Aralar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aralar
Partido político do País Vasco sur
Dirixentes e organización
LíderPatxi Zabaleta
(coordinador xeral)
MocidadesIratzarri
Filiación internacionalNingún
Historia
Fundación30 de xuño de 2001
Disolución2 de decembro de 2017
Posicións políticas
IdeoloxíaIndependentismo vasco
Socialismo
Representación
Representación1 deputado no Parlamento Vasco
Outros datos
SedePamplona
Na rede
www.aralar.net

Aralar foi un partido vasco de esquerdas que buscaba a independencia e o socialismo dos territorios do histórico País Vasco. O seu líder era Patxi Zabaleta e estaba presente en Biscaia, Áraba, Guipúscoa e Navarra.

En Navarra formou parte da coalición electoral "Nafarroa Bai" xunto co PNV, EA, Batzarre e sectores de independentes.

Historia de Aralar[editar | editar a fonte]

Naceu na década dos 90 como unha corrente crítica dentro de Herri Batasuna (HB) e Euskal Herritarrok (EH), liderada por Patxi Zabaleta e cunha presenza importante na formación, especialmente en Navarra.

A ruptura da tregua de ETA en 2000, provocou a refundación de Herri Batasuna en Batasuna xunto a independentes, pero non unha posta en cuestión da actitude da chamada esquerda abertzale respecto de ETA, suceso que, unido a discrepancias sobre o método de organización interna, precipitou o establecemento de Aralar como partido político independente que desde entón se constitúe como un partido nacionalista vasco de esquerdas, reclamandose tamén como "esquerda abertzale" (esquerda patriota) que reproba o exercicio da violencia e avoga pola acción exclusivamente política para a defensa da súa ideoloxía, motivo polo que foi ameazado polo outro sector ilegalizado desa "esquerda abertzale".

En novembro de 2004 tivo lugar en Donostia o II Congreso, no que o navarro Patxi Zabaleta volveu ser elixido como coordinador xeral do partido. Constituíronse as mocidades do partido, Iratzarri (¡Esperta! en éuscaro).

A irrupción de Aralar provocou un certo movemento no sector ilegalizado da "esquerda abertzale" expresado na chamada "Declaración de Anoeta", pero os militantes de Aralar decidiron continuar polo seu propio camiño como partido independente.

Aralar obtivo nas eleccións do 1 de marzo de 2009 ao Parlamento Vasco un total de 62.214 votos (o 6,05% do total), conseguindo catro escanos e duplicando o número de votos que no 2005, converténdose así na cuarta forza política vasca tras PNV-EAJ, PSE-EE e PP. Por provincias circunscricionais , obtivo 1 deputado en Áraba (con 6.585 votos), 1 deputado en Biscaia (24.586 votos) e 2 en Guipúscoa (31.043 votos).

O 13 de setembro de 2017, nunha entrevista en Radio Euskadi, Patxi Zabaleta explicou que a dirección da formación adoptara por unanimidade a decisión de disolverse e que os militantes que así o decidiran integraríanse en EH Bildu, ao considerar conseguidos os obxectivos de que a esquerda abertzale defendera todos os dereitos humanos, que houbera mellorado a súa democracia interna e que admitise as correntes.

Repercusión electoral de Aralar[editar | editar a fonte]

Nas eleccións municipais e a xuntas xerais de 2007 Aralar coaligouse con Ezker Batua no País Vasco e continuou a coalición electoral Nafarroa Bai. En Euskadi (ou CAV) obtivo en coalición con Ezker Batua (EB), en solitario ou mediante plataformas, 56 concelleiros propios, e 4 xunteiros nos 3 territorios superando os 30 concelleiros e 1 xunteira conseguidos en 2003. En Navarra, correspóndenlle 5 parlamentarios dos 12 totais conseguidos por Nafarroa Bai, e 30 concelleiros obtidos pola devandita coalición.

Aralar tivo tamén unha representante no Parlamento Vasco e compartíu a cadeira de Nafarroa Bai no Congreso dos Deputados de Madrid xunto cos outros 3 partidos da coalición.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]