Condado de Barcelona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCondado de Barcelona
Comitatus Barcinonensis (la) Editar o valor em Wikidata

Localización
Editar o valor em Wikidata
CapitalCidade de Barcelona Editar o valor em Wikidata
Poboación
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Datos históricos
Precedido por
Creación801 Editar o valor em Wikidata
Disolución1164 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porPrincipado de Cataluña Editar o valor em Wikidata
Evento clave
Organización política
Órgano lexislativoComital Court of Barcelona (en) Traducir , Editar o valor em Wikidata

O condado de Barcelona no contexto da expansión peninsular da Coroa de Aragón.

O condado de Barcelona corresponde ao territorio rexido polos condes de Barcelona entre o século IX e o século XVIII, desde onde se formou historicamente Cataluña como unha entidade política.

Orixes[editar | editar a fonte]

As súas orixes remóntanse ao século VIII, cando con motivo da Invasión musulmá dos dominios do Reino Visigodo e a súa posterior expansión sobre a actual Francia, a confrontación entre os francos e as forzas musulmás conduciu a unha resposta defensiva dos monarcas carolinxios, consistente na creación da denominada Marca Hispánica. Esta realizouse mediante a dominación dos territorios do sur de Francia e do norte da Península Ibérica e derivou na formación dun conxunto de pequenos condados. A dominación franca fíxose efectiva tras a conquista de Xirona (785) e principalmente, cando, no ano 801, a cidade de Barcelona foi conquistada polo rei de Aquitania Lois o Piadoso (ou Ludovico Pío) e é incorporada ao reino franco, establecéndose nela o condado de Barcelona, con dependencia do rei franco. O primeiro conde de Barcelona foi Bera (801-820).[1]

Inicialmente, a autoridade condal recaeu na aristocracia local, tribal ou visigoda, pero a política de Bera, favorable a preservar a paz con Al-Ándalus, motivou que fose acusado de traizón ante o rei. Tras perder un duelo, segundo a tradición xurídica visigoda, Bera foi destituído e exiliado, e o goberno do condado pasou a nobres francos,[2] como Rampón ou Bernardo de Septimania. Con todo, a nobreza visigoda recuperou a confianza real co nomeamento de Sunifredo I de Urgell-Cerdaña como conde de Barcelona en 844. A pesar de todo, os lazos de dependencia dos condados cataláns con respecto á monarquía franca fóronse debilitando. A autonomía consolidouse ao afirmarse os dereitos de herdanza entre as familias condais. Esta tendencia foi acompañada dun proceso de unificación dos condados ata formar entidades políticas máis amplas. O conde Wifredo o Veloso, fillo de Sunifredo e último conde nomeado polos reis francos, representou esta orientación. Conseguiu reunir baixo o seu mando unha serie de condados e transmitilos en herdanza aos seus fillos. Aínda que Wifredo, morto a mans dos musulmáns, dividiu os seus condados entre os seus fillos, o núcleo formado polos condados de Barcelona, Xirona e Osona mantívose indiviso (aínda que algún historiador, como Ramon Martí, cuestiona que Xirona se mantivese inicialmente baixo o dominio dos fillos de Wifredo, e suxire que a casa de Empúries dominou o condado ata o ano 908[3]).

O condado independente[editar | editar a fonte]

Durante o século X, os condes de Barcelona reforzaron a súa autoridade política e fóronse afastando aos poucos da influencia franca. No 985 Barcelona, entón gobernada polo conde Borrell II, é atacada e incendiada polos musulmáns, liderados por Almanzor. O conde refúxiase entón nas montañas de Montserrat, en espera da axuda do rei franco, pero non aparecen as tropas aliadas, o que xera un gran malestar. No ano 988, no reino franco termina a dinastía Carolinxia e é substituída pola dinastía Capeta. Borrell II é requirido para prestar xuramento de fidelidade ao novo rei franco, pero non consta que o conde barcelonés acudise á chamada, pois o rei franco tivo que acudir ao norte a resolver un conflito. Isto foi interpretado como o punto de partida da independencia de feito do condado. A independencia de iure foi obtida polo rei Xaime I no tratado de Corbeil (1258).

Posteriormente, o condado de Barcelona vai crecendo en importancia e en territorio cos sucesivos condes. Vai absorbendo outros condados da Marca Hispánica e expándese lentamente cara ao sur grazas ás batallas contra al-Ándalus e a repoboación de territorios como Tarragona e o campo circundante.

Tras o goberno de Ramón Borrell, seguido do do seu débil fillo Berenguer Ramón I, dominado pola enérxica figura da súa nai Ermesenda de Carcasona, con Ramón Berenguer I refórzase o poder condal: somete aos nobres levantiscos do Penedès, establece alianzas cos condes de Urgell e Pallars, adquire os condados de Carcassonne e Rasez, cobra parias das taifas de Lleida e Zaragoza e renova as bases xurídicas do condado ao iniciar a compilación dos Usatges de Barcelona, conxunto de disposicións, usos e costumes que irá aumentando nos anos posteriores. No seu testamento decide non dividir de novo os seus territorios, senón que os transmite en condominio aos seus dous fillos xemelgos, Ramón Berenguer II e Berenguer Ramón II.[4]

Tras a crise provocada polo asasinato de Ramón Berenguer II e a acusación de fratricidio lanzada contra o seu irmán, quen morreu na Primeira Cruzada, o fillo e sucesor do primeiro, Ramón Berenguer III, soubo consolidar e ampliar os límites do condado. Conquistou parte do condado de Empúries e, á fronte dunha ampla coalición, emprendeu tamén a conquista de Mallorca, aínda que tivo que abandonala ante o avance das tropas almorábides na península. Recibiu así mesmo mediante herdanza os condados de Besalú e Cerdaña, formando progresivamente un espazo territorial moi similar ao da chamada Cataluña Vella, ademais de avanzar cara a Lleida e repoboar territorios fronteirizos como a cidade de Tarragona, restaurándoa efectivamente como sede episcopal. Así mesmo ampliou os seus dominios transpirenaicos ao incorporar o condado da Provenza grazas ao seu matrimonio coa condesa Doce.[5]

O nacemento da Coroa de Aragón[editar | editar a fonte]

Con todo, outro matrimonio, o de Ramón Berenguer IV de Barcelona e Petronila de Aragón, constitúe unha unión dinástica entre a dinastía condal de Barcelona e a casa real de Aragón. Ramón Berenguer IV foi ata a súa morte conde de Barcelona e príncipe de Aragón. O fillo de ambos, Afonso II, foi o primeiro rei de Aragón que á súa vez foi conde de Barcelona, títulos que herdarán a partir de entón todos os reis da Coroa de Aragón. Cada un dos territorios que formarán a unión manterán os seus usos, costumes e moeda propia e co tempo crearán institucións de goberno privativas.

A pervivencia da especificidad do condado barcelonés dentro da Coroa maniféstase, entre outras cousas, en xestos cerimoniais. Así, como se cita na Crónica de Ramón Muntaner, o rei Pedro o Grande, con motivo da súa entrada en Barcelona en 1283, recibiu «la garlanda d’on fo coronat comte de Barcelona e senyor de tota Catalunya», e anos despois o Consello de Cento esixiu ao rei Martiño o Humano que, na visita que debía realizar á cidade en 1400 xunto coa raíña María, «no devia portar corona», senón a garlanda ou diadema que levaran os condes de Barcelona «abans que el comptat de Barcelona fos unit al regne d’Aragó».[6]

Durante os séculos XIII e XIV, o condado seguiría sendo rexido polos reis de Aragón, pero con motivo do Compromiso de Caspe, a titularidade do mesmo pasou á dinastía Trastámara, orixinaria de Castela, mediante a coroación de Fernando I de Aragón. Posteriormente, a unión dinástica entre as coroas de Castela e Aragón comportaría a inclusión do condado nos territorios rexidos polos Austrias.

A extinción do condado de Barcelona[editar | editar a fonte]

A pesar da vinculación do condado á monarquía hispánica, o Dereito propio do condado de Barcelona mantívose vixente ata que foi abolido en 1714 cos Decretos de Nova Planta, tras a Guerra de Sucesión española. Desde entón o condado deixa de ser unha entidade política soberana e o espazo político da actual Cataluña só volvería definirse como tal mediante os estatutos de autonomía de 1932, 1979 e 2006.

Por outra banda, o título soberano de conde de Barcelona osténtao nestes momentos o titular da corona española, Filipe VI. Fora empregado explicitamente durante toda a súa polo seu avó Juan de Borbón, pero revertiu de novo á Coroa, ao morrer este, pois é un título real.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Enciclopedia de Historia de España, Vol. 4, páx. 123.
  2. Josep Mª Salrach, Catalunya a la fi del primer mil·leni, Pagès Editors, Lleida, 2004, páx. 122.
  3. Salrach, op.cit., pág. 136.
  4. Véxase Isabel Rivero, Compendio de historia medieval española, Akal, 1982, páxs. 148-150. Tamén S. Sobrequés, Els grans comtes de Barcelona, Vicens-Vives, 4ª ed., 1985, páxs. 21-79.
  5. Véxase Sobrequés, op.cit., páxs. 137-172.
  6. M. Raufast, "¿Un mismo ceremonial para dos dinastías? Las entradas reales de Martín el Humano (1397) y Fernando I (1412) en Barcelona" Arquivado 02 de abril de 2010 en Wayback Machine., publicado en En la España medieval, Vol. 30, 2007, páx. 115.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Enciclopedia de Historia de España, dirixida por Miguel Artola, Vol. 4. Alianza Editorial, Madrid, 1991.