Idade Media

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mausoleo en Rávena de Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos. O reino dos ostrogodos sucedeu ao Imperio Romano de Occidente, cuxa desaparición marca o inicio da Idade Media.
Detalle do barrio xudeu de Ribadavia, que conserva a súa estrutura e aspecto medieval.
Pintura italiana, probabelmente veneciana, de finais do século XV ou comezos do XVI, que representa a caída de Constantinopla en 1453. Este feito marca, para algúns, a fin da Idade Media.

A Idade Media foi un período histórico da civilización occidental comprendido entre o século V e o século XV. Normalmente considérase a súa extensión entre a fin do Imperio Romano do Occidente, no século V (476 d.C.), e o descubrimento de América,[1] no século XV (1492 d.C.), ou en 1453 coa caída do Imperio Bizantino, data que coincide coa invención da imprenta (Biblia de Gutenberg) e coa fin da guerra dos Cen Anos. O adxectivo relacionado con este período é medieval (ver, por exemplo, literatura medieval, arte medieval, arquitectura medieval ou ciencia medieval). Certas sociedades non occidentais, como o Xapón, atravesaron períodos históricos "de transición" que se denominan tamén como Idade Media.

A 2015, os historiadores do período prefiren matizar esta ruptura entre Antigüidade e Idade Media de maneira que entre os séculos III e VIII adóitase falar de Antigüidade Tardía, que fora unha grande etapa de transición en todos os ámbitos: no económico, para a substitución do modo de produción escravista polo modo de produción feudal; no social, para a desaparición do concepto de cidadanía romana e a definición dos estamentos medievais, no político para a descomposición das estruturas centralizadas do Imperio romano que deu paso a unha dispersión do poder; e no ideolóxico e cultural para a absorción e substitución da cultura clásica polas teocéntricas culturas cristiá e islámica (en cadanseus espazos).[2]

Adoitase dividir en dous grandes períodos: Temperá ou Alta Idade Media (do século V ao X, sen unha clara diferenciación coa Antigüidade Tardía); e Baixa Idade Media (do século XI ao XV), que á súa vez pode dividirse nun período de plenitude, a Plena Idade Media (do século XI ao XIII), e os dous últimos séculos, ou Idade Media Tardía, que presenciaron a Crise da Idade Media ou do século XIV.

Malia haber algúns exemplos de utilización previa,[Nota 1] o concepto de Idade Media naceu como a segunda idade da división tradicional do tempo histórico debida a Cristóbal Cellarius (Historia Medii Aevi a temporibus Constantini Magni ad Constaninopolim a Turcis captam deducta, Jena, 1688),[3] quen a consideraba un tempo intermedio, sen apenas valor por si mesmo, entre a Idade Antiga identificada coa arte e a cultura da civilización grecorromana da Antigüidade clásica e a renovación cultural da Idade Moderna —na que el se sitúa— que comeza co Renacemento e o Humanismo. A popularización deste esquema perpetuou un preconcepto erróneo: o de considerar a Idade Media coma unha época escura, sumida no retroceso intelectual e cultural, e un aletargamento social e económico secular (que á súa vez se asocia co feudalismo nos seus trazos máis escurantistas, tal como se definiu polos revolucionarios que combateron o Antigo Réxime). Sería un período dominado polo illamento, a ignorancia, a teocracia, a superstición e o medo milenarista alimentado pola inseguridade endémica, a violencia e a brutalidade de guerras e invasións constantes e epidemias apocalípticas.[Nota 2]

Porén, neste longo período de mil anos houbo todo tipo de feitos e procesos moi diferentes entre si, diferenciados temporal e xeograficamente, respondendo tanto a influencias mutuas con outras civilizacións e espazos como a dinámicas internas. Moitos deles tiveron unha gran proxección cara ao futuro, entre outros os que estableceron as bases do desenvolvemento da posterior expansión europea, e dos axentes sociais que produciron unha sociedade estamental de base maiormente rural, pero que presenciou o nacemento dunha incipiente vida urbana e unha burguesía, que co tempo levarán ao capitalismo.[4] Lonxe de ser unha época inmobilista, a Idade Media, que comezara con migracións de pobos enteiros, e continuara con grandes procesos repoboadores (como o derivado da Reconquista na Península Ibérica, ou o Ostsiedlung en Europa Central e Oriental) viu como nos seus últimos séculos os antigos camiños (moitos deles vías romanas decaídas) se reparaban e modernizaban con airosas pontes, e se enchían de todas as clases de viaxeiros (guerreiros, peregrinos, mercadores, estudantes, goliardos etc.), encarnando a metáfora espiritual da vida coma unha viaxe (homo viator).[5]

Tamén xurdiron na Idade Media novas formas políticas, que van desde o califato islámico aos poderes universais da cristiandade latina (Pontificado e Imperio), ou o Imperio bizantino e os reinos eslavos integrados na cristiandade oriental (aculturación e evanxelización de Cirilo e Metodio); e, en menor escala, todo tipo de cidades estado, desde as pequenas cidades episcopais alemás ata repúblicas que mantiveron imperios marítimos como Venecia; deixando na metade da escala á que tivo maior proxección futura: as monarquías feudais, que transformadas en monarquías autoritarias prefiguran o estado moderno.

Definición e caracterización[editar | editar a fonte]

A Idade Media foi un período de aproximadamente mil anos que se caracterizou polo predominio do Cristianismo en todas as esferas da vida humana na Europa.[6] A este período chámaselle ás veces pexorativamente idade das tebras, pois non tería ningunha creación filosófica ou científica autónoma. Tal idea é criticada por moitos expertos da actual xeración de estudosos da historia da ciencia, que tenden a ver o período de desenvolvemento económico e tecnolóxico que comezou por volta do século XII (permitido por factores como a diminución das invasións bárbaras, mudanzas climáticas etc.), como un importante requisito para o desenvolvemento científico na era moderna.

Aínda que se di que este período abarca desde a caída do Imperio Romano do Occidente ata a Reforma protestante, a ciencia coñeceu un período de preto de mil anos de falta de inspiración en comparación coa produción científica clásica. Vale lembrar que, usando o mesmo criterio, tamén se podería dicir que unha gran "falta de inspiración" tería atinxido o período da Roma Imperial, cuxos descubrimentos en termos de ciencias naturais ficaron moi lonxe das dos gregos (e iso a pesar do longo período de prosperidade proporcionado pola "Pax Romana").

Desafortunadamente, as nocións preconcibidas sobre o status da ciencia na Idade Media foron amplamente propagadas e, aínda hoxe, permanecen mitos como a falsa idea de que os estudosos medievais consideraban que a terra era chá.

Facer unha apreciación clara da Idade Media é complexo: este tipo de avaliación pode tornarse altamente política, pasando a depender moito de susceptibilidades relixiosas. Os católicos acostuman tendenciosamente a ser máis favorables á Idade Media, xa que se identifican coa tradición histórica da relixión cristiá dese tempo. Os protestantes, polo contrario, ven a Idade Media como un período de tebras e dan máis valor á Reforma protestante, que modificou profundamente a práctica relixiosa na Europa (norte) occidental.[7]

Demografía[editar | editar a fonte]

Até a Revolución industrial, a poboación europea viviu nun precario equilibrio cos recursos alimentarios; así, calquera aumento demográfico que non se correspondese cun incremento das posibilidades agrarias derivaba nunha desnutrición que deixaba sen defensas o corpo humano e vulnerábel ante calquera ataque epidémico. Isto foi constante durante a Idade Media, a excepción do período que vai do século XI ao XIII, durante o cal asistiuse a unha expansión demográfica sostida. O aumento de poboación a partir do ano 1000 foi favorecido por certo interese dos señores a conceder terras para cultivar, de forma que se aumentasen as súas rendas, e á talla dos bosques que comportou a ruptura de novas terras, e polo tanto da produción agrícola. Outros factores que posibilitaron o aumento demográfico foron a mellora climática, que grazas a un pluviometría favorable, fixo máis abondosas as colleitas, o paro das grandes migracións que asolaran Europa (xermánicos, maxiares, normandos etc.).

No final do século XIII a expansión agraria parou dun golpe logrando o límite ecolóxico (as novas terras eran máis, o ritmo de produción pola carencia de adobos estabilizárase, a carencia de bosques fixo entrar en crise a gandaría, nun momento que era importante polo adobo dos campos deixados ao barbeito). Todo iso incidiu nun aumento dos prezos, agravado por unha serie de malas colleitas que causaron a fame (especialmente virulenta foi a dos anos 1315 a 1317). E para acabar de adobar o, durante os anos 1348-1349, estendeuse a peste negra, enfermidade terriblemente contaxiosa. A peste foi a máis extensa das enfermidades que iniciaron toda unha serie de "maos anos" que paralizaron o crecemento de moitas cidades e vilas rurais. A pesar da recesión, moitas cidades (París, Florencia, Xénova...) creceron en extensión durante os séculos XIV e XV e as perdas humanas debidas ás epidemias recuperáronse rapidamente. Polo tanto, a crise urbana foi unha crise de adaptación e de crecemento.

Arte[editar | editar a fonte]

O colorido e a exaltación da luz na rosácea de Sainte-Chapelle, París.
Artigo principal: Arte medieval.

A arte durante a Idade Media estivo fundamentada no Cristianismo en case todas as súas expresións. Como durante este período a gran maioría dos campesiños era iletrada, as artes visuais eran o principal método para comunicar as ideas relixiosas, xuntamente cos sermóns. A Igrexa católica era unha das poucas institucións ricas dabondo para remunerar o traballo dos artistas, o que fai que a maior parte das obras sexan de natureza relixiosa (arte sacra).

Coa caída do Imperio romano, moitas das técnicas artísticas da Grecia antiga acabaron perdidas. A pintura medieval pasa a ser predominantemente bidimensional: non era usada a noción de perspectiva e as personaxes retratadas eran pintadas maiores ou menores de acordo coa súa importancia. Ao lado da pintura, a tapizaría foi a máis importante forma de arte medieval. Iso decorre en moito pola súa utilidade ao manter a calor interna dos castelos, construídos de pedra, durante o inverno. A máis famosa tapizaría medieval é o ciclo d' A señora e o unicornio.

As dúas principais manifestacións arquitectónicas, principalmente relacionadas coa construción de catedrais, foron o estilo románico e máis tarde o gótico. Destaca tamén a formación das Gremios de oficios, reunindo artesáns.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Principalmente á partir do século V, os pensadores cristiáns viron a necesidade de afondar nunha fe que estaba madurecendo, co intento de harmonizala coas esixencias do pensamento filosófico. Dese xeito a Filosofía, que ata entón posuía trazos marcadamente clásicos e helenísticos, pasa a recibir influencias da cultura xudaica e cristiá. Algúns temas que antes non formaban parte do universo do pensamento grego, tales como: Providencia e Revelación Divina e Creación a partir do nada pasaron a formar parte de temáticas filosóficas.

Escriba medieval.

A partir do século IX desenvólvese a principal liña filosófica do período, que ficou coñecida como escolástica. Esa filosofía gaña acentos notadamente cristiáns, xurdidos da necesidade de responder ás esixencias da fe, ensinada pola Igrexa, considerada entón como a gardiá dos valores espirituais e morais de toda a Cristiandade e, por así dicir, responsable da unidade de Europa, que comungaba da mesma fe. A Escolástica tivo unha constante de natureza neoplatónica, que combinaba elementos do pensamento de Platón con valores de orde espiritual, reinterpretados polo Occidente cristián. No século XIII Tomé de Aquino introduce tamén elementos da filosofía de Aristóteles no pensamento escolástico.

A cuestión chave que vai atravesar todo o pensamento filosófico medieval é a harmonización de dúas esferas; a fe e a razón. O pensamento de Agostiño (século V), recoñecía a importancia do coñecemento, mais defendía unha subordinación maior da razón en relación á fe por crer que esta última restauraría a condición decaída da razón humana. Xa a liña de Tomé de Aquino (século XIII) defende unha maior autonomía da razón na obtención de respostas a pesar de non negar tal subordinación da razón á fe.

Ciencia e Tecnoloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ciencia e tecnoloxía medieval.
No inicio da era medieval a vida cultural concentrouse nos mosteiros.

Como resultado das migracións bárbaras e da implosión do Imperio Romano do Occidente, a Europa Occidental do inicio da Idade Media era pouco máis que unha colcha de retallos de poboacións rurais e tribos bárbaras. Perdeuse o acceso aos tratados científicos orixinais da antigüidade clásica (en grego), ficaron apenas versións resumidas e ata deturpadas que os romanos traduciran ao latín. A única institución que non se desintegrou xuntamente co falecido imperio, a Igrexa católica, mantén o que resta de forza intelectual, especialmente a través da vida monástica. O home instruído deses séculos era case sempre un crego para quen o estudo dos coñecementos naturais era unha pequena parte da súa escolaridade. Eses estudosos vivían nunha atmosfera que daba prioridade á fe e tiñan a mente máis centrada na salvación das almas que no cuestionamento de detalles do universo físico.

Nalgúns aspectos, no século IX o retroceso causado polas migracións xa estaba revertido. No século X ocorre a contención das últimas ondas de invasións estranxeiras. E por volta do 1100 ocorre unha revolución que combinou renacemento urbano e comercial, ampliación de culturas e fronteiras agrícolas, crecemento económico, desenvolvemento intelectual e grandes evolucións tecnolóxicas. Comezan a se abrir novas escolas ao longo de todo o continente, inclusive en cidades e vilas menores. Sobre o 1200 fúndanse as primeiras universidades – París, Bologna e Oxford – (en 1500 xa serían máis de 70). Comeza un forte movemento de tradución de documentos árabes e gregos, que tornan o coñecemento do mundo antigo novamente dispoñible aos eruditos europeos. Todo iso posibilitou un gran progreso en coñecementos como a Astronomía, a Matemática, a Bioloxía e a Medicina.

O período de 1100 a 1300 xa foi chamado de Revolución Industrial da Idade Media.

Causaban espanto e admiración innovacións como os grandes reloxos mecánicos que transformaron a noción de tempo nas cidades. Presenciáronse descubrimentos como os dos lentes, en 1285, e do imprenta móbil, en 1448. Houbo tamén moitas innovacións na forma de utilizar os medios de produción, coas técnicas de cerrallaría e incisión de pedras, a fundición de ferro, e os avances nas técnicas de construción aplicadas ao estilo gótico. No sector agrícola, temos o desenvolvemento de ferramentas, melloras en carruaxes, arreos para bestas de carga, e a utilización de muíños de auga Avances en instrumentos como o compás e mailo astrolabio, na confección de mapas e as carabelas fixeron posible a expansión marítimo-comercial europea na Idade Moderna.

O legado medieval para o progreso científico[editar | editar a fonte]

A tecnoloxía das grandes navegacións permitirá en séculos futuros o descubrimento dun número extraordinario de novas especies de animais e plantas, alén de novas formacións xeolóxicas e climáticas. Os avances obtidos na óptica xerarían despois aparellos como o microscopio e mailo telescopio, que, xuntamente coa imprenta (outro froito medieval), son vistos como os equipamentos máis importantes xa creados para o avance do coñecemento humano. Porén, a herdanza máis importante do período talvez fose o nacemento e multiplicación das universidades, xuntamente co xurdimento das primeiras sementes da metodoloxía científica contemporánea.

Guerra e armamento[editar | editar a fonte]

Espadas do período final da Idade Media.

A Idade Media xorde, en termos bélicos, como un período de grandes desenvolvementos tecnolóxicos, provindo esencialmente de dous grandes laboratorios, o Oriente Medio e a Península Ibérica. As dúas zonas, que desde moi cedo se tornaron palcos de violentas batallas entre musulmáns e cristiáns, fan que a práctica, a filosofía, a tecnoloxía e a propia xénese da guerra evolucionen. Os termos cruzada e xihad xorden nesta época,[Cómpre referencia] e aínda que ambas teñan un significado extremadamente semellante,[Cómpre referencia] son dous paradigmas dunha realidade moi peculiar.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

As Cruzadas, entre os séculos XI e XIII, permitiron aos europeos entrar en contacto con produtos do Oriente, logo incorporados na gastronomía: trigo sarraceno, azucre, anís, comiño, canela, xenxibre, noz moscada, azafrán, cebola e ameixa. Eses novos ingredientes posibilitaron o desenvolvemento dos chourizos e das técnicas de preparación de vinagre, mostaza e mollos especiais.

Datas significativas[editar | editar a fonte]

Recreación dun cabaleiro medieval en Ribadavia.

Transición do Período Clásico á Idade Media[editar | editar a fonte]

Transición da Idade Media á Era Moderna[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que o primeiro que sinalou a existencia de unidade no período comprendido entre o século V e o XV foi o humanista Flavio Biondo, a fama de ter utilizado antes ca ninguén o termo Idade Media correspóndelle ao bispo de Alesia, Giovanni Andrea dei Bussi. Nunha carta súa do ano 1469 dise expresamente o seguinte:
    «sed mediae tempestatis tum veteris, tum recentio­res usque ad nostra tempora».
    Esa media tempestas era o bosquexo duns «tempos medios», que servían de ponte entre a gloriosa antigüidade clásica, á que se mitificaba, e os novos tempos, que tornaran os seus ollos cara aquel período de esplendor. Expresións como medium aevum, media tempestas, media aetas etc., aparecen en historiadores ou filólogos desde comezos do século XVI. Así, por exemplo, utilizáronas Xaquín de Wat, en 1501, ou Xoán de Heerwagen, en 1532. Máis avanzado o século, en 1575, atopámolas en Marco Welser e Adriano Junius. O uso de ditas expresións pode, así mesmo, rastrexarse no decurso do século XVII: Conisius, en 1601; Goldats, en 1604; Vossius, en 1662; etc. Du Cange, no seu célebre Glosario, aparecido en 1678, falou da «mediae et infimae latinitatis». Pode dicirse que o termo Idade Media estaba plenamente admitido, por máis cá súa orixe non fora propiamente obra dos historiadores, senón dos filólogos. Non obstante, no mesmo século XVII producíronse algunhas precisións de gran transcendencia acerca dos «tempos medios». En 1665, Xurxo Horn, nunha obra titulada Arca Noé, chamaba «medium aevum» ao período comprendido entre os anos 300 e 1500. Pouco tempo despois, en 1688, apareceu un libro que ía desempeñar un papel destacado na fixación do concepto de Idade Media. Trátase da Historia medii aevi a temporibus Constantini Magni ad Constantinopolim a Turcis captam, do que era autor Cristovo Keller, profesor da universidade alemá de Halle. Foi Keller, cuxas precisións cronolóxicas sobre o Medievo son ben significativas, o punto de partida da difusión e xeneralización da expresión Idade Media. Valdeón, op. cit., vol 11 px. 11.
  2. Mesmo actualmente xúlgase a Idade Media coma unha época mala ou "fea", á vez violenta, escura e ignorante. Agora sabemos que esta imaxe é falsa, aínda que houbo unha Idade Media da violencia, e non unicamente a dos conflitos e as guerras entre grupos e entre países, senón tamén as violencias contra os xudeus, co comezo do antisemitismo, e a represión dos rebeldes á doutrina da Igrexa... Evidentemente, as Cruzadas tamén forman parte do balance negativo. Porén, a Idade Media foi igualmente un gran período creador. Pódese apreciar no terreo da arte, das institucións, por suposto primordialmente nas cidades (por exemplo coas universidades), ou mesmo do pensamento, no que a filosofía que foi chamada "escolástica" acadou altos cumios do saber... a Idade Media creou "lugares de encontro" comerciais e festivos (as feiras, os mercados e as festas), nos que seguimos inspirándonos. Le Goff, op. cit., pgs. 115-116.
    Nesta época, a noite vívese en ambientes pouco luminosos: en cabanas alumeadas como moito polo lume da lareira, nas estancias amplísimas de castelos iluminados por fachóns ou na cela dun monxe á débil luz dun candil, e escuras (ademais de inseguras) eran as rúas das vilas e das cidades. Porén, esta é unha característica propia tamén do Renacemento, do Barroco e -máis tarde aínda- do período que se prolonga polo menos ata o descubrimento da electricidade. En cambio, ao home medieval vémolo -ou, polo menos, podemos atopalo representado na poesía e na pintura- nun ambiente moi luminoso. O que chama a atención nas miniaturas medievais é que, sendo realizadas talvez en ambientes escuros apenas iluminados por unha única ventá, están cheas de luz, incluso dunha luminosidade especial, producida pola proximidade de cores puras: vermello, azul, ouro, prata, branco e verde, sen matices nin clarescuros.
    Umberto Eco, Historia da Beleza, px. 99-100

    Le Goff, Héroes, maravillas y leyendas de la Edad Media, Paidós, 2010; Georges Duby La época de las catedrales citados por Guillermo Altares Robin Hood y la actualidad de la Edad Media, El País, 26 de decembro de 2010

Referencias
  1. Edad media 476-1492 (LibraryThing).
  2. Perry Anderson, op. cit.
  3. Riu, Manuel (1978): Prólogo á edición española en La historia del mundo en la Edad Media (The Shorter Cambridge Medieval History, The Later Roman Empire To The Twelfth Century). Madrid, Sopena, tomo I px. XXIV.
  4. Rodney Hilton, op. cit.
  5. Le Goff, op. cit., px. 63-64
  6. Castillero Mimenza, Oscar (2019). "Edad Media: 18 características, etapas e historia de este período". Consultado o 7 de agosto de 2019. 
  7. Vega Carrasco, Miguel. "Breve historia de la Reforma Protestante". Descubrir La Historia. Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2019. Consultado o 7 de agosto de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]