Calzado
O calzado é a parte da indumentaria empregada para protexer os pés. Adquire moitas formas, como zapatos, sandalias, alpargatas, botas ou deportivas.
O calzado é vestido por unha gran variedade de motivos, incluíndo a protección do pé, a hixiene ou o simple adorno. A miúdo empréganse medias ou calcetíns ó vestir calzado.
Historia
[editar | editar a fonte]Os antigos exipcios empregaban como calzado unha especie de alpargatas feitas con palma ou cortiza de papiro.
Os gregos adoitaban calzar os altos coturnos, que chegaban até o papo da perna e foron logo adaptados polos romanos. Unha variante concreta dese calzado era a usada no teatro, con solas moi grosas, de cortiza, que realzaban a estatura dos actores tráxicos. Pitágoras obrigou ós seus discípulos a usar un calzado igual ó dos exipcios e ó cal debía o nome de baxea. Nos baixorrelevos de Persépole vense persas representados cunha especie de sandalias e noutros monumentos gregos, os bárbaros están cun calzado que os romanos chamaban aluta luxior. Nos tempos heroicos, os gregos só levaban calzado cando saían ó campo: o dos homes era unha especie de botíns de coiro e o das mulleres consistía nunhas sandalias que adoitaban adornar con marfil, prata, ouro e pedras preciosas en tempos máis adiantados que os heroicos.
Licurgo só permitía usar calzado na guerra, na caza e cando se viaxaba de noite. Os espartanos usaban un zapato chan que envolvía todo o pé formado de coiro colorado. O das doncelas era moi alto, e o das matronas dunha altura media. Os atenienses chegaron a coñecer diferentes especies de calzado a modo de botas e zapatos de coiro negro.
Os romanos non levaban calzado ó principio pero logo introduciuse coa moda e en Cicerón lemos que no seu tempo usaron os mozos disolutos un calzado chamado sicyonium. Coñecéronse diferentes especies de calzado a saber: o calceus, o muleus, o phaecasium, para calzado enteiro feito dun coiro chamado aluta; a soleá, a caliga, a crépida, a baxea, o sandalium, o coturno eran solas sinxelas atadas sobre o pé con cintas ou correas. Eran de diferentes cores aínda que xeralmente negras. Os emperadores e triunfadores usábanos colorado. Nas súas casas, usaban os romanos a solea que servía de chinela. O calzado das mulleres adoitaba ser branco. Os senadores usaban unhas medias botas negras levando sobre o nocello unha especie de hebilla, chamada lúa ou tintilla a cal tiña a forma dunha C para indicar que nun principio os senadores patricios non eran máis que cento. Os antigos adoitaban deixar o calzado para comer a fin de non ensuciar os coxíns sobre que se recostaban e os escravos encargados de descalzar e calzar ós señores denomínanse sandaligeruli.