ponferrada-Monforte pase polo concello.

Patrimonio artístico

[editar | editar a fonte]
Igrexa de Santalla de Rei, do século XVII.

Arquitectura relixiosa

[editar | editar a fonte]

No concello abundan igrexas e capelas (hai 23 igrexas parroquiais e 11 capelas en todo o concello). Destacan as igrexas románicas de Veiga, cunha nave rectangular e unha ábsida de tramo rectangular e cabeceira semicircular con bóvedas de canón e cuarto de laranxa, e a de Ferreiros, que só conserva unha parte do seu pasado románico.

O templo de Lamaigrexa de 1788 posúe unha torre de tres corpos no frontal. O retablo maior é neoclásico, e ten outro neoclásico e outro rococó do século XVIII. Conta cun púlpito policromado, pía bautismal e dúas pias de auga bendita.

A igrexa de Óutara ten un retablo maior renacentista e unha imaxe de Santa María do s.XV. A igrexa de Parada dos Montes é de 1895, pero conserva un retablo neoclásico (procedente do convento das Clarisas de Monforte). O templo de Pinel posúe un retablo maior de estípites con tallas de interese. A igrexa de Santalla de Rei posúe un retablo do 1697.

Na capela do San Vitoiro celébrase unha popular romaría na honra a este santo. Outras capelas son a de San Isidro Labrador da Estación, Santa Mª Madalena da Veneira de Roques, San Francisco de Biduedo, San Sebastián de Río de Bois, San Miguel de Canedo, Piñeiros (Castroncelos), Ferreiría (Óutara), Ferreira (Parada dos Montes), Nogueiras (Cereixa), Santiorxo (Liñares), Curral de Gándaras (Piño) e Loureiro (abandonada).

Arquitectura civil

[editar | editar a fonte]

Da arquitectura civil hai que destacar unha característica específica de pobos como Parada dos Montes onde os tellados das casas, feitos de lousa da zona, están unidos e superpostos para poder circular os días de chuvia ou nevadas intensas e protexerse así mellor da intemperie ou dos ataques de lobos. Tamén cabe destacar a aldea de Forgas.

A arquitectura popular ten o seu principal expoñente nos muíños, destacando o muíño de Folla en Santalla de Rei, o de Lebrón e os de Pacios de Veiga. Así mesmo, tamén é digna de mención a ponte de Barxa de Lor, do século XVI, considerada romana segundo a tradición.

Con respecto ós pazos e casas grandes hai que destacar a Casa de Díaz en Ferreiros e a Casa de Fontela na Pobra ambas con sendas pedras de armas, e a Casa Grande de Marcón na Ferreirúa, hoxe colexio da parroquia. Outras casas grandes son a Casa de Barredo (Canedo), Casa do Mesón (Castroncelos), Casa da Torre (A Ferreirúa), Casa do Castro de Lama (Barxa de Lor) e Casa da Marquesa (Barxa de Lor).

Economía

[editar | editar a fonte]

O sistema económico do concello fundaméntase no sector primario (86,1 % da poboación activa), que se complementa cun terciario pouco especializado (9 %) e dun minoritario sector secundario (4,9 %).

Na agricultura destacan os cultivos de patacas, millo e centeo, xunto á explotación de árbores froiteiras, como o castiñeiro. A agricultura está enfocada á manutención da cabana gandeira, que é a que reporta un maior beneficio ó agricultor, tanto polas vendas como polo leite. Predomina a cabana bovina sobre a porcina e a ovina, e máis a explotación avícola. O aproveitamento forestal é outro dos recursos da zona, ademais do cultivo da vide en Vilachá, acollido á D.O. Ribeira Sacra e pertencente á subzona Quiroga-Bibei.

O sector secundario industrial localízase principalmente noutra banda, a extracción de rocas, conta con boas instalacións e alto grao de comercialización cun mercado nacional e mesmo internacional.

O sector terciario céntrase na capital municipal. O sector servizos baséase no pequeno comercio. Na hostalería atópase bastante desenvolvido, sobre todo grazas ás axudas do Plan Leader, contando con numerosos restaurantes que ofrecen a gastronomía típica da zona e hospedaxes de turismo rural. No sector transportes existen pequenas empresas e algúns autotaxis.

As feiras que se celebran son:

Lugares de interese

[editar | editar a fonte]

Monumentos

[editar | editar a fonte]
Igrexa románica de Veiga.
  • Igrexa de San Xián de Veiga: templo románico do s.XII.
  • Igrexa de San Salvador de Ferreiros: conserva unha parte do s.XII aínda que a maioría e do s.XVII e ten pinturas do s.XV.
  • Ponte medieval de Barxa: situada na ruta sur do Camiño de Santiago. Unha ponte anterior no mesmo lugar era romana e por ela pasaba unha vía romana. A tradición di que por ela pasou un rei a cabalo. Consta de tres vanos de formas e dimensións diferentes. O arco maior está no extremo meridional, é de medio punto, lixeiramente apuntado e ten unha luz moi grande, de máis de vinte metros que non é doado encontrar nas pontes antigas do noroeste.
  • Casa Grande de Marcón: convento sito na Ferreirúa.
  • Adegas de Vilachá: adegas centenarias sitas nesta aldea vinícola, na ribeira do Sil, onde tamén hai un miradoiro, o da Capela.
  • Parada dos Montes: aldea típica rural de alta montaña. Os tellados das casas están unidos e superpostos para poder circular os días de nevadas intensas e protexerse mellor da intemperie.
  • Forgas: aldea tamén importante como conxunto arquitectónico.
Miradoiro da Capela

Comunicacións

[editar | editar a fonte]

A Pobra do Brollón é un concello bastante ben comunicado, aínda que na metade leste as comunicacións son dificultosas debido ás altas montañas. Está situado por estrada a 14 km de Monforte de Lemos, a 58 km de Ourense, a 65 km de Lugo, a 135 km de Santiago e a uns 150 das principais cidades galegas, Vigo (153 km) e A Coruña (159 km).

En total o concello ten unha rede de estradas asfaltadas de case 200 km. Entre as estradas destaca a N-120, que une o concello con Monforte de Lemos, Ourense e Ponferrada e pasa 2 km ao sur da capital municipal, xunto ao lugar da Estación. Está en proxecto a autovía A-76 seguindo o mesmo percorrido que a anterior.

Á altura da Estación, da N-120 parte un ramal que conecta coa LU-652, que chega a Bóveda onde enlaza co corredor CG-2.2 que une Monforte e Lugo. Paralela á N-120, atópase a estrada autonómica LU-933 que une o concello con Monforte e Quiroga. Tamén hai outra estrada local, a LU-653, que une o concello co Incio, co que limita polo norte.

Ademais, un total de 13 estradas secundarias pertencentes á Deputación de Lugo vertebran o concello. Finalmente, hai que engadir a rede de estradas municipais, que dependen do concello e chegan a todos os lugares e parroquias.

Ferrocarril

[editar | editar a fonte]
Estación da Pobra do Brollón

Tamén cruza o concello a liña de ferrocarril León-A Coruña que conta cunha estación no concello. A estación da Pobra do Brollón, moi utilizada no século XX, atópase no lugar da Estación, que se formou e creceu coa chegada do ferrocarril.

Actualmente só para nela un tren de media distancia procedente de Vigo e con destino Ponferrada, que circula diariamente e pasa por outras localidades importantes como Ourense, Monforte e O Barco de Valdeorras. Con todo, non existe parada de ningún tren en sentido contrario.

Non obstante, a estación de Monforte de Lemos, situada a 10 km da da Pobra, dispón de servizos de longa distancia ás principais cidades de España e unha maior oferta de servizos de media distancia.

Festividades

[editar | editar a fonte]

O concello da Pobra do Brollón establece como días festivos, todos aqueles da comunidade de Galicia, a parte dos festivos locais: o Corpus Christi (en xuño) e o San Vitoiro (27 de agosto).

Celebrada na parroquia de Saa, o 27 de agosto. É unha das romarías máis importantes da comarca, que se celebra na capela deste santo, situada na serra da Trapa a máis de 600 m de altitude. O San Vitoiro é o patrón de sete lugares do concello: O Busto, Covadelas, Forgas, Lebrón, Penadexo, Pradelas e Teixeira.

O Oso de Salcedo

Celébrase en febreiro en Salcedo con desfiles de disfraces, descenso de carrilanas e outras actividades lúdicas, como obras de teatro. Cabe destacar a figura do Oso de Salcedo.

Outras festas

[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares da Pobra do Brollón

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Pobra do Brollón vexa: Lugares da Pobra do Brollón.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias da Pobra do Brollón

Abrence (San Xoán) | Barxa de Lor (Santa Mariña) | Canedo (San Miguel) | Castroncelos (Santiago) | Castrosante (Santa Mariña) | Cereixa (San Pedro) | Eixón (San Xurxo) | Ferreiros (San Salvador) | A Ferreirúa (San Martiño) | Fornelas (Santa Comba) | Lamaigrexa (San Pedro) | Liñares (San Cosme) | Óutara (Santa María) | Parada dos Montes (Santa Einés) | Pinel (Santa María) | Piño (Santa María) | A Pobra do Brollón (San Pedro) | Saa (Santa María) | Salcedo (San Xoán) | Santalla de Rei (Santalla) | Veiga (San Xián) | Vilachá (San Mamede)

  1. "El sur de Lugo se hace viejo". La Voz de Galicia. 30 de marzo de 2022. Consultado o 15 de marzo de 2023. 
  2. "Lope de Ferreiros, o primeiro guímaro". La Voz de Galicia. 13 de xullo de 2019. Consultado o 14 de maio de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]