Imperio Carolinxio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaImperio Carolinxio

Nomeado en referencia aCarlomagno Editar o valor em Wikidata
Localización
Editar o valor em Wikidata
CapitalAquisgrán
Metz Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua usadafrancês antigo (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación768 Editar o valor em Wikidata
Disolución887 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porAndorra, Middle Francia (en) Traducir e Francia orientalis Editar o valor em Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía absoluta Editar o valor em Wikidata

O Imperio Carolinxio no seu grande apoxeo, coas principais divisións do ano 843.

Imperio Carolinxio[1] é un termo historiográfico, usado para se referir ao reino dos francos baixo a dinastía carolinxia. Esta dinastía é vista tradicionalmente como o fundadora de Francia e de Alemaña. Dependendo do punto de vista, este Imperio se pode ver como a historia recente do reino franco ou o inicio da historia de Francia e do Sacro Imperio Romano.

O seu inicio atribúese tradicionalmente coa coroación de Carlomagno como emperador en 800 polo Papa León III. Se ben é certo que Carlos e os seus devanceiros xa foran gobernantes dun reino franco anterior (o seu avó Carlos Martel fundou esencialmente o Imperio durante a súa vida), polo que a coroación en si non constitúe realmente un novo imperio. É por iso que gran parte dos historiadores prefire empregar o termo "reinos francos" ou "estado franco" para referirse á área que abranguía partes das actuais Alemaña e Francia, a partir do século V ata o século IX.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes: o reino franco[editar | editar a fonte]

Carlomagno segundo unha ilustración de Durero (1511).

Os francos, pobo xermano da zona do río Rin que se estableceu na Galia no século V, estiveron gobernados por reis durante anos ata a unificación que fixo Clodoveo. Baixo o seu mando estendeu o reino por toda Francia e expulsou do reino de Tolosa aos visigodos.

Os sucesores de Clodoveo foron chamados reis folgazáns, posto que se despreocuparon dos temas de goberno e deixáronos en mans de mordomos de palacio, que asumiron os poderes administrativo e militar, constituíndose nunha dinastía paralela á que reinaba.

En 732, o mordomo Carlos Martel ("O martelo") freou a invasión musulmá a Occidente na batalla de Poitiers. O seu fillo Pipino o Breve proclamouse rei dos francos, iniciando a dinastía carolinxia. Ademais, enfrontouse aos longobardos, que invadiron Italia sobre o ano 750, e conquistou unhas terras que entregou ao papa e que desde entón constitúen os Estados Pontificios, tendo así a bendición da Igrexa para o seu Imperio.

O Imperio[editar | editar a fonte]

Carlomagno coroado polo papa León III.

Pipino deixou en herdanza o reino aos seus dous fillos, Carlos e Carlomán, pero este último retirouse a un mosteiro e morreu moi pronto (771), co que quedou Carlomagno como único soberano do Imperio.

Carlomagno, que era neto de Carlos Martel, iniciou unha política de expansión territorial para intentar restaurar o antigo Imperio Romano de Occidente, o que lle fixo enfrontarse a bizantinos, musulmáns e xermanos. Estendeu o seu Imperio por Francia, Italia, Alemaña e mesmo parte de Hispania (Cataluña). Estableceu a capital en Aquisgrán, na zona oeste de Alemaña.

O papa León III proclamou a Carlomagno emperador na igrexa de San Pedro (Roma) o día de Nadal do ano 800.

Tralo seu falecemento en 814, o seu fillo Ludovico Pío (ou Lois o Piadoso), que era de carácter débil e moi manipulábel, asumiu a coroa do Imperio. O Imperio forte e consolidado que herdou entrou en decadencia tralas loitas internas polo poder, fomentadas en parte polos seus fillos.

Á morte de Lois o Piadoso (840), os seus fillos Carlos o Calvo, Lois o Xermánico e Lotario asinaron o Tratado de Verdún, repartíndose o Imperio carolinxio. A Carlos o Calvo correspondeulle a Galia; a Lois o Xermánico, Alemaña; e a Lotario, a Lotarinxia.

Púxose fin así ao Imperio carolinxio, que se desfixo aínda máis tras novas invasións de pobos bárbaros: árabes, húngaros e normandos.

Política interior[editar | editar a fonte]

Carlomagno dividiu o territorio en marcas e condados:

  • Marcas: territorios defensivos localizados nas fronteiras do Imperio. Estaban gobernadas por duques ou marqueses, que tiñan o mando dun exército. As marcas eran a Marca Hispánica, a Marca Saxoa, a Marca Bretoa, a Marca Longobarda e a Marca Ávara.
  • Condados: zonas gobernadas por condes, que nomeaba o rei e outorgáballes poder militar, administrativo e xudicial. Todo o que non eran marcas eran condados, correspondendo a toda a zona non fronteiriza do imperio.

O máximo poder do Imperio residía no emperador, que tiña poder para convocar as armas, administrar xustiza e designar aos nobres que gobernaban os territorios.

Os inspectores de palacio ou missi dominici eran os encargados de que os marqueses e os condes gobernasen segundo as directrices do Emperador. Para iso acudían en parellas aos territorios a comprobar o cumprimento das leis.

O palacio ou corte era o núcleo da Administración e estaba dirixido por un chambelán, sucesor do cargo de mordomo de palacio. Ao seu cargo estaban o copeiro, responsábel da bodega; o mariscal, responsábel da cabalaría e a corte; e o senescal, responsable dos asuntos da corte.

As outras institucións da Administración eran a chancelería, que dirixía os asuntos civís e eclesiásticos, así como o tribunal palatino, que aplicaba as leis aos habitantes do Imperio.

Vida económica e social[editar | editar a fonte]

A principal actividade económica do Imperio carolinxio era a agricultura, que obtiña rendementos escasos pola falla de innovacións técnicas. Practicábase tamén a artesanía, realizada en pequenos obradoiros.

As actividades comerciais eran modestas, e concentrábanse nas escasas cidades importantes, coma París, Aquisgrán ou Marsella.

A meirande parte da poboación era labrega, e pouco a pouco foi sufrindo a explotación dos nobres. Estes gozaron de crecentes privilexios, e para garantir a súa fidelidade, os reis carolinxios tiveron que cederlles grandes propiedades. Con isto sentaron as bases do sistema coñecido coma feudalismo.

Cultura e arte[editar | editar a fonte]

Adóitase coñecer a este período da contorna do ano 800 co nome de Renacemento carolinxio, non tanto porque dese orixe a algo similar ao Renacemento do século XV, senón por comparación coa decadencia cultural do período anterior, ao que adoita chamarse Idade Escura.

Carlomagno (como a maioría dos homes do seu tempo, incluídos os nobres e moitos clérigos) non sabía ler, nin escribir, nin sequera aritmética. No entanto, intentou elevar o nivel cultural do Imperio creando a Escola Palatina de Aquisgrán, e puxo na súa dirección ao soado Alcuíno de York. Nela formáronse el, os seus fillos e todos os funcionarios da corte.

Esta Escola converteuse en modelo para a fundación doutras en toda Europa. Divulgou as artes, as ciencias, as letras e todo o coñecemento da Antigüidade coas súas materias:

A arte carolinxia estaba baseado fundamentalmente en dous estilos: a arte clásica grega e a arte cristiá, pero con algunhas influencias dos seus veciños bizantinos e islámicos.

Escultura: Os exemplos conservados son moi escasos, aínda que as esculturas de marfil sobreviviron e son dunha gran beleza.

Arquitectura: A arquitectura carolinxia reflectíase en edificios relixiosos de pedra e algúns palacios. Caracterízase por usar a planta de cruz latina de tres naves; arcos de medio punto, de herdanza romana; cubertas de madeira; columnas con capiteis esquemáticos e alicerces cadrados e cruciformes. O máis importante foi o pazo de Aquisgrán, do que se conserva a capela palatina.

Mosaicos e miniaturas: Entre as obras de arte máis notábeis desta época, sobresaen os mosaicos e as miniaturas que ilustran os Evanxeos, ademais da ourivaría que decoraba todos os seus templos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carolinxio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]