Exposición Universal de Sevilla de 1992

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panorámica do Lago de España cos pavillóns autonómicos ao fondo.

A Exposición Universal de Sevilla de 1992 celebrouse en Sevilla, capital de Andalucía, España, no ano 1992, e foi coñecida popularmente como "Expo'92" ou "a Expo".

Como toda Exposición Universal posterior a 1931, estivo regulada pola Oficina Internacional de Exposicións. Tivo unha duración de seis meses, comezou o 20 de abril e finalizou o 12 de outubro coincidindo a data co V Centenario do Descubrimento de América, debido a este feito a súa lema foi "a Era dos Descubrimentos".

A mascota oficial da Expo 92 chamouse Curro, un simpático paxaro de pico e crista multicolor.

Ao termo da Exposición Universal as infraestruturas aproveitáronse para reconvertelas nun parque tecnolóxico chamado Cartuja 93 e un parque temático chamado Isla Mágica, ademais de usos administrativos, universitarios e de equipamento para a cidade.

Historia[editar | editar a fonte]

A idea de realizar unha exposición non se fraguou en dous días, é un proxecto no que se estaba traballando desde había anos. Todo comezou durante a primeira visita oficial de S. M. Don Xoán Carlos I a Santo Domingo (República Dominicana) o día 31 de maio de 1976, alí o Rei de España anunciou a súa intención de organizar unha exposición de carácter universal onde se mostrase ao mundo as calidades de España e os países iberoamericanos aproveitando que se achegaba o V Centenario do Descubrimento de América e dese xeito homenaxear tal acontecemento. Eran momentos difíciles para o país debido a que saíra dunha situación política complicada facía escasamente un ano, co final da época franquista e o recente establecemento da democracia.

Imaxe da Canle, ao fondo o Pavillón do Futuro.

O 26 de xaneiro de 1981 o Concello de Sevilla aproba a petición de apoio consolidándose como sede do acontecemento. En España gobernaba o presidente Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo, tras a dimisión de Adolfo Suárez e o intento dun golpe de estado, entre tanto, destacaba un sevillano no hemiciclo, era Felipe González, que foi unha grande influencia para a mostra que estaba por celebrarse. O 3 de marzo de 1982 o Goberno español solicita formalmente á Oficina Internacional de Exposicións (en diante OIE) a organización dunha Exposición Universal, a coincidencia coa xa proposta Exposición Universal de Chicago nesa mesma data obriga a cambiar os estatutos da OIE para poder simultanear as dúas Exposicións. O 31 de maio de 1982 o Instituto de Cooperación Iberoamericana crea o proxecto "Sevilla 1992", dando por fin un nome ao que sucedería dous lustros máis tarde.

O 15 de xuño de 1983 presentouse en París ante a OIE o proxecto conxunto entre España e Estados Unidos para a celebración en 1992 da Exposición Universal de Chicago-Sevilla. A finais de ano devandita organización aproba o Regulamento Xeral para a Exposición cun orzamento estimado de 183.733 millóns de pesetas.

Pavillón do Xapón.

O 21 de xuño de 1985 a organización Chicago'92 comunica á OIE a existencia de problemas organizativos. O 4 de decembro dese mesmo ano a asemblea da OIE decide que Sevilla quede como sede única da Expo'92.

Moitos países puxeron en dúbida a capacidade española para desenvolver e levar a cabo un acontecemento das dimensións deste, e a mascota "Curro" tivo que viaxar polo mundo e esforzarse para vender o proxecto e poder convencer ao mundo de que España daría o talle e todo estaría listo en 1992.

A celebración do acontecemento transformou a cidade urbanisticamente, construír unha nova rede viaria, novas autovías e roldas de circunvalación, levantar unha nova estación central de tren e ampliouse o aeroporto, foi un grande impulso para Sevilla. Destaca a construción dunha infraestrutura que supuxo un antes e un despois para o transporte en España, o AVE (tren de alta velocidade español) e que por outra banda foi moi criticada por moitos medios de comunicación, así como polo partido político da oposición.

Exterior do pavillón de América Latina.
Pavillón de Latinoamérica, interior.

Para acoller a Exposición Universal aproveitáronse 250 ha. de terreo agrícola onde se situaba o histórico Mosteiro da Cartuxa onde Cristovo Colón preparou a viaxe a América e onde estivo enterrado varios anos. O edifico estaba nun estado de ruína total e necesitouse dunha grande obra de rehabilitación para devolverlle o esplendor de outrora e convertelo no símbolo de Expo´92. A transformación destes terreos, coñecidos como Illa da Cartuxa, foi considerada a maior obra pública da década en Europa.

A construción das infraestrutura, os espazos públicos e os pavillóns de Expo'92 realizouse nun tempo marca. O maior revés produciuse o 18 de febreiro de 1992 co incendio fortuíto do que estaba chamado a ser o pavillón estrela da exposición, o dos Descubrimentos.

A participación de países, empresas e organismos internacionais foi abafadora, en total acudiron 112 países, 23 organismos internacionais, 6 empresas e as 17 comunidades autónomas españolas.

O recinto abría as súas portas ás 9:00 da mañá e pechaba ás 4:00 da madrugada seguinte, existían dous tipos de entradas, a do día completo e a nocturna (máis económica), esta última cunha duración limitada desde as 20:00 ata o peche das súas portas.

Durante todos os días organizáronse concertos cos grupos musicais do momento, coloridos e multitudinarios desfiles e cabalgatas, cada xornada celebrouse o día dun país ou organismo participante, e organizábanse actos referentes ao mesmo.

Pola noite destacaba o "Espectáculo do lago" onde cada xornada mesturábanse luz, son, láser e fogos artificiais con proxeccións sobre distintos abanicos xerados con chorros de auga. Cando se levantaba algo de vento adoitaba ser moi agradecido polos asistentes, xa que as salpicaduras tranquilizaban a calor da tempada. O espectáculo terminaba sempre coa aparición da mascota Fachendoso dando a benvida, algo que todo o mundo esperaba expectante.

Durante os 176 días que o recinto permaneceu aberto ao público contabilizáronse un total de 42 millóns de visitas.

Influencias na cidade[editar | editar a fonte]

Estado da Porta de Triana en 2007.

A Illa da Cartuxa dividiuse tras a mostra en cinco áreas: unha monumental en torno ao Mosteiro cartuxo de Santa María de las Cuevas, unha administrativa na que actualmente se desenvolve o proxecto "Puerto Triana", unha zona lúdica co parque temático Isla Mágica como principal protagonista, unha zona universitaria onde se atopan a Facultade de Ciencias da Comunicación e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros, un parque metropolitano e un parque científico e tecnolóxico denominado Cartuja 93 que reutiliza gran parte das infraestruturas de Expo´92.

Pero quizais o legado máis importante da Exposición Universal a Sevilla sexa a transformación urbana da cidade. A apertura da zona noroeste ao río, un novo sistema viario, novas pontes, a ampliación do aeroporto, o primeiro tren español de Alta Velocidade, un gran parque metropolitano, unha nova rede de autovías, entre outras, devolveron a Sevilla a categoría de gran capital do sur de Europa.

A pesar de todo, desde que finalizou a Exposición Universal, non son poucas as opinións críticas que se lanzaron contra a xestión das instalacións e os terreos que ocupou Expo'92. Aínda que se desenvolveu un parque tecnolóxico empresarial, tamén é certo que as instalacións que non son ocupadas por empresas están nun estado de deterioración acusada e outras están sendo vítimas da especulación, como o caso dos pavillóns de Austria e Checoslovaquia e do espazo escénico do Palenque derrubados en 2007 para obter maior volume de edificabilidade. Ademais perdéronse activos como o Monorrail ou o Telecabina e outros como o Parque Xardín do Guadalquivir ou o Xardín das Américas atópanse en estado de total abandono debido á neglixencia de todas as administracións. Espazos de referencia internacional como a Avenida 5 deseñada polo Grupo Site de Nova York, un dos poucos exemplos da arquitectura deconstructivista de España, foi modificada ata facela irrecoñecible.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]