Albania
Republika e Shqipërisë (sq) | |||||
Himno | Hymni i Flamurit | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «You Albania, give me honour, give me the name Albanian (en) » | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Tirana | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.793.592 (2022) (97,18 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua albanesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 28.748 km² | ||||
Auga | 5,7 % | ||||
Bañado por | mar Adriático, Mar Mediterráneo e Mar Xónico | ||||
Punto máis alto | Monte Korab (2.764 m) | ||||
Punto máis baixo | mar Adriático (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 28 de novembro de 1912 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | parliamentary system (en) | ||||
• Presidente | Bajram Begaj (2022–) | ||||
• Primeiro ministro | Edi Rama | ||||
Órgano lexislativo | Asemblea de Albania , (Escano: 140) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supreme Court of Albania (en) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 17.930.565.119 $ (2021) | ||||
Moeda | Lek albanés | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .al | ||||
Prefixo telefónico | +355 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112, 127, 128 e 129 | ||||
Código de país | AL | ||||
Código NUTS | AL | ||||
Páxina web | kryeministria.al… | ||||
Albania (en albanés, Shqipëri ou Shqipëria), oficialmente República de Albania (en albanés, Republika e Shqipërisë), é un país balcánico, situado nas costas do mar Adriático e do mar Xónico, no Mediterráneo. Comparte fronteiras con Montenegro ao noroeste, con Kosovo[1] ao nordeste, coa Macedonia do Norte ao leste e con Grecia ao sur. Tirana é a súa capital e cidade máis poboada, seguida de Durrës, Vlorë e Shkodër.
Albania presenta unhas condicións climáticas, xeolóxicas, hidrolóxicas e morfolóxicas variadas, definidas nunha superficie de 28 748 km2. Posúe unha gran diversidade, cunha paisaxe que vai dende as nevadas montañas dos montes Prokletije, así coma dos montes Korab, ata as cálidas e soleadas costas mediterráneas albanesas.
Albania foi poboada por diferentes civilizacións ao longo do tempo, como os ilirios, tracios, gregos, romanos, bizantinos, venecianos e otománs. Os albaneses estableceron o Principado autónomo de Arbër no século XII. O reino de Albania e o Principado de Albania formáronse entre os séculos XIII e XIV. Antes da conquista otomá de Albania no século XV, a resistencia albanesa á expansión otomá, liderada por Skanderbeg, gañou o recoñecemento de case toda Europa. Albania permaneceu baixo o dominio otomán durante case cinco séculos, nos cales moitos albaneses alcanzaron altos cargos no imperio, especialmente no sur dos Balcáns e en Exipto. Entre os séculos XVIII e XIX, o desenvolvemento cultural deu lugar ao Renacemento albanés. En 1912, trala derrota otomá nas Guerras balcánicas, a moderna nación de Albania declarou a súa independencia.[2]
Albania é unha democracia parlamentaria que aínda segue a transformar o seu sistema económico cara a unha economía de mercado. É membro das Nacións Unidas, da OTAN, da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, do Consello de Europa, da Organización Mundial do Comercio e da Organización da Conferencia Islámica. Ademais é un candidato potencial á adhesión á Unión Europea dende xaneiro de 2003, solicitando formalmente o seu ingreso o 28 de abril de 2009.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Albania é o nome en latín medieval do país chamado Shqipëri polos seus habitantes. O nome en grego medieval é o de Albania ademais de variantes tales coma Albaētia ou Arbanētia. A orixe máis recente do elemento Alb- remóntase ao ilirio alb ou outeiro, emparentado coa voz Alp-, ou montaña de pastos, atopada en rexións alpinas. No século II, na Historia do Mundo escrita polo historiador grego Polibio, hai unha mención a unha cidade chamada Arbon que hoxe en día estaría en Albania central.
Outra teoría é que o topónimo do país procede da tribo iliria dos Albanoi recollida por Tolomeo, o famoso astrónomo e cartógrafo de Alexandría, quen debuxara un mapa de marcada importancia para a historia de Iliria. Ese mapa recollía á cidade de Albanópole, que estaría localizada ao sur da actual cidade albanesa de Durrës.
Na súa historia escrita entre 1079 e 1080, o historiador e estadista bizantino Attaliates foi o primeiro en nomear aos Albanoi coma parte dunha revolta contra Constantinopla en 1043 e aos Arbanitai coma súbditos do Duque de Dyrrachium. Durante a Idade Media, os albaneses chamáronlle ao seu país Arbër ou Arbën e autodenomináronse coma Arbëresh ou Arbnesh.
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Albania.
Primeiros asentamentos
[editar | editar a fonte]O pobo máis antigo coñecido que habitou o actual territorio de Albania foi o dos ilirios, dos cales os shqipëtars ou albaneses son supostos descendentes. Os gregos colonizaron as costas e o sur do territorio, que quedou en gran parte incluído dentro do Epiro. Os ilirios efectuaban frecuentes incursións nos estados helenísticos da Molosia, Peonia e mesmo a Macedonia. No 35 a.C., os romanos conquistaron os sitios máis accesibles e civilizados, denominándoos provincias de Ilírico e Epiro, aínda que os territorios máis montañosos e remotos nunca chegaron a estar baixo control do Imperio Romano.
Baixo os romanos, Iliria coñeceu unha época de paz e prosperidade. A principal ruta comercial entre Roma e Constantinopla, a Vía Egnatia, discorría entre Epidamnos (Durrës) e Tesalónica. Os ilirios, do mesmo xeito que os gregos, conservaron a súa lingua e as súas tradicións durante o dominio romano. Cando o Imperio Romano quedou dividido no ano 395, os ilirios foron asimilados polo Imperio Bizantino. Durante os séculos V e VI confluíron con pobos itinerantes como os visigodos, hunos, ostrogodos e eslavos.
Idade Media
[editar | editar a fonte]Entre 1443 e 1468, Gjergj Kastrioti chamado Skanderbeg, xunto con Lekë Dukagjini, dirixiu en nome dos albaneses as loitas conxuntas de serbios, búlgaros, romaneses e outros pobos da zona contra os turcos otománs, converténdose no heroe nacional e unha icona da loita contra o invasor islámico. Antonio Vivaldi adicoulle unha ópera a Skanderbeg co mesmo nome. Desta época datan os primeiros documentos escritos en lingua albanesa, en alfabeto cirílico.
Nese longo período de ocupación sucederon varios feitos determinantes para a actual cultura albanesa: gran parte da poboación urbana ortodoxa exiliouse, principalmente no sur de Italia e Grecia, mentres que a maioría da poboación que se mantivo no país foi convertida ao islam, longo do sete séculos de ocupación. Trala progresiva conversión ao islam, por interese e supervivencia, e a asimilación turca de gran parte dos albaneses, Albania converteuse nun Estado privilexiado e leal ao Imperio, alcanzando altos cargos na administración do Imperio e tamén como forzas de choque para manter o control sobre Grecia, Serbia, o territorio da actual Macedonia do Norte e Bulgaria.
Século XX
[editar | editar a fonte]A comezos do século XX no marco da primeira Guerra dos Balcáns o Imperio Otomán enfrontouse á Liga Balcánica, formada por Serbia, Montenegro, Bulgaria e Grecia, sufrindo unha gran derrota e perdendo case tódolos territorios europeos. Co Tratado de Londres no ano 1913, que definiría o repartimento das terras conquistadas entre os aliados, acordaríase apoiar a declaración de independencia de Albania en novembro de 1912, o que supuxo o primeiro estado independente do país, grazas a insistencia de Italia e o Imperio Austrohúngaro que non desexaban que Serbia contara con saída ao Mar Adriático. Este novo proxecto tería como un dos seus máximos expoñentes políticos a Ismail Qemali, quen sería Primeiro Ministro entre 1912 e 1914.
O estado independente non duraría moito, xa que na práctica acabou coa primeira guerra mundial, coa ocupación do norte por Serbia e o sur, o Epiro norte, por Grecia, actuando o resto do territorio como un protectorado de Italia, que puxo no goberno a Ahmet Zogu. Quen pasaría a ser a partir do ano 1928 o rei Zog I de Albania, o seu reinado remataría no ano 1939 coa invasión da Italia fascista de Musolini e a proclamación como rei de Albania de Vítor Manuel III de Savoia.
Durante a segunda guerra mundial organizouse a resistencia en forma de guerrillas, organizadas sobre todo en torno a movementos de orientación comunista e a un dos seus principais líderes Enver Hoxha. No ano 1941 o recentemente fundado Partido do Traballo de Albania, de ideoloxía marxista-leninista, tomou o control do estado albanés, baixo o liderado de Hoxha e creando a República Popular de Albania. En 1955, Albania pasou ser membro do Pacto de Varsovia.[3] Porén o país foi illado, primeiro por Occidente e logo pola Unión Soviética despois de que Hoxha fixera unha dura crítica a Nikita Khrushchev achegándose a China, de quen tamén remataría afastándose trala morte de Mao Tse Tung.
En 1985, Enver Hoxha morreu e Ramiz Alia tomou o seu lugar. Inicialmente, Alia tentou seguir os pasos de Hoxha, mais os cambios en Europa do Leste xa comezaran, Mikhail Gorbachev aparece na URSS con novas políticas (Glasnost e Perestroika). Despois de que Nicolae Ceauşescu, líder comunista de Romanía, fose executado nunha revolución, Alia asinou o Acordo de Helsinqui, polo que se comprometía a modificar a lexislación en materia civil e foron convocadas eleccións pluripartidistas gañadas polo Partido Demócrata co 62% dos votos en 1992.
O primeiro trimestre de 1997 foi un momento moi delicado para Albania, na que nunhas poucas semanas o Estado rozou a descomposición e a guerra civil. Dous feitos fundamentais desencadearon esta situación: as caóticas eleccións lexislativas na que resultou gañador o Partido Demócrata de Sali Berisha e o colapso duns sistemas bancarios de estrutura piramidal que prexudicaron enormemente ao país. A estafa consistía nunha serie de depósitos que xeraban uns intereses irracionalmente altos, e dunha dubidosa solvencia, que a pesar diso contou co estímulo do Goberno de Berisha baixo o pretexto da expansión do sistema crediticio. Moitos albaneses confiaron as súas escasas propiedades, despois de décadas de comunismo, e incluso hipotecaron as súas casas para obter eses intereses.
Isto desencadeou un descontento xeral que se consumou co saqueo dos cuarteis militares e depósitos de armas. Nesta situación de caos e de violencia, antigas vinganzas persoais volveron a aflorar e moitos albaneses iniciaron outra inmigración masiva a Italia como xa realizaran co derrocamento do comunismo. Un levantamento armado, dirixido por "comités de Salvación" de orientación comunista, estourou en Vlorë e ao sur do país. Saqueos e enfrontamentos ocorreron na capital e as demais cidades. Argumentando o caos, a ONU aprobou o envío urxente dunha "Forza de Protección Multinacional" de 7.000 soldados liderada por Italia, cuxa avanzada desembarcou en Durres e Vlorë o 14 de abril. O descontento causaron que o Partido Socialista gañara as eleccións de 1997. As Forzas deixaron o país en agosto.
Dende 1990 Albania está orientada cara "occidente", foi aceptada no Consello de Europa e na OTAN,[4] pedindo ademais formar parte da Unión Europea.
En 2007 Albania converteuse no primeiro país do mundo en eliminar todo o seu armamento químico.[4] O país tornouse membro pleno da OTAN en 2009.
Xeografía e clima
[editar | editar a fonte]Albania é un estado cunha superficie total de 28.750 quilómetros cadrados. É moi montañoso, con alturas xeneralizadas de máis de 1.000 metros, cheo de cantís e montañas. O pico máis alto, o Korab, chega até os 2.753 metros e atópase no distrito de Dibra. O 70% do país é accidentado e moitas veces inaccesíbel. As terras baixas só ocupan 1/7 do país e redúcense á chaira litoral e a vales moi estreitos. Os seus principais ríos son o Drin, o Vijosë, o Devoll, o Seman e o Shkumbin. No sueste atópanse os lagos de orixe tectónico chamados Ohrid e Prespa, mentres que ao norte, preto das costas mediterráneas, sitúase o lago de Shkodër.
As terras costeiras gozan dun clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais de ao redor de 16 °C e con invernos frescos e veráns cálidos. En troques, no interior vólvese un clima continental, con medias anuais de 10 °C e bruscos contrastes de temperaturas ao longo do ano. Nalgunhas zonas montañosas as precipitacións superan os 2000 mm e as montañas en inverno reciben abondosas nevaradas. Máis dun terzo do territorio do país son bosques e o territorio é moi rico en flora, destacando a vexetación mediterránea con maquías e coníferas na franxa litoral e no interior montañoso predominan fragas de coníferas e caducifolias. Ao redor de 3.000 especies diferentes de plantas crecen en Albania, a maioría utilizadas con fins medicinais.
A zona costeira é moi recortada e salpicada de cabos e golfos, cunha lonxitude de ao redor de 362 km e situada entre os mares Adriático e Xónico. Ademais da capital, Tirana, con 726.547 habitantes (2008), as principais cidades son Durrës, Elbasan, Shkodër, Gjirokastër, Vlorë e Korçë. Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Albania repártese entre catro ecorrexións:
- Bosque mixto dos Alpes Dináricos no extremo norte.
- Bosque mixto balcánico no nordés.
- Bosque mixto dos montes Pindo nas montañas do centro e sueste.
- Bosque caducifolio de Iliria no resto do país.
Goberno e política
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Primeiro Ministro de Albania e Asemblea de Albania.
Albania é unha república parlamentaria pluripartidista cunha recente democracia. A súa constitución foi aprobada, por todos aqueles cidadáns maiores de dezaoito anos, por referendo popular o 22 de novembro de 1998 e promulgada o 28 de novembro dese mesmo ano. A cabeza do Estado é o presidente, elixido polo Kuvendi i Republikës së Shqipërisë (a Asemblea da República de Albania). Os 140 membros da Kuvendi son elixidos polos albaneses cada catro anos. A cabeza do goberno é o primeiro ministro, o cal está asistido por un Consello de Ministros nomeados por el.
O poder xudicial organízase no Tribunal Constitucional e no Tribunal Supremo, cuxo Presidente é elixido por sufraxio universal cada catro anos, e despois múltiples tribunais estabelecidos por condados e distritos. Albania non aceptou a xurisdición obrigatoria da Corte Internacional de Xustiza, mais se a xurisdición da Corte Penal Internacional (para tódolos seus habitantes. Segundo un informe da Comisión Europea publicado en 2006 o 44% dos cidadáns dos Estados membros da Unión Europea opóñense ao ingreso de Albania dentro de dita organización, contra un 41% que se mostrou a favor.[5]
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Concellos de Albania.
Dereitos humanos
[editar | editar a fonte]En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Albania firmou ou ratificou:
Albania | Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[6] | ||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
CESCR | CCPR | CERD | CED | CEDAW | CAT[7] | CRC | MWC | CRPD | |||||||||
CESCR | CESCR-OP[8] | CCPR | CCPR-OP1 | CCPR-OP2-DP | CEDAW | CEDAW-OP[9] | CAT | CAT-OP | CRC | CRC-OP-AC | CRC-OP-SC | CRPD | CRPD-OP[10] | ||||
Pertenza | |||||||||||||||||
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes. |
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Albania.
Albania é o país onde máis persistiu o réxime comunista de economía centralizada e estatalizada de toda Europa. Sobre unha base centrada na agricultura e na minería, con grandes centrais siderúrxicas, escaso comercio exterior e unhas infraestruturas absolutamente insuficientes, as tímidas reformas iniciadas en 1985 desembocaron nun duro axuste económico na década dos noventa. Cunha tecnoloxía anticuada, os indicadores económicos caeron sensiblemente, con descensos na produción industrial de entre o 55% e 60%, abandono de empresas e emigración cara a outros países tales como Italia. A redución da produción alcanzou tamén á agricultura, onde as colectividades foron tomadas polos campesiños creando unha economía de subsistencia familiar que non producía excedentes.
Na actualidade, os axustes de 1991 tralas primeiras eleccións pluripartidistas, puxeron en marcha de novo unha parte da industria pesada, estenderon as zonas de cultivo con investimento estranxeiro no regadío, na achega de maquinaria, ademais o sector bancario mellorou notablemente. Porén, persisten graves problemas: os indicadores económicos mostran unha economía dependente nun 85% da agricultura e a minería, con nulas infraestruturas suficientemente operativas.
Os programas que Albania ten asinados coa Unión Europea están a permitir certas melloras nos equipamentos básicos para que o país deixe de ser o segundo país máis pobre de Europa despois de Moldova. Un dos grandes problemas da súa economía é a proliferación do crime organizado, que a través do control do tráfico de drogas e de armas en Europa e os Estados Unidos, exerce unha poderosa e negativa influencia na súa normalización económica.
Transporte
[editar | editar a fonte]Na década de 1990, as pedregosas estradas, inestables liñas de ferrocarrís e obsoletas redes telefónicas que atravesan Albania representaban os restos das notables melloras que se fixeron despois da segunda guerra mundial. A xenofobia e celo de Enver Hoxha para o control do país deixou o país illado, coa revolución das comunicacións transformado o mundo nunha aldea global. Incluso as viaxes internas foron un luxo para moitos albaneses durante o réxime.
Estradas
[editar | editar a fonte]Actualmente as principais cidades do país están conectadas con estradas nacionais de primeira clase. Hai unha estrada de catro carrís que conecta as cidades de Tirana e Durrës e a cidade de Durazzo con Lushnje. Agora Albania está a participar na construción do que serán tres corredores principais de transporte, sendo agora mesmo a principal prioridade a construción dunha autoestrada de catro carrís entre Durrës e Pristina, que unirá Kosovo coa costa do Adriático albanesa, como consecuencia reducirase o tempo que se tarda en chegar dende Kosovo a Durrës de seis a dúas horas.
A segunda prioridade é a construción do Corredor Europeo 8 que unirá Albania con Macedonia do Norte e Grecia, e finalmente a terceira prioridade para o goberno é a construción do eixo norte-sur do país, o que se refire ás veces como a Autoestrada Adriático-Xónico, pois é parte dunha estrada rexional máis ampla que une Croacia con Grecia ao longo do Adriático e as costas do Xónico. Cando se completen os tres corredores Albania terá ao redor de 759 quilómetros de autoestrada, conectándoa con tódolos países veciños.
Aviación
[editar | editar a fonte]En 1977 o goberno de Albania asinou un acordo con Grecia para a apertura das ligazóns aéreas do primeiro país coa Europa non comunista. Como resultado, Olympic Airways foi a primeira compañía non comunista en aterrar en Albania. En 1991 Tirana tiña conexións aéreas coas principais cidades europeas, incluíndo París, Roma, Zürich, Viena e Budapest, servida por un aeroporto pequeno, o Aeroporto Internacional Nënë Tereza, situado a vinte e oito quilómetros da capital na vila de Rinas, porén non había servizos de transporte aéreo regular nacional. Ese mesmo ano, en 1991, Ada Air, unha empresa conxunta franco-albanesa, converteuse na primeira liña aérea do país. A compañía ofrece voos en trinta e seis avións de pasaxeiros catro días á semana entre Tirana e Bari (Italia) e un servizo de charter a destinos nacionais e internacionais.
A partir de 2007 Albania ten un aeroporto internacional, o Aeroporto Internacional Nënë Tereza. O aeroporto está conectado a vinte e nove destinos en catorce compañías aéreas. Viuse ademais un grande aumento en número de pasaxeiros e movementos de aeronaves dende principios de 1990. En setembro de 2009 serviu a 1,8 millóns de pasaxeiros e contaba con 44 aterraxes e engalaxes diarias.
Ferrocarril
[editar | editar a fonte]O sistema ferroviario foi amplamente promovido polo réxime totalitario de Enver Hoxha, durante os cales o uso do transporte privado foi prohibido. Dende a caída do réxime houbo un aumento considerable do parque automobilístico privado e no uso do autobús. Aínda que algunhas das estradas do país se atopan aínda nun estado moi pobre, houbo grandes avances como a construción dunha autoestrada entre Tirana e Durrës, que fixeron perder número de pasaxeiros aos ferrocarrís.
A primeira liña do país de vía estándar non se construíu até 1947, aínda que antes xa se construíran algunhas liñas de vía estreita. Os ferrocarrís en Albania son administrados pola empresa nacional Hekurudha Shqiptare(HSH) que significa Ferrocarrís Albaneses. Opera cun ancho de vía de 1.435 mm (ancho estándar) e tódolos seus trens son arrastrados por locomotoras ČKD diésel-eléctricas checas. En canto a conexións internacionais existe unha liña que conecta con Montenegro, que só foi utilizada para tráfico de mercadorías, aínda que esta liña (de Shkodër a Podgorica) foi cortada en 1997, restaurouse en 2002.
Demografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Demografía de Albania.
- Véxase tamén: Gregos de Albania.
No ano 2008 Albania tiña unha poboación estimada de 3 170 048 habitantes, medrando en segundo datos de 2007 a un ritmo dun 0,73%. A poboación albanesa é considerada unha poboación moi nova, cunha idade media de 28,9 anos.[11] A esperanza de vida é de setenta e sete anos, o media de fillos por muller de 2,03 e o 86,5% da poboación esta alfabetizada. Despois de 1990 a poboación albanesa enfrontouse a novos fenómenos como a inmigración, que afectou excesivamente á distribución por distritos e prefecturas. Os distritos do norte viron unha diminución da poboación, mentres que os distritos de Tirana e Durazzo aumentaron a súa poboación.
Albania é un país etnicamente homoxéneo, posto que o 96% da poboación é albanesa (segundo estimacións de 1989), con algunha pequenas minorías, entre as que destacan os gregos cun 1,17%, outras minorías poden son os valacos, macedonios, exipcios ou serbios. Porén, o tamaño da minoría grega é contencioso, posto que o goberno albanés estímaa en 60.000 e o grego en 300.000, esta minoría alega que se atopa nunha situación de discriminación e posúe un partido político propio, o Partido da Unión polos Dereitos do Home. A lingua dominante é o albanés, con dous dialectos principais, o gheg e o tosk. Moitos albaneses tamén falan o inglés, o italiano, o grego, o turco ou o alemán.
Relixión
[editar | editar a fonte]De acordo con algunhas estimacións a meirande parte dos albaneses non practican ningunha relixión.[12] Segundo outras estatísticas o 41% dos albaneses son cristiáns (24% ortodoxos e o 16% católicos e outras minorías independentes), e 38,7% musulmáns.[13] Porén outros estudos ofrecen resultados completamente distintos, chegando a indicar que a porcentaxe de musulmáns é do 79,9%,[14] ou que os non relixiosos son a gran maioría da poboación.[15]
Os albaneses aparecen por primeira vez nos rexistros históricos dos bizantinos a finais do século XI e neste punto a poboación está xa plenamente cristianizada. O cristianismo foi máis tarde eclipsado polo islam, que se mantivo como relixión máis importante durante o período otomán, dende o século XV até o ano 1912. Despois da independencia os albaneses republicanos, monárquicos e máis tarde os comunistas seguiron unha política sistemática de separar a relixión das funcións oficiais e da vida cultural, así pois nunca houbo unha relixión oficial do estado. Durante o século XX os cleros de todas as relixións debilitáronse e foron finalmente erradicados durante os anos 1940 e 1950, en virtude da política estatal de borrar toda relixión organizada dos territorios albaneses. Aínda a pesar de non haber datos fiables sobre a relixiosidade da poboación e con todo o mosaico delas nunca houbo grandes disputas relixiosas e os matrimonios entre membros de distintas relixións son bastante habituais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O status político de Kosovo é controvertível. Tras declarar unilateralmente a súa independencia de Serbia en 2008, Kosovo é recoñecido formalmente coma un estado independente por 100 estados membros da ONU, mentres que 93 non o recoñecen. Serbia segue reclamándoo como parte do seu propio territorio.
- ↑ "Albania". The World Factbook (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2013.
- ↑ "División de Alemaña durante a Guerra Fría (1945-1989)". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2009. Consultado o 20 de novembro de 2009.
- ↑ 4,0 4,1 "Albania, primeiro país en eliminar todo o seu armamento químico".
- ↑ Case a metade dos europeos non queren a Turquía na UE
- ↑ Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. "Status by country" (en inglés). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013.
- ↑ Convención contra la Tortura y Otros Tratos o Penas Crueles, Inhumanos o Degradantes (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 1984. 39/46. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013.
- ↑ Protocolo Facultativo del Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PDF) (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 2008. A/RES/63/117. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2014.
- ↑ Protocolo Facultativo de la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 6 de outubro de 1999. A/54/4. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013.
- ↑ Protocolo facultativo de la Convención sobre los derechos de las personas con discapacidad (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2014.
- ↑ "Women, Men and shefit's in Albania 2006" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2009. Consultado o 03 de marzo de 2009.
- ↑ "Freedom of Religion 2007". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2010. Consultado o 20 de novembro de 2009.
- ↑ Operation World
- ↑ "Mapping the Global Muslim Population: A Report on the Size and Distribution of the World’s Muslim Population" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 10 de outubro de 2009.
- ↑ "International Religious Freedom Report 2009". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2009. Consultado o 20 de novembro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Organización nacional de turismo de Albania
- Albania
- Países da FAO, Albania
- Guía de Albania con fotografías
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Albania |