Millo

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Millo
GEM corn.jpg
Mazarocas de millo
Clasificación científica
Reino: Plantae
Clase: Liliopsida
Subclase: Commelinidae
Orde: Poales
Familia: Poaceae
Subfamilia: Panicoideae
Tribo: Andropogoneae
Subtribo: Tripsacinae
Xénero: Zea
Nome binomial
Zea mays
L., Sp. Pl., 2: 971, 1753 [1]
Subespecies
Millo "amorodo", orixinal de Norteamérica.
Millo "Oaxacan Green" orixinal de Norteamérica.
Millo "Ottofile giallo Tortonese"

O millo ou maínzo[1] (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid" [Cómpre referencia].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo millo procede do latín vulgar millium, -ii, probabelmente influenciado por mil, debido á cantidade de grans que tiña a espiga, inda que este nun principio era o nome do paínzo.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Produción mundial de millo en 2001; fai un clic para ampliar

Todo parece indicar que o cultivo do millo comezou onde hoxe se localizan México e América Central hai millares de anos. O seu nome, de orixe indíxena caribeña, significa “sustento da vida”. Alimentación básica de varias civilizacións importantes ao longo dos séculos, os maias, aztecas e incas reverenciaban o cereal na arte e relixión. Gran parte de súas actividades diarias estaban ligadas ao seu cultivo.

O millo era plantado por indios americanos nos montes, usando un sistema complexo que variaba a especie plantada de acordo co seu uso. Ese método foi substituído por plantacións dunha única especie.

Coas grandes navegacións do século XVI e o inicio do proceso de colonización de América, o cultivo do millo expandiuse cara outras partes do mundo. Foi traída a Europa por Cristovo Colón en 1492 e a primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610 [Cómpre referencia], na zona do Barbanza. O novo millo veu substituír o antigo, que hoxe recibe o nome de millo miúdo ou paínzo, e que se viña cultivando e secando en hórreos e celeiros en Europa dende a antigüidade.

O seu cultivo é fundamental na zona setentrional dos Balcáns, no sur de Rusia e en Suráfrica. En España é o cultivo típico da zona húmida e en América os maiores focos sitúanse en Estados Unidos (no chamado Corn belt, o cinto do millo) e Arxentina. Hoxe é cultivado e consumido en todos os continentes e a súa produción é maior que a de trigo e a do arroz: segundo datos da FAO-OMS, a produción mundial en 2012 foi de 873 millóns de toneladas de millo, 671 millóns de trigo e 738 de arroz.

O cultivo de millo na forma ancestral continúa a practicarse en América do Sur, especialmente en rexións pouco desenvolvidas, no sistema coñecido no Brasil como de rozas.

Grans[editar | editar a fonte]

Debuxo da planta

O gran componse de embrión ou xermolo (onde se concentra a graxa) e endospermo con amidón (órgano de reserva que forma o corpo da semente). Xunta cada gran de amidón esténdese unha rede de proteínas, substancia que tamén aparece na capa de aleurona que rodea a superficie do endospermo. Este gran pode moerse separando primeiro a cuberta (o xermolo do endospermo) ou enteiro, como no trigo. A súa fariña constitúe unha das principais fontes de amidón e o xermolo fornece aceite. Ademais o millo serve coma un extraordinario instrumento de investigación xenética.

Cultivo[editar | editar a fonte]

A sementeira faise en sucos ou foxiños con 3-4 grans e o seu período vexetativo oscila entre 4 e 5 meses. Durante o mesmo non precisa de excesivos coidados, aínda que algo si no comezo. Despois da fecundación procédese á poda.

A planta medra en medios tan diferentes que se podería dicir que non existe ningunha enfermidade de carácter universal para ela. As máis comúns son o tizón (Ustilago maydis), que pode producir formacións tumorosas en calquera parte da planta, e a podremia de raíz, talo e mazaroca, que agosta as partes mencionadas. Para combatelas aconséllase o emprego de variedades resistentes. Canto ás pragas, destaca o barreno (Diatraea saccharalis), combatido eliminando os individuos hibernantes.

Até avanzado o século XX, os labregos galegos distinguían entre o millo do monte e o millo da leira. Tratándose da mesma especie, aquel sementábase en claros abertos nos bosques mediante lumes e pagábase o dobre que estoutro [Cómpre referencia].

Procesado[editar | editar a fonte]

Cultívase moito nas zonas costeiras, onde se sementa nos meses de abril e maio, e colléitase entre setembro e outubro. Posteriormente esfóllase e gárdase no hórreo ou en sitio seco, para dedicalo ó consumo animal ou humano. En Galiza adóitase facer pan con el (normalmente mesturándoo con centeo), filloas e empanadas.

A variedade botánica chamada popularmente millo pego ou millo corvo foi fondamente estudada pola Misión Biolóxica de Galicia para a súa mellora xenética.

Hibridación[editar | editar a fonte]

As variedades híbridas conséguense fecundando artificialmente as variedades orixinais de polinización directa durante cinco xeracións seguidas. Con catro castas A, B, C e D, as dúas primeiras seméntanse en sucos alternos nun campo illado doutro coas dúas segundas. Dentro de cada leira procúrase escoller posteriormente como proxenitor masculino a casta que destaque pola abundancia de pole nas flores masculinas; a outra raza será o proxenitor feminino pola súa boa formación de gran. Tanto nunha coma noutra leira, as flores masculinas novas arríncanse da parte superior da casta feminina consonte queren florecer. Así, todo o pole que transporte o ar ata a ringleira feminina será orixinario da masculina e tódalas plantas da ringleira feminina darán semente híbrida, AB nunha leira e CD na outra parcela.

No ano seguinte, estes millos híbridos seméntanse xuntos en aliñamentos alternativos e a maior escala. Repítese a operación de separar as flores masculinas dunha delas e a semente resultante será híbrida das catro liñas. As variedades híbridas así conseguidas non se reproducirán a si mesmas [Cómpre referencia], polo que hai que facerse con sementes tódolos anos.

Usos[editar | editar a fonte]

Tamales mexicanos

O millo utilízase basicamente na alimentación, sexa en forma directa (consumo humano directo), ou indirecta (na alimentación de animais).

No mapa inferior móstrase a taxa de consumo de millo per cápita a nivel mundial; como se ve no mapa México, Guatemala, O Salvador, e os países do sur de África, encabezan a lista dos principais consumidores de millo.[3]

Taxa de consumo de millo per cápita: ██ máis de 100 kg/ano ██ de 50 a 99 kg/ano ██ de 19 a 49 kg/ano ██ de 6 a 18 kg/ano ██ 5 ou menos kg/ano

Uso na alimentación humana directa[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos, o uso do millo na alimentación humana directa é relativamente pequeno -aínda que haxa gran produción de cereais para o almorzo (flocos de cereais ou corn flakes) e xarope de millo, utilizado como adozante. En México o seu uso é moi importante, sendo a base da alimentación da poboación (é o ingrediente principal das tortitas, e outros pratos da gastronomía mexicana).

Véxase tamén artigo millo doce.

Usos alternativos[editar | editar a fonte]

O principal uso do millo nos Estados Unidos e o Canadá é como ingrediente da alimentación dos animais. No Brasil a situación é parecida: o 65% do millo é utilizado na alimentación animal, e 11% é consumido pola industria, para diversos fins.

O seu uso industrial non se restrinxe á industria alimentaria. É amplamente utilizado na produción de elementos espesantes e colantes (para diversos fins) e na produción de aceites e de etanol. O etanol é utilizado como aditivo na gasolina, para aumentar a octanaxe.

Algunhas formas da planta son ocasionalmente cultivadas en xardinaría. Para este propósito, úsanse especies con follas de cores e formas variadas, así como especies con espigas de cores vivas.

Investigacións xenéticas[editar | editar a fonte]

O millo é a especie vexetal máis utilizada para investigacións xenéticas. En 1940, Barbara McClintock gañou o Premio Nobel de Medicina polo seu descubrimento de transposóns, mentres estudaba o millo.

A produción de millo é unha das máis difundidas entre as de alimentos transxénicos, en parte porque o seu consumo é basicamente para pensos animais, onde a resistencia do consumidor é menor.

Algunhas variedades exóticas de millo son cultivadas soamente para adicionar diversidade xenética durante procesos de selección de novas sementes para uso doméstico -inclusive millo transxénico-.

Produción[editar | editar a fonte]

A produción de millo en Galicia foi superior ós 2,2 millóns de toneladas en 2021, e os agricultores esperaban chegar ós 2,5 millóns no 2022. A superficie cultivada en Galicia foi de 65.691 hectáreas, con claro predominio das provincias da Coruña (38.798 ha) e Lugo (21.260 ha), moi por riba doutras comunidades autónomas: Asturias, en segundo lugar, con 7.081 ha, e Cantabria, en terceiro lugar, con 4.817 ha; neste cultivo, Galicia colleita o 75% de todo o millo forraxeiro de España [4].

Variedades especiais[editar | editar a fonte]

Millo branco[editar | editar a fonte]

Unha das variedades máis difundidas é o millo branco. Ten como principais finalidades a produción de grans e forraxe.

A planta ten unha altura aproximada de 2,20 metros, e a espiga nace a 1,10 metros do solo. A espiga é grande, cilíndrica e presenta alta compensación. Os grans son brancos, profundos, pesados e de textura media. A raíz ten boa fixación.

A planta é especialmente resistente ás principais doenzas foliares do millo, en diferentes altitudes e épocas de plantación. Poden ser collidas até dúas colleitas de millo branco por ano.

Nos Estados Unidos, a produción de millo branco en 2004 correspondía ao 3% do total. Aínda que sexa minoritario, o millo branco gañou espazo no mercado nos últimos anos, e a área plantada ten reflectido o aumento na demanda. Un dos motivos é que o mercado recoñece que aínda non existen variedades transxénicas de millo branco, o que automaticamente aumenta o seu valor de mercado.

Millo transxénico[editar | editar a fonte]

A variedade transxénica máis coñecida [Cómpre referencia] é a desenvolvida por Monsanto, e coñecida como RR GA21 (tolerante ao herbicida glifosato). Esta variedade é utilizada extensivamente nos Estados Unidos.

Variedades de millo

Outras empresas que tamén realizan millo trasxénico son Syngenta e DuPont. En 1999, Novartis foi a primeira empresa en recibir autorización do goberno brasileiro para realizar probas no país co millo transxénico BT, resistente a insectos.

Segundo os produtores de sementes, o millo transxénico trae un aumento medio do 8% na produtividade. Nos EUA, máis de 70% do millo plantado é transxénico [Cómpre referencia]. A produción de variedades transxénicas na Arxentina e Brasil é crecente, aínda que non sempre a práctica do cultivo desas variedades sexa legal.

Hai tamén presenza de millo transxénico en Honduras, onde variedades transxénicas "contaminaron" as variedades locais. En México, o millo transxénico tamén se enfronta a unha seria oposición gobernamental: en 1998, foi prohibida a experimentación, o cultivo e a importación de millo transxénico.

O millo é un exemplo da manipulación de especies polo ser humano, sendo utilizado tanto polos defensores canto polos opositores dos transxénicos. O millo cultivado polos indios mal lembra o millo actual: as espigas eran pequenas e boa parte da produción perdíase por enfermidades e pragas. A través da mellora xenética, o millo atinxiu a súa forma actual.

Os defensores dos transxénicos utilizan este exemplo para dicir que a manipulación das características xenéticas de vexetais non é novidade, e que xa foi feita anteriormente, con moito menos control que actualmente. Os opositores dos transxénicos utilizan o mesmo exemplo para defender que hai alternativas á manipulación directa dos xenes de especies vexetais, técnica á cal se opoñen.

Non sempre as remesas de millo importado dos Estados Unidos chegan aos países da América Latina cunha etiqueta que indique aos consumidores se é transxénico ou non [Cómpre referencia]. A pesar diso, investigacións mexicanas indican que a contaminación do millo nativo pode estar causada pola polinización accidental, o que talvez ocorrese tamén noutros países. Así ten acontecido mesmo en Europa, pois o pole do millo transxénico é transportado a grandes distancias polo vento.

En relatorio recentemente divulgado [cando?], notificouse que determinado tipo de millo transxénico (o MON 863) causou problemas en ratos (alteracións no sangue e riles) [Cómpre referencia].

Nomes vernáculos[editar | editar a fonte]

  • Catalán: blat d'indi, blat de moro, moresc, panís, millot, mainzo;
  • Español: maíz, boroña, danza, mijo, millo, panizo, zara, choclo, mazorca, jojoto;
  • Éuscaro: arto, mileka, panizu;
  • Francés: maïs, blé d'Inde, gaude;
  • Galego: millo, maínzo, milleiro, millo graúdo, millo americano;
  • Portugués: milho, milhão, milho de Turquía, milho-grosso, milho-maês, milhao;
  • Guaraní: Abatí;
  • Quechua: Sara;

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A planta tamén se pode denominar milleiro pero nunca os grans. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para millo.
  2. Portal das palabras. "Millo". Consultado o 16 de agosto de 2015. 
  3. According to 2000 CIMMYT World Maize Facts and Trends. Arquivado 01 de xullo de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)
  4. "Una potencia en maíz forrajero", en La Voz de Galicia, 31.05.2022.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]