O rei de España, Carlos II, non tendo herdeiro directo e temendo que logo da súa morte os seus Estados foran compartidos entre as grandes potencias, fixo un testamento en favor de Filipe de Anjou, futuro Filipe V e neto de Lois XIV. Tras este acto, Inglaterra, Austria, Prusia e Hannover asinan esta Grande Alianza de 1701, esta firma abre a guerra de sucesión de España. Este conflito é o máis longo e o máis custoso do tempo; os combates desenvólvense en Italia, Alemaña, España e nos Países Baixos. Estas hostilidades cesan co Tratado de Utrecht, con Inglaterra, e co de Rastadt en 1714 co emperador Carlos VI, segundo fillo de Leopoldo I.
Francia asina en abril de 1713 con Inglaterra, Holanda, Portugal e o duque de Savoia. En canto a España, firma á súa vez o 10 de xullo con Inglaterra logo co duque de Savoia o 13 de agosto.
Estes Tratados constitúen unha das normas fundamentais do dereito europeo; vese a separación perpetua das dúas monarquías de Francia e España, sancionando importantes desprazamentos de territorio.
Mapa cos cambios territoriais por mor do Tratado de Utrecht (1713).
As disposicións do Tratado de Utrecht son as seguintes:
España perde todas as súas posesións europeas en Bélxica así como en Italia.
Os Países Baixos, o reino de Nápoles, os portos de Toscana e o ducado de Milán garanten ao emperador Carlos VI a hexemonía en Italia.
Sardeña concederase ao elector de Baviera, en prezo da indemnización dos seus propios Estados.
Holanda obtén a famosa barreira que así ardentemente buscara; Lois XIV cede coa liberdade de comercio: Menin, Tournai, o forte de Knokke, Loo, Dixmude, Ypres e as súas dependencias.
Francia non perde nada en Europa, contrariamente ó esperado, senón que cede a Inglaterra: Terra Nova, a baía de Hudson, o Acadia (Nova Escocia), San Cristovo (as Antillas) e a liberdade de comercio coa trata de negros, cuxo privilexio coñecido baixo o nome de asento volve de novo a España.
España entrega aos ingleses en toda soberanía a illa de Menorca; polo Artigo 10, «o rei católico Filipe V abandona a Gran Bretaña, no seu nome e en nome dos seus sucesores, a propiedade sen división da cidade e a cidadela de Xibraltar, incluídos o seu porto e as súas construcións militares».
Os Ingleses, que non queren permitir a reconstitución do imperio de Carlos V, prefiren recoñecer a Filipe V como rei de España, especificando que as dúas coroas de Francia e España non poderán reunirse nunca máis.
Logo dos grandes desastres dos anos anteriores, esta paz é inesperada; é tamén o principio da preponderancia inglesa. España e as Provincias Unidas son as dúas grandes perdedoras. Estes Tratados deixan en suspenso, con respecto á sucesión de España, algúns litixios dubidosos que avivan a guerra entre o rei de España e o emperador Carlos VI; estes desacordos soluciónanse nos Tratados de Viena, en 1731 e 1738.
O Tratado de Westfalia (1648) e de Utrecht permanecerán durante medio século como a carta política e territorial de Europa.