Renfe Operadora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Renfe Operadora
Logotipo de Renfe Operadora.svg
Talgo com destino a Madrid (3775261053).jpg
Tren co logotipo e cores corporativas de Renfe en Santiago de Compostela.
Tipo Entidade Pública Empresarial
Fundación 1 de xaneiro de 2005 (13 anos)
Matriz Grupo Renfe
Localización Avenida de Pío XII, 110
28036 Madrid España
Fundador Ministerio de Fomento de España
Persoas clave Juan Alfaro Grande (Presidente)
Íñigo de la Serna (Ministro de Fomento)
Industria Transporte ferroviario
Produtos AVE · AV City · Alvia · Altaria · Avant · Euromed · Intercity · MD · Feve · Rexional · Rexional Exprés · Talgo · Trenhotel
Número de empregados 14.124 (2016)[1]
Páxina web renfe.com

Renfe Operadora, Grupo Renfe ou simplemente Renfe[2] é unha entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Fomento de España, e a operadora ferroviaria hexemónica de viaxeiros pola rede de Adif, onde só se internan para servizos internacionais Comboios de Portugal e SNCF. Tamén mantén unha importante presenza no tráfico mercadorías.

Tomou o nome da antiga RENFE (Red Nacional de los Ferrocarriles Españoles), empresa creada en 1941 e da que se desprendeu Renfe Operadora o 1 de xaneiro de 2005, pasando RENFE a se chamar Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias). Renfe heredou o groso do material rodante e persoal relacionado (maquinistas, interventores, ...) mentres que Adif quedou coa infraestrutura, superestutura, a maior parte dos predios e naves (agás talleres) e persoal relacionado coa circulación ferroviaria (factores, xefes de estación, persoal dos Postos de Mando e CTC, ...).

A creación de Renfe Operadora veu dada pola Lei do Sector Ferroviario[3], que apuntaba á separación da explotación dos servizos de transporte, da administración das infraestruturas, polo que se tiveron que conformar dúas empresas: Adif e Renfe Operadora.

Historia[editar | editar a fonte]

O proceso de nacionalización e unificación que viviron a maior parte de redes de ferrocarril de Europa tras a Segunda Guerra Mundial produciu unhas compañías ferroviarias nacionais que facían moi difícil a posibilidade de explotar trens internacionais. A integración promulgada pola Unión Europea, que inclúe o transporte libre de mercadorías por toda a unión, iniciou o interese por modificar o sistema de funcionamento dos ferrocarrís europeos permitindo con normalidade a aparición de operadores transnacionais.

En 1991 aprobouse a Directiva 91/440/CEE, na que se recolle a separación contable dos servizos e as infraestruturas nas redes ferroviarias nacionais europeas,[4] similar á existente no transporte aéreo ou por estrada. Esta separación permitiría a un operador transnacional circular polas redes de diferentes países nas mesmas condicións que a ferroviaria nacional, pagando as taxas correspondentes polo uso da infraestrutura.

Esta directiva e os seus posteriores foron traspostas ao ordenamento xurídico español na Lei 39/2003 do Sector Ferroviario, aprobada o 17 de novembro de 2003. Nesta lei estableceuse que no caso de España a separación contable realizaríase a través da división completa en dúas empresas diferentes. A división efectiva tivo lugar o 1 de xaneiro de 2005, cando RENFE foi extinguida como empresa e creáronse ADIF, dedicada á infraestrutura, e Renfe Operadora, dedicada á operación e o mantemento dos trens.[5]

Renfe Operadora absorbeu da súa predecesora RENFE todo o material rodante, os talleres de mantemento e o persoal dedicado a operar os trens e ao seu mantemento. Ademais de todo o relacionado coa infraestrutura, a venda de billetes en estacións quedou tamén en mans de ADIF.

En 2012 realizouse un proceso similar coa disolución de FEVE, a empresa estatal que xestionaba os ferrocarrís de vía estreita. O 31 de decembro completouse a subrogación, facéndose Renfe Operadora con toda a explotación dos ferrocarrís de vía estreita non autonómicos, e Adif coa infraestrutura.[6]

Estrutura[editar | editar a fonte]

Nunha orixe, a operadora ferroviaria herdou o modelo de xestión das Unidades de Negocio (UN) da antiga RENFE, facéndose cargo daquelas que puramente afectaban á explotación dos servizos de transporte, é dicir: Proximidades, Rexionais, Grandes Liñas, Alta Velocidade, Mercadorías e Mantemento Integral de Trens. En xaneiro de 2006, Renfe Operadora sofre unha gran reestruturación interna, que reduce as áreas operativas ás catro actuais:

Servizos ferroviarios[editar | editar a fonte]

Rede completa de ferrocarrís en España. Lenda:      Liñas de alta velocidade     Liñas de ancho ibérico     Liñas de ancho métrico
Restauración nun tren AVE.
Cafetería a bordo dun tren de Renfe Operadora.

Tradicionalmente desde a súa fundación Renfe Operadora separou completamente os seus servizos de Media Distancia dos de Longa Distancia. Na actualidade a división é máis flexible, existen servizos con ligazón entre trens de Media Distancia e Longa Distancia, e tamén trens de Longa Distancia que admiten viaxeiros de Media Distancia en certos percorridos entre cidades próximas.

AVE e Longa distancia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Longa distancia Renfe.

As liñas de longa distancia son servizos non subvencionados, que xeralmente inclúen grandes prestacións a bordo como cafetería, clase preferente, restauración en asento ou a emisión de películas. O nome de cada un dos servizos indica normalmente as prestacións e o tipo de tren, aínda que ás veces existen diferenzas dentro de servizos co mesmo nome.

Entre os servizos de alta velocidade inclúense:

  • AVE: é o servizo puro de alta velocidade en liñas de longa distancia. Son os trens que alcanzan maior velocidade, ata 310 km/h, e que circulan desde orixe a destino por liñas de alta velocidade.
  • AV City: servizo prestado por liñas de Alta Velocidade, para complementar a oferta AVE a prezos máis económicos. Comercialízase en clase Turista e Turista Plus.
  • Alvia: designa aos servizos que circulan parcialmente por liñas de alta velocidade e por liñas convencionais, incluíndo o cambio de ancho necesario para utilizar ambas as redes. Alcanzan unha velocidade de 250 km/h.
  • Altaria: compóñense dunha rama Talgo arrastrada por unha locomotora. Poden circular parcialmente por liñas de alta velocidade, cunha velocidade máxima de 200 km/h.

Os servizos diúrnos convencionais non dispoñen de cambio de ancho, e poden circular a velocidades de ata 200 km/h:

  • Euromed: servizo establecido para aproveitar as características do Corredor Mediterráneo.
  • Talgo: compóñense dunha rama Talgo arrastrada por unha locomotora.
  • Trenhotel: formado por unha rama Talgo nocturna que inclúe coche restaurante.

Media Distancia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Media distancia Renfe.

En media distancia realízanse liñas, que poden recibir subvencións, tanto particularmente a cada liña xeralmente por parte dos gobernos autonómicos, como globalmente a través dun acordo co goberno estatal coñecido como contrato-programa.[7] Todos os servizos teñen prestacións parecidas, con clase única sen cafetería a bordo e a posibilidade de utilizar bicicletas.

Existe un servizo de alta velocidade e Media Distancia, denominado Avant, capaz de circular ata a 250 km/h cunhas prestacións moi parecidas ao resto de trens de Media Distancia, que une cidades próximas.

As diferenzas entre os modelos de trens utilizados en Media Distancia convencional fan que existan varios nomes para os servizos segundo o modelo utilizado, é o caso dos servizos MD. Os servizos máis básicos reciben a denominación de Rexional e Rexional Exprés, diferenciándose en que o segundo realiza un menor número de paradas.

Existe un servizo denominado Intercity que se utiliza para os trens de Media Distancia, pensados para desprazamentos entre cidades próximas, cando son utilizados en desprazamentos de Longa Distancia.

Proximidades[editar | editar a fonte]

Proximidades de vía estreita en Asturias.
Artigo principal: Proximidades Renfe.

Proximidades componse de servizos de ferrocarril suburbano que circulan no interior das grandes áreas metropolitanas.

Proximidades CIVIS son trens de proximidades semidirectos que realizan paradas nalgunhas estacións pero non en todas as da rede.

Vía estreita[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Renfe Feve.

Renfe tamén opera unha importante rede de servizos de vía estreita, que recibiu de FEVE. Os servizos de vía estreita máis habituais son os de proximidade (proximidades e rexionais) e os de mercadorías.

Renfe Operadora leva a cabo unha gran frota de Trens Turísticos e Trens de Luxo e de Gran Luxo que herdou da antiga compañía FEVE. Nos trens de Luxo hai suites con cama. Nos de Gran Luxo a suite é dobre e moito máis luxosa.

Traspaso ás comunidades autónomas[editar | editar a fonte]

Xa en 2005 asinouse o traspaso da liña Lleida-La Pobla de Segur a Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya, cun período transitorio en que Renfe Operadora prestará o servizo nunha liña da que xa non é titular Adif ata que a empresa autonómica dispoña de material móbil suficiente para prestalo, establecéndose 2010 como tope.

Estaba previsto o traspaso durante 2007 da O.N. de Proximidades Renfe ás comunidades autónomas, coa posibilidade de que poidan establecer novas liñas, e servizos de ámbito autonómico, pero non se chegou aínda a un acordo sobre este traspaso nin se asinou nada respecto diso.

Formación[editar | editar a fonte]

Renfe conta con Escolas Técnicas Profesionais para a formación e reciclaxe de maquinistas nalgúns dos principais nós da rede ferroviaria de Adif como son: Bilbao[8], León[9], L'Hospitalet[10], Madrid[11], Miranda de Ebro[9], Santander[11], Santiago de Compostela[12], Sevilla[11] ou Valencia[11]. En Galiza tamén dispón dun segundo simulador en Monforte de Lemos para reciclaxe na condución[13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "ENTIDAD PUBLICA EMPRESARIAL Renfe Operadora • CUENTAS ANUALES CONSOLIDADAS 31 de Diciembre 2016 • INFORME DE GESTIÓN Ejercicio 2016" (PDF). www.renfe.com (en castelán). 
  2. "ENTIDAD PUBLICA EMPRESARIAL Renfe Operadora • CUENTAS ANUALES CONSOLIDADAS 31 de Diciembre 2016 • INFORME DE GESTIÓN Ejercicio 2016" (PDF). www.renfe.com (en castelán). 
  3. "Lei do Sector Ferroviario" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de setembro de 2007. Consultado o 22 de xuño de 2009. 
  4. Boletín Oficial del Estado. "Lei do Sector Ferroviario" (PDF). Consultado o 9 de xuño de 2012. 
  5. "ORDEN FOM/2009/2006, de 19 de setembro, pola que se determinan os bens, obrigacións e dereitos pertencentes a RENFE-Operadora" (PDF). 
  6. RTVE. "Deixa de existir FEVE e o seu patrimonio de bens e servizos repartirase entre Renfe e Adif". Consultado o 31 de decembro de 2012. 
  7. Mundo Ferroviario. "O contrato programa de Renfe prevé rendibilidade en 2010". Consultado o 9 de xuño de 2012. [Ligazón morta]
  8. "Renfe necesita maquinistas. ¿Qué hace falta para serlo?". El Correo.com (en castelán). 2017-05-10. Consultado o 2018-01-05. 
  9. 9,0 9,1 A. G. Puente, Diario de. "Renfe relanza su escuela de maquinistas en León con la oferta de otras 25 plazas". Diario de León (en castelán). Consultado o 2018-01-05. 
  10. elEconomista.es. "Renfe instala en L'Hospitalet un centro de formación para maquinistas". Consultado o 2018-01-05. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Europa Press. "Renfe convoca un curso de conducción para formar 25 nuevos maquinistas en Santander". 20minutos.es. Consultado o 2018-01-05. 
  12. Europa Press. "Renfe convoca un curso de conducción para formar 25 nuevos maquinistas en Santiago de Compostela". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2018-01-05. 
  13. "Locomotoras virtuales". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2018-01-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]