A Catedral de Santa María da Sé de Sevilla é a catedralgótica cristiá con maior superficie do mundo. A Unesco declarouna en 1987, xunto ao Real Alcázar e o Arquivo de Indias, Patrimonio da Humanidade e, o 25 de xullo de 2010, Ben de Valor Universal Excepcional. Segundo a tradición, a construción iniciouse en 1401, aínda que non existe constancia documental do comezo dos traballos ata 1433. A edificación realizouse no soar que quedou tras a demolición da antiga MesquitaAljama de Sevilla.[1]
No ano 2008, a investigadora da Universidade de Cantabria Begoña Alonso Ruiz atopou o plano máis antigo que se coñece da Catedral de Sevilla no Mosteiro de Bidaurreta de Oñate (Guipúscoa), o cal foi realizado ao redor de 1490. Este plano, unha vez estudado, achegou importantes datos sobre a construción do edificio.[2]
Un dos primeiros mestres de obras foi Maese Carlín (Charles Galter), procedente de Normandía (Francia), que traballara previamente noutras grandes catedrais góticas europeas e chegou a España segundo crese fuxindo da Guerra dos Cen Anos. O 10 de outubro de 1506 procedeuse á colocación da derradeira pedra na parte máis alta do ciborio, co que simbolicamente a catedral quedou finalizada, aínda que en realidade seguiron efectuándose traballos de forma ininterrompida ao longo dos séculos, tanto para a decoración interior, como para engadir novas dependencias ou consolidar e restaurar os danos ocasionados polo paso do tempo, ou circunstancias extraordinarias, entre as que cabe destacar o terremoto de Lisboa de 1755 que produciu unicamente danos menores a pesar da súa intensidade. Nestas obras interviñeron os arquitectos Diego de Riaño, Martín de Gainza e Asensio de Maeda. Tamén nesta etapa Hernán Ruiz edificou o último corpo da Giralda. A catedral e as súas dependencias quedaron terminadas en 1593.
O Cabido Metropolitano mantén a liturxia diaria e a celebración das festividades do Corpus, a Inmaculada e a Virxe dos Reis. Este último día, 15 de agosto, é tamén a festa titular do templo, Santa María da Asunción ou da Sede, e celébrase con solemne procesión de terza e pontifical.
A última obra de importancia realizada tivo lugar no ano 2008 e consistiu na substitución de 576 perpiaños que conformaban un dos grandiosos alicerces que sustentan o templo, por novos bloques de pedra de características similares pero con moita maior resistencia. Este difícil traballo foi posible grazas ao emprego de novos sistemas tecnolóxicos que demostraron que o edificio sufría diariamente unhas oscilacións de 2cm como consecuencia da dilatación dos seus materiais.[3]