Saltar ao contido

Irredentismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Irredentismo (do italiano irredentismo, de irredento, non liberado). Movemento italiano, posterior a 1870, constituído para a reivindicación das terras "non rescatadas" (Italia irredenta) de Austria-Hungría (Trentino, Istria, Dalmacia), e máis tarde, por extensión, de todos os territorios que se consideraban italianos. Hoxe en día, dise especialmente do movemento polo cal unha nación pretende anexionarse un territorio por motivos históricos, culturais, lingüísticos ou raciais.

O irredentismo, vencellado ao Risorgimento, organizouse na Associazione in pro dell'Italia irredenta en 1877. A formación da Tríplice (1882), que consagraba a alianza austroitaliana, converteuna nun movemento de oposición; o comité "Trento e Trieste" e a sociedade "Dante Alighieri" foron perseguidas por Francesco Crispi (1890). O movemento tomou nova extensión a comezos do século XX, cando agrupou aos patriotas de dereita (D'Annunzio, Corradini) e aos socialistas (Battisti); entón provocou graves disturbios en Trieste (1913). O irredentismo explica os acordos con Francia, (1900, 1912), a disolución momentánea da Tríplice e, despois do tratado secreto con Londres (abril 1915), coa promesa de Trentino, Istria e Dalmacia, a entrada en guerra contra os Imperios Centrais (maio). Debido á oposición de Wilson á completa realización destas promesas, reapareceu o irredentismo: D'Annunzio ocupou Fiume cos seus arditi (setembro 1919). Os fascistas fixeron seus os seus obxectivos, que Mussolini agardaba conseguir cunha pacífica revisión dos tratados; logo do seu fracaso e a oposición francesa á guerra de Etiopía, precisou as súas reivindicacións con respecto a Francia (Niza, Savoia, Córsega, Tunisia) a finais de 1938, prefacio da declaración de guerra (10 de xuño de 1940). O asunto de Trieste fixo revivir durante un tempo (1947-1954) o irredentismo italiano.

Na actualidade

[editar | editar a fonte]

Hoxe en día, por extensión, tómase por irredentismo toda corrente política que propugna a anexión de territorios que se consideran propios dunha nación por motivos históricos, culturais, lingüísticos ou raciais.

Tamén se considera irredentista a actitude dun pobo que defende a súa incorporación a unha nación á cal senten pertencer por razóns históricas ou culturais.

É un concepto moi utilizado por ideoloxías nacionalistas.

Moi especialmente, úsase nos casos nos que un estado independente (se non o seu goberno, polo menos os grupos máis nacionalistas dese estado) reivindica territorios que, habitados por xentes da súa mesma etnia, lingua ou cultura, están baixo soberanía dun ou varios estados estranxeiros, ou ben cando estas poboacións reivindican a unión co seu estado nai.

Exemplos de irredentismo actuais

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]