Reino de Asturias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Reino de Asturias é a denominación maioritaría a día de hoxe para se referir á entidade política cristiá que se consolidou no espazo da Galicia alto-medieval no comezo do século VIII, sobre a base do territorio que até daquela -e tamén nos séculos posteriores-, se coñeceu como Gallaecia, aínda que por outra banda é posible rastrexar a citación como Reino dos Astures en documentos como a Crónica Albeldense (881): et Asturorum regnum divina providentia exoritur[1]. Consonte a historiografía tradicional española, trátase polo tanto dun reino peninsular fundado en 722 por Paio de Asturias, tras a vitoria obtida contra o exército Omeia na batalla de Covadonga, comezo así mesmo da Reconquista.

Historia[editar | editar a fonte]

O reino durou desde o ano 718 até 925 cando Froila II se fixo co trono do Reino de León. Xa nos momentos iniciais do reino astur, o rei cántabro Afonso tivo que facer expedicións militares para ter o control dos restos da Gallaecia sueva en 739. Aínda así, houbo frecuentes rebelións dos galegos (759, 778, 885, 895); xa que logo, após a batalla de monte Cupeiro, na que o rei Silo derrotou unha rebelión de toda a Gallaecia, non volveu haber serios intentos independentistas.Máis tarde formaría parte integrante do Reino de León.

Bases históricas[editar | editar a fonte]

A narración dos feitos que darían lugar ao nacemento do Reino de Asturias continúan vixentes, aínda que son obxecto de discusión por parte da historiografía moderna.

  • Asturias antes do século VIII. As referencias históricas do territorio asturiano sitúano sempre como unha parte da Gallaecia, pode comprobarse nas obras de Isidoro de Sevilla[2] , Paulo Orosio[3] ou o Beato de Liébana[4]. Era un territorio sen cidades de relevancia[5] e sen tradición eclesiástica pois carecía de sés episcopais[6] e de mosteiros[7]. Na división diocesana do parroquiale suevorum no século VI, Asturias non figura. O distrito asturiano dependía dos bispados de Lugo e do Bretoña-Mondoñedo, o que fai dubidar a algúns historiadores da posibilidade de que puidese emerxer un reino con esas bases[8].
  • Don Paio e a Batalla de Covadonga: A primeira mención latina a Paio é do S.IX e a musulmá do S.X, os feitos da súa vida son un collage de textos bíblicos, clásicos grecorromanos e vidas de santos católicos[9], por outra parte a narración da batalla de Covadonga garda grandes similitudes co relato do asalto ao santuario de Delfos polos gálatas no ano 279 a.C.[10]. É por isto que moitos dos autores tenden a pensar que o episodio de Covadonga só se pode interpretar en clave mítica[11]
  • Simbolos Asturianos: Algúns dos emblemas característicos do Reino de Asturias son tamén postos en consideración pola actual historiografía. A chamada Cruz da Vitoria, símbolo que figura na bandeira do Principado de Asturias, supostamente empuñada por Paio na Batalla de Covadonga ou resultado dunha doazón de Afonso II (é o que indica a súa inscrición)[12], hoxe afírmase que foi manufacturada no século XII, xunto coa Cruz dos Ánxeles, polo bispo Pelayo de Oviedo[13]. Tamén a arte asturiana é posta en cuestión, diversos autores considérana unha simple variante da arquitectura carolinxia cuxa obra senlleira tería sido a primitiva igrexa de Santiago de Compostela[14].
    Os dous espazos peninsulares na época de Isidoro de Sevilla (Século VII). Copia do S.X da obra Etymologiarum.

Ocupación islámica da península ibérica[editar | editar a fonte]

    • Ocupación islámica da Spania: Non existen ningún texto contemporáneo á invasión árabe do ano 711, ningún cronista cristián ou musulmán refire invasión, guerra ou mudanza relixiosa algunha [15], de feito, existe toda unha corrente historiográfica que nega a invasión violenta da península ibérica polo califato Omeia. A cronoloxía dos feitos resulta pouco verosímil se temos en conta que Mahoma morre no ano 632, ano de comezo da expansión do islam, despois de 70 anos e un avance de 4000 km, os seus seguidores conquistan Túnez no ano 701. Deben avanzar 5000 km polo norte de África en só 10 anos para invadir o Reino Visigodo no 711[16]. Esta corrente de historiadores defende a posibilidade de que o Reino Visigodo se convertese ao islam, tendo en conta que o cristianismo e o nacente islamismo eran no século VIII dúas crenzas relixiosas relacionadas[17].
    • Ocupación islámica da Gallaecia. Unha considerable nómina de historiadores sosteñen a hipótese da non ocupación da Gallaecia polo islam, ou unha presenza efémera do mesmo: Felipe Maíllo[18], Jackes Le Goff, Roger Collins, Maravall,Sánchez Albornoz[19], etc.. Aparentemente, no territorio galaico, mantívose a poboación e a estrutura económico-social do tempo galaico-suevo[20]. As análises dos tombos medievais non atopan ningún indicio que poida soster a descontinuidade na ocupación do territorio[21]. Os textos revelan en cambio, o mantemento das explotacións agrarias tradicionais e a continuidade da propiedade sen perturbacións de ningún tipo[22]. Tamén é segura a continuidade relixiosa polo menos en tres dioceses: Lugo, Iria e Bretoña-Mondoñedo[23]. De Iria Flavia, importante centro portuario e comercial, consérvanse mesmo os nomes de todos os bispos sen interrupción desde o século VI[24]. Así mesmo, non existen restos toponímicos que indiquen presenza árabe no cuadrante noroeste peninsular que si amosa unha grande abundancia de toponimia de orixe xermánica[25]. Tampouco as escavacións arqueolóxicas reflicten fractura histórica de ningún tipo, observándose en cambio unha continuidade no uso das necrópoles e nos materiais exhumados[26]

Bases documentais:[editar | editar a fonte]

    • Crónicas asturianas: A Crónica de Albelda e a Crónica de Afonso III, non aparecen até mais de século e medio despois do inicio dos feitos que relatan e teñen unha clara intencionalidade política, lexitimar o reinado de Afonso III remontando a súa xenealoxía até facela emparentar coa dos últimos reis visigodos, o chamado neogoticismo. Introducen ademais un novo concepto ideolóxico: a idea do traslado da poboación cara o norte e a unha posterior repoboación[27]. Este concepto será utilizado para explicar a evolución política do reino en base a unha suposta reconquista norte-sur do territorio. Na realidade, os termos das crónicas están abertos a múltiples posibilidades interpretativas e algúns historiadores entenden a idea da repoboación como un proceso de reorganización administrativa polo cal se coloca o territorio baixo o poder monárquico[28].
    • Crónicas musulmás: As crónicas musulmás son aínda mais serodias que as cristiás, o primeiro texto, o de al-Razi é 200 anos posterior aos feitos e algún documento como a compilación de al-Maqqari elevan a distancia temporal a 800 anos. Estas crónicas son copias doutras copias e traducións pouco fiábeis[29]. Todas estas cuestións reducen o valor das crónicas como fonte histórica[30].
    • Fontes diplomáticas: A maior parte dos diplomas relacionados coa monarquía asturiana proceden do scriptorium do bispo Pelayo de Oviedo, que pretendeu favorecer á súa sé episcopal, carente de tradición histórica[31], mediante a falsificación sistemática da documentación[32]. Dos trinta diplomas coñecidos até Afonso III, Sánchez Albornoz, aínda que interpolados , da por certos doce. O investigador francés Barrau-Dihigo só dous[33].

O Reino de Asturias para a historiografía galega[editar | editar a fonte]

Denominación do reino.[editar | editar a fonte]

A ignorancia acerca do nome histórico do territorio, orixinou que os historiadores anteriores ao século XIX lle adxudicasen diferentes denominacións. Así Ambrosio de Morales no século XVI considerouno como "Reino de León, Galicia y Asturias". Juan de Mariana no mesmo século designouno coma "Reino de los cristianos de España". Un século máis tarde Prudencio de Sandoval percibiuno implicitamente como un conxunto de reinos (Galicia, León, Castela e Portugal). Xa no século XVIII Henrique Flórez acolleuse ao nome de "Reino de los cristianos", e Francisco Javier Simonet a finais do século XIX utilizou a fórmula de "Reino de Asturias y Galicia".[34]

Finalmente sería Modesto Lafuente o que lograría fixar as bases da denominación "Reino de Asturias", que sería adoptada polos historiadores españois do século XX. Con todo, o propio Lafuente recoñece na súa obra nun comentario a pé de páxina que nos documentos "(...) ni al reino cristiano de Asturias le llamaban ellos Castela,sino Galicia"[35]. O mesmo recoñecemento efectúan, dun ou outro xeito, algúns dos historiadores que continuaron a senda trazada por Lafuente: Menéndez Pidal[36], Americo Castro[37], Sánchez Albornoz[38], Jose Antonio Maravall[39].

Fronte a esta perspectiva existe outro grupo de historiadores, primordialmente galegos, que teñen denunciado a modificación do nome indicado polas fontes históricas: Benito Vicetto[40], Manuel Murguía[41], Ruben García Álvarez[42], Camilo Nogueira[43], Xosé Antonio López Teixeira[44] ou Anselmo López Carreira[45].

Fontes coetáneas[editar | editar a fonte]

A península ibérica no século VIII segundo o mapa do Beato de Liébana. Copia do Burgo de Osma

O reino de Asturias non aparece na documentación histórica do séculos VIII a X. De forma unánime e reiterada as fontes denominan Galicia á parte noroccidental da península. Esta denominación continuará nos séculos seguintes cando ao mudar a capitalidade do reino, pasando de Oviedo a León, a historiografía tradicional decida, sen dar explicación do motivo, que o reino debe cambiar tamén o seu nome polo de Reino de León.

  • Fontes árabes. As fontes musulmáns son unánimes na súa denominación do reino cristián peninsular o longo da alta Idade Media[46], para eles o nome deste reino é sempre Ŷilliqiya (Ḏj̲illīḳiyya) ou Galisiya[47] nome cuxa tradución é Galicia[48] non Asturias. De igual xeito, os soberanos do territorio son para os cronistas árabes reis de Yilliqiya ou reis galegos[49].
  • Fontes francas. No ano 798 nos Annales regni Francorum Afonso II aparece como Rex Gallitiae et Asturiae[50], no século IX na biografía de CarloMagno, Vita Karoli Magni, repítese a fórmula[51]. Na obra Vita hludovici" Afonso II é denominado príncipe das Galicias (Adefonsi Galletiarum Principis)[52]
  • Fontes vaticanas. No ano 794 con motivo do Concilio de Frankfurt o papa Adrián I diríxese ao clero de Galicia e España[53], é dicir ao clero galaico e ao mozárabe. O Cronicón Aniense afirma que ao referido concilio acudiron bispos de Italia, Gotia, Aquitania e Galicia[54]. O papa Xoán IX comunícase co rei Alfonso III chamándolle "Adefonso Regi Gallaeciarum”, ou “Rex Galletiae". Sobre esta misiva é ilustrativo referir que o historiador español Sánchez Albornoz realizou un ensaio titulado "Sobre una epístola del papa Juan IX a Alfonso III de Asturias", aínda que no texto Afonso III só figura como rei de Galicia[55]
  • Fontes escandinavas. A xeografía normanda divide a península en tres partes: Galizuland, Spanland e Skarland. Existen dezaseis sagas escandinavas nas que se fala de Galicia, habitualmente co nome Jacobsland a "terra de Santiago", e dos reis galegos[56].
  • Fontes cartográficas. Nos mapas medievais conservados até a actualidade[57] denominase Galicia á parte cristiá da península ibérica. Asturias nunca figura soa, sempre o fai dentro de Galicia[58].

Astororum regnum[editar | editar a fonte]

A única fonte da época da que podería deducirse a existencia dun reino asturiano atopámola nunha única frase da Crónica Albeldense: "Tunc etiam qui remanserunt gladio de ipsa oste Sarracenorum in Libana monte ruente iudicio Dei opprimuntur et Astororum regnum diuina prouidentia exoritur" [59]. Estas dúas palabras, astororum regnum, adoitan ser traducidas por Reino de Asturias a pesar de que a súa tradución literal é "reino dos Astores"[60], se ben é asumido que existe unha errata no texto e que debería poñer Asturorum. A definición étnica do reino, xunto coa abundancia de manipulacións na documentación da época fai que existan dúbidas sobre a súa autenticidade[61].

Cronoloxía e xenealoxía dos reis de Asturias e León.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cahiers de linguistique hispanique médiévale. Séminaire d'études médiévales hispaniques de l'Université Paris. nº 9. 1984.
  2. "España Sagrada". Consultado o 05/02/2018. regiones partes sunt provinciarum (...) sicut in Gallicia Cantabria, Asturia 
  3. "España Sagrada". Consultado o 05/02/2018. Cantabri et Astures Gallaeciae provinciae portio sunt 
  4. Beato de Lïebana. Península ibérica no Mapa do Beato de Líébana. 
  5. Murado, Miguel-Anxo (2012). Outra idea de Galicia. Debate. p. 57. ISBN 978-84-9992-346-8. Dos diferentes distritos que o conformaban, Galicia era a parte máis poboada e rica, aí como a única rexión non musulmá na que existían cidades como tales e, polo menos durante un século, sés episcopais 
  6. Reilly, Bernard F. (1999). Monarquia e iglesia en el reino de Castilla-León. El Papado, la iglesia leonesa y la basílica de Santiago a finales del siglo XI (Consorcio de Santiago). p. 12. ISBN 84-930667-1-0. 
  7. Fernández Conde, Francisco Javier (1999). Los obispos ovetenses y la consolidación del feudalismo en la Asturias medieval. El Papado, la iglesia leonesa y la basílica de Santiago a finales del siglo XI (Consorcio de Santiago). p. 131. ISBN 84-930667-1-0. 
  8. "Entrevista a Xosé Antonio López Teixeira". biosbardia.wordpress.com. Consultado o 14/03/2018. Mais como se pode defender que houbo un reino en Asturias se durante moitísimos anos esa rexión dependía do bispo de Lugo? Coñecendo a estrutura medieval do poder, quen pode crer que creasen un reino nunha terra sen poder episcopal? 
  9. Murado, Miguel-Anxo (2013). La invención del pasado. Debate. p. 39. ISBN 978-84-8306-853-3. 
  10. Garcia Pérez, Guillermo (1994). "Covadonga, un mito nacionalista católico de origen griego" (PDF). El Basilisco (17): 81–94. 
  11. Barrau-Dihigo, Lucien (1989). Historia política del reino Asturiano (718-910). Silverio Cañada. ISBN 8472862739. 
  12. Murado, Miguel-Anxo (2013). La invención del pasado: Verdad y ficción en la Historia de España. Debate. pp. 153–154. ISBN 978-84-8306-853-3. 
  13. Alonso, Raquel. "El origen de las leyendas de la Cruz de los Ángeles y la Cruz de la Victoria (catedral de Oviedo): cruces gemmatæ al servicio de la propaganda episcopal". slideshare.net/. Consultado o 16/03/2018. La capacidad simbólica y evocadora que aún hoy conservan los principales emblemas asturianos, las cruces de Oviedo, es con toda probabilidad una creación del siglo XII, obra, principalmente, del gran prelado que fue el obispo Pelayo. 
  14. López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. pp. 207–212. ISBN 978-84-8341-293-0. 
  15. Collins, Roger (1986). La conquista árabe. Crítica. ISBN 9788474234978. 
  16. Olague, Ignacio (2017). La revolución islámica en Occidente (PDF). Almuzara. p. 7. ISBN 841677675X. De 700 a 701(...) Tunicia es definitivamente dominada. (...) se impone una deducción indiscutible: No podían dormirse sobre sus laureles los invasores. Tenían que conquistar a uña de caballo todo el norte de África, ya que diez años más tarde, en 711, debían de hallarse en Guadalete, en el sur de la península, en donde estaban citados con los historiadores 
  17. Nogueira, Camilo (2001). A memoria da nación. O Reino de Gallaecia. Xerais. p. 121. ISBN 84-8302-656-2. 
  18. Maíllo Salgado, Felipe (2011). Acerca de la conquista árabe de Hispania. Imprecisiones, equívocos y patrañas. Trea. ISBN 978-84-9704-576-6. “La ocupación musulmana del cuadrante noroeste peninsular nunca se dio (no hay prueba de que en los primeros años de la conquista llegara ejército alguno por Galicia o áreas adyacentes) y el poblamiento bereber no tuvo apenas consecuencias por su brevedad” 
  19. Nogueira, Camilo (2001). A memoria da nación. O reino de Gallaecia. Xerais. pp. 132–133. ISBN 84-8302-656-2. 
  20. Collins, Roger (1991). España en la alta edad media. Crítica. p. 141. ISBN 8474232821. 
  21. Pallares, Mª Carmen; Portela, Ermelindo (2015). Para una lectura del paisaje. La impronta medieval. El territorio en la historia de Galicia. Organización y control. Siglos I-XXI (USC Editora académica). pp. 97–151. ISBN 978-84-16183-78-4. nuestra aproximación al paisaje altomedieval (...) comienza en la afirmación de la continuidad de la muy visible ocupación y de la muy precisa organización humana (...) en todo el territorio de la Gallaecia 
  22. Portela, Ermelindo; Pallares, Mª Carmén (1996). Galicia á marxe do Islam. Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego. I (Museo do pobo galego). p. 441. ISBN 84-88908-06-7. (...) a continuidade dos lugares habitados e a permanencia das súas estruturas organizativas tanto económicas coma políticas reúnen a triple característica da fiabilidade, a claridade e a abundancia 
  23. Carballo, Francisco (1995). A igrexa galega. Promocions Culturais Galegas. p. 38. ISBN 8489138095. 
  24. "Sé titular de Iria Flávia". pt.wikipedia.org. Consultado o 04/03/2018. 
  25. Lautensach, Hermann (1954). "Über die topographischen Namen arabischen Ursprungs in Spanien und Portugal (Sobre nomes topográficos de orixe árabe en Espanha e Portugal)". Die erde (en alemán): 221 – 232. 
  26. López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. p. 274. ISBN 978-84-8341-293-0. 
  27. López Teixeira, Xosé Antonio (2010). A formación do reino de Galiza (711-910). Toxosoutos. p. 156. ISBN 978-84-92792-76-4. 
  28. Barbero, Abilio; Vigil, Marcelo (1991). La formación del feudalismo en la península ibérica. Crítica. p. 227. ISBN 9788474230581. 
  29. Maíllo Salgado, Fernando (2011). Acerca de la conquista árabe de España. Imprecisiones, equívocos y patrañas. Trea. pp. 22–26. ISBN 978-84-9704-576-6. 
  30. López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. p. 134-135. ISBN 978-84-8341-293-0. As crónicas non saen moito mellor paradas tras a imprescindible revisión crítica. A súa utilidade como fonte histórica directa fica descartada; pecaria de inxenuo quen quixese tomar os seus datos ao pé da letra (e atoparía ademais contradiccións entre unhas es outras) 
  31. López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. pp. 158–159. ISBN 978-84-8341-293-0. 
  32. Murado, Miguel-Anxo (2013). La invención del pasado. Debate. p. 25. ISBN 978-84-8306-853-3. 
  33. López Teixeira, Xosé Antonio (2003). Arredor da conformación do Reino de Galici. Toxosoutos. p. 19. ISBN 84-95622-78-5. 
  34. Dubert, Isidro (2016). Historia das historias de Galicia. Xerais. p. 111. ISBN 978-84-9121-001-6. 
  35. Lafuente, Modesto (1887). Historia General de España. Tomo II. Montaner y simon, editores. p. 170. 
  36. Menéndez Pidal, Ramón (1943). La España del Cid 1. Espasa-Calpe. p. 89. los sarracenos comprendían bajo el nombre de gallegos también a leoneses y asturianos 
  37. Castro, Américo (1948). España en su historia. Losada. los árabes llamaban gallegos a todos los cristianos del norte, mientras que a los catalanes los consideraban francos 
  38. Sánchez Albornoz, Claudio (1981). Estudios sobre Galicia en la temprana Edad Media. Fundación Barrié de La Maza. pp. 26, 159, 523. ISBN 8485728106. en Cordoba llamaban Galicia al solar del reino astur" "durante el siglo IX fuera de la España(...) cristiana se daba al topónimo Galicia un amplio significado que llegaba a identificarse con toda la extensión de las tierras regidas por los sucesores de Pelayo" "durante el siglo IX en la españa musulmana y mas allá de los Pirineos se acostumbraba a llamar reyes de Galicia a los de Oviedo 
  39. Maravall, Jose Antonio (1981). El concepto de España en la edad media. Centro de estudios constitucionales. p. 214. tanto en las fuentes carolingias como en las musulmanas toda la zona se denominaba, en efecto, Galicia 
  40. Vicetto, Benito (1865). Historia de Galicia 4. pp. 8–9. 
  41. Murguia, Manuel (1865). Historia de Galicia 4. p. 4. Para ellos (...) bajo la denominación de Reino de León, Galicia desaparece (...) 
  42. García Álvarez, Rubén (1963). "Contribución gallega a la formación de Castilla". Grial (2): 142. ¿qué diremos del por todos llamado solar astur-leonés y que era en realidad Galicia, único nombre que para hablarnos de la España cristiana emplean las fuentes latinas y árabes más antiguas y más dignas de crédito? 
  43. Nogueira, Camilo (2001). A memoria da nación: O reino de Gallaecia. Xerais. p. 144. ISBN 84-8302-656-2. As fontes documentais cristiás e as historiografías carolinxia e árabe da época poñen en evidencia que os monarcas cristiáns eran denominados reis de Gallaecia 
  44. López Teixeira, Xose Antonio (2010). A formación do reino de Galiza (711-910). Toxosoutos. p. 142. ISBN 978-84-92792-76-4. Gallaecia foi o topónimo que identificaba, alén das nosas fronteiras, a todo o conxunto de territorios que conforman o cadrante noroccidental peninsular. Os cronistas árabes e francos nomeaban a nova formación social como Gallaecia, e nela incluían o distrito de Asturias (...) 
  45. López Carreira, Anselmo (1998). O reino de Galiza. A Nosa Terra. p. 6. ISBN 84-89976-43-0. falar dos reinos de Asturias e León é unha sinécdoque (xa se sabe, tomar a parte polo todo), pois naquela época a todo ese territorio chamabaselle Galiza (segundo se pode comprobar tanto nos documentos como nos mapas) 
  46. Murado, Miguel-Anxo (2013). Outra idea de Galicia. Debate. p. 58. ISBN 978-84-9992-346-8. Non hai documento árabe que non fale de Galicia ou dos galegos en vez do mítico "reino de Asturias" 
  47. "Yilliqiya ou Galisiya, o Reino de Galiza nas fontes árabes". www.sermosgaliza.gal. Consultado o 09/03/2018. 
  48. "Ḏj̲illīḳiyya na Encyclopédie de l’Islam". referenceworks.brillonline.com/. Consultado o 09/03/2018. 
  49. Carballeira Devasa, Ana María (2007). Galicia y los gallegos en las fuente árabes medievales. CSIC. p. 127. ISBN 978-84-0008576-6. 
  50. "Annales Regni Francorum". www.thelatinlibrary.com. Consultado o 06/03/2018. 
  51. "Vita Karoli Magni". archive.org. Consultado o 06/03/2018. 
  52. "Vita Hludovici (Annales ecclesiastici Francorum)". Consultado o 07/03/2018. 
  53. Rivera Recio, Juan Francisco (1980). El adopcionismo en España. Toledo. p. 59. 
  54. Menéndez Pelayo, Marcelino (1880). Historia de los heterodoxos españoles. p. 35. ISBN 9789684327702. 
  55. Nogueira, Camilo (2001). A memoria da nación. O reino de Gallaecia. Xerais. p. 148. ISBN 84-8302-656-2. 
  56. Murado, Miguel-Anxo (2013). Outra idea de Galicia. Debate. p. 59. ISBN 978-84-9992-346-8. 
  57. "Early World Maps". en.wikipedia.org. Consultado o 11/03/2018. 
  58. "El Reino de Galicia en los mapas medievales". youtube.com. Consultado o 11/03/2018. 
  59. Gil Fernandez, Juan (1985). Crónicas Asturianas. Universidade de Oviedo. ISBN 84-600-4405-X. 
  60. Canto, Alicia Mª. "¿Hubo alguna vez un "Asturorum regnum"?". www.academia.edu. Consultado o 08/03/2018. 
  61. López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A nosa terra. p. 125. ISBN 978-84-8341-293-0. a expresión "Asturorum Regnum" (de sabor tan étnico que abondaria para desbotalo completamente da alta Idade Media por apócrifo) estimouse como un cravo ardente, transmitiuse ata a historiografía actual e xeralizouse como se dun título oficial se tratase co ánimo de demostrar a existencia do dito reino 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]