Turdetanos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación dos turdetanos.

Os turdetanos foron un pobo ibero que habitaba na Turdetania, rexión que abarcaba o val do Guadalquivir desde o Algarve en Portugal ata Serra Morena, coincidindo cos territorios da antiga civilización de Tartessos. Limitaban ao norte cos túrdulos, ao oeste cos conios e ao leste cos bastetanos. Foron un dos pobos prerromanos da península Ibérica con maior desenvolvemento tecnolóxico debido ao seu contacto cos cartaxineses.

Orixe[editar | editar a fonte]

Debido á súa posición xeográfica (beiras do Guadalquivir) e algunhas características diferenciadoras dos Iberos, a este pobo prerromano considéraselles os descendentes de Tartessos.

Segundo os últimos estudos a cultura Tartéssica entraría nun período de decedencia debido a cuestións internas, e non como se pensaba ata agora, en que Cartago destruiría Tartessos por seren aliados dos gregos de Focea, sobre todo debido á falta de minerais que levaría á caída do comercio con Oriente.

Sociedade[editar | editar a fonte]

A sociedade turdetana atopábase baixo o poder de varias monarquías que constituían estados de tamaño variable a base de ir acumulando poder pero sen unificación política e con tensións variables das que temos mostra nas fortificacións de Tejadala Vieja e Puente Tablas do século V a. C., o cal non significaba que houbese guerras constantes.

Os reis turdetanos aparecen nas fontes clásicas como unha aristocracia militar debido a que os escritores romanos só informaban da península polas guerras. Isto, unido á aparición de varios nomes de persoa de tipo indoeuropeo levou algúns historiadores a facer hipóteses sobre unha casta militar indoeuropea/celta gobernante sobre os estados turdetanos, pero sen ser probada.

A información mais fidenigna sobre a sociedade turdetana provén das súas tumbas. A pesar de que as grandes tumbas de Pozo Moro e Toya non teñen un grande enxoval, outra serie de tumbas semella corrresponder á nobreza con enxovais formados por armas e vasos gregos, carros funerarios ou de guerra, braseiros etc nas necrópoles de El Cigarralejo, Galera, Baza ou El Cabecico del Tesoro; unha terceira clase de tumbas son as cistas pequenas con enxoval pequeno (algún vaso grego, unha falcata). O grupo social máis numeroso e baixo atópase nas tumbas dun simple burato no chan con urna de cerámica común tapada cun prato ou laxa.

Na arte turdetana aparecen só dous grupos sociais, xinetes con armas(en bronces votivos e pinturas cerámicas de Liria) e tamén homes a pé armados. Algúns arqueólogos interpretan como sacerdotes turdetanos certas estatuíñas de homes tonsurados e cun veo ou diadema na cabeza.

Un rasgo específico da sociedade turdetana é a servidume colectiva (como os ilotas en Esparta) ou comunitaria, nas que os habitantes dunha poboación pequena estaban suxeitos a unha poboación maior. Quen descubriu esta característica foi M. Vigil, a partir do decreto de Emilio Paulo no 189 a. C., unha lámina de bronce na que o xeneral romano concede a liberdade aos habitantes de Turris Lascutana (un asentamento próximo a Alcalá de los Gazules) que eran servos, e a súa cidade e campos pertencían aos de Hasta Regia (actual Mesas de Asta en Xerez da Fronteira). Mommsen comparou esta situacións cos ilotas de Esparta, que habitaban en aldeas separadas dos espartanos, aínda que Vigil os relacionou co texto de Marco Juniano Justino no que se refire a que o mitolóxico rei tartésico Habis dividira a poboación tartéssica en sete cidades (que anteriores os historiadores interpretaran como grupos sociais e non cidades) e así comprobaríase que existían cidades enteiras de escravos sometidos por outras cidades.

Relixión[editar | editar a fonte]

Debido á mestura relixiosa e cultural desta cultura é case imposible distinguir entre propio e estranxeiro. Ademais existe pouca información sobre a relixión turdetana (xa que aperece vista desde a óptica grecorromana que escribiron sobre eles). Non obstante hai dous tipos de iconas que fan referencia a dúas divindades turdetanas de nome descoñecido: o chamado señor dos cabalos e unha deusa da terra nutricia, da vida e da morte.

A deusa ibérica aparece representada como unha muller sentada nun trono con ricas vestiduras (poucas veces aparece de pé) e semella ser a divindade principal destes pobos debido a que teñen aparecido máis representacións dela. As máis famosas son as da Dama de Elx, Dama de Baza, Dama de Verdolay, Gran Dama Oferente, así como representacións pintadas na Serreta de Alcoy, o santuario da Luz, Cabecico del Tesoro etc. O deus turdetano cos cabalos aparece en varias representacións, normalmente en relevo, dun home de pé ou sentado, que suxeita dous cabalos a cada lado; atopáronse representación súas en Xaén e no territorio bastetano. Os santuarios turdetanos semellan ser tanto ao aire libre como dentro das súas cidades ou na súa veciñanza, como o de Torreparedones que consta dun edificio monumental cunha pequena habitación aberta cara a unha habitación maior cun piar cental que soportaba unha habitación no piso de arriba e unha columna con capitel decorado de función sagrada (tanto puido servir de elemento de culto como expositor dunha imaxe de culto) nese mesmo patio había unha basa de pedra como altar talvez, e dous bancos que servían para deixar exvotos. Entre os santuarios rurais turdetanos están os de Collado de los Jardines e Castellar de Santisteban (Xaén) onde apareceron gran número de exvotos de bronce, terracota e pedra tanto de corpo enteiro como de membros (para agradecer a curación) así como de animais (substitutos permanentes das vítimas de sacrificio).

Debido ao contacto con orientais, as crenzas dos turdetanos semellan estar moi influídas por mitoloxías foráneas, debido á aparición de divindades importadas do Próximo Oriente, entre as cales destacan Melkart, Baal (aparece en Churriana, en Málaga, Medina de Torres e La Aliseda) e Astarté (aparece en Cástulo, necrópole de La Joya, terracotas de Cádiz, no bronce Carriazo, Galera, así como en varios puntos da costa), que os autores clásicos rebautizan co nome de Afrodita ou Hera.

As fontes clásicas interpretan ao seu gusto mitolóxico as manifestacións indíxenas presentando de forma helenizada a realidade turdetana. Estrabón di que Ulises chegou a Turdetania e fundou a cidade de Odysseia na que había un santuario de Atenea (talvez unha deusa da guerra, unha Astarté local?) ou que estas costas están cheas de santuarios a heroes e deuses gregos, como o oráculo de Menesteo ou o santuario a Héspero etc que en realidade son santuarios semíticos preexistentes pero que o escritor fai pasar por gregos.

Economía[editar | editar a fonte]

Este pobo prerromano atopábase nunha das terras máis fértiles da península, o val do Guadalquivir, así como do máis navegable, o que fixo que os seus excedentes de produción fosen facilmente comerciables con púnicos e gregos. Os primeiros trouxeron outros cultivos (aceite e viño) que aumentaron exponencialmente o valor económico deste pobo. Isto, unido á riqueza mineral da Serra Morena e Almería fixo que a sociedade que ocupaba estas terras tivese un desenvolvemento económico e tecnolóxico superior ao resto dos pobos peninsulares, que levaría a dicir a Estrabón que eran uns dos pobos iberos máis cultos.

Por outra banda, esta abundancia atraeu pobos estranxeiros de oriente, fenicios e gregos, que instalaron factorías e colonias na costa, adicadas á pesca e á industria da salgadura, a través das cales chegaban produtos de luxo que logo os turdetanos exportaban cara ao interior a través dos cursos fluvias cara ao norte. Os excedentes da pesca e da industria auxiliar foron famosos en todo o Mediterráneo, creándose nestas costas a famosa salsa garum (feita a base de fermentación de tripas de pescado) e xa se mencionaban as salgaduras turdetanas de raíz fenicia en Atenas no século IV a. C.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]