Natación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe dunha persoa practicando a natación.

A natación é a actividade física do home e doutros animais que consiste en se desprazar na auga, por medio de movementos dos brazos e pernas, polo xeral sen ningún instrumento artificial. É un deporte aeróbico, xa que nel se moven de forma coordinada tódolos grupos musculares e está comprobado que serve para mellora-la resistencia física.[Cómpre referencia]

A natación era orixinalmente un medio de supervivencia do home, que en tempos primitivos precisaba fuxir de animais maiores ou cazar por entre ríos e lagos. Actualmente a natación é sobre todo unha práctica recreativa e un deporte, utilizándose eventualmente para salvar persoas do afogamento. Tamén existe a natación asociada ao traballo, como no caso dos recolectores de perlas, algúns tipos de pescadores e os científicos que investigan a fauna e flora marítimas.

Diversos animais posúen a capacidade de nadar por instinto; o home precisa desenvolvela. Porén, unha vez aprendida, xamais se esquece. A práctica da natación considérase un dos mellores exercicios físicos existentes.

Os seus usos principais son o baño, o mergullo, a pesca submarina, salvamento acuático, actividade lúdica, exercicio e deporte.

Deporte[editar | editar a fonte]

A natación insírese nos deportes acuáticos. O obxectivo dunha competición de natación é determinar cal é o nadador máis rápido. Existe unha serie de regulamentos acerca das competicións da natación. A regra básica separa o modo polo cal o atleta gaña impulso na auga en catro estilos diferentes:

Cada un deses estilos ten especificacións en canto á posición do tórax do atleta e ao movemento de pernas e brazos. No estilo crawl, por exemplo, o atleta posiciónase co peito voltado para o fondo da piscina, en posición horizontal no nivel de auga; os brazos saen da auga en posición paralela ao corpo, xogándose para fronte por riba da auga, alternadamente (en canto un vai para diante, o outro brazo volta para tras por baixo da auga); as pernas móvense para diante e para tras tamén alternadamente. Xa no nado bolboreta, o atleta tamén fica co peito voltado para o fondo da piscina, mais xoga os dous brazos ao mesmo tempo para fronte e produce un movemento tamén sincronizado coas pernas, para riba e para baixo. No nado de costas o atleta fica co peito voltado para riba, e as costas voltadas para o fondo da piscina.

A piscina oficial de competicións mide 50 metros de longo. Debe conter 8 raias, separando corredores de 2,5 metros de ancho, cun espazo suplementario mínimo de 20 centímetros ao lado das raias externas. A profundidade debe ser igual ou superior a 1,35 metros. A auga debe estar a unha temperatura entre 25 ºC e 28 ºC nas competicións.

No ámbito internacional, a natación competitiva organízase pola FINA (Fédération Internationale de Natation).

Historia[editar | editar a fonte]

Antigüidade[editar | editar a fonte]

Dende épocas primitivas, o ser humano tivo que adaptarse ó medio que o rodea, e un deles é o acuático. Se temos en conta que a superficie do planeta Terra está formada nas súas tres cuartas partes de auga, poderemos comprender a importancia e a necesidade do home de adaptarse a este medio.

A natación coñécese dende a época prehistórica, como o demostran debuxos da Idade de Pedra na Caverna do Nadador, preto de Wadi Sora (ou Sura), na parte suroeste de Exipto. As referencias escritas datan dende o ano 2000 a.C., incluído Gilgamesh, A Ilíada, a Biblia (Ezequiel 47:5, Actos 27:42, Isaías 25:11), Beowulf e outras sagas.

En 1538, Nicolas Wynman, profesor alemán de idiomas, escribiu o primeiro libro sobre a natación, titulado: Colymbetes.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Piscina en Mosul, Iraq.

A natación competitiva en Europa empezou ó redor do ano 1800, principalmente usando o estilo de braza. O estilo crawl, entón chamado trudgen, foi introducido en 1873 por John Arturh Trudgen, que o copiou dos indios nativos de América.

A natación pasou a formar parte dos primeiros Xogos Olímpicos modernos de 1896 en Atenas. En 1902, o "estilo trudgen" foi mellorado por Richard Cavill, usando a patada continua. En 1908 creouse a Asociación Mundial de Natación.

O estilo bolboreta foi nun principio unha variación do estilo braza, ata que foi aceptado como un estilo autónomo en 1952.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Natación
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Natación