Grupos Antiterroristas de Liberación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "GAL")

Os Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL) foron agrupacións armadas parapoliciais que practicaron o que se denominou terrorismo de Estado ou "guerra sucia" contra o grupo terrorista ETA e a súa contorna, durante a década de 1980. Foron creados e dirixidos por altos funcionarios do Ministerio do Interior de España, durante o goberno do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) do presidente Felipe González.

Aínda que dicían combater a ETA, en varias ocasións atentaron contra simples militantes da esquerda independentista vasca e contra ecoloxistas. Tamén realizaron accións indiscriminadas debido ás cales faleceron cidadáns franceses sen adscrición política coñecida.

Os GAL foron obxecto das investigacións do xornal El Mundo, dirixido por Pedro J. Ramírez, e por outros xornalistas como Pepe Rei. Estas investigacións serviron para expoñer á opinión pública a organización, fontes de financiamento e implicacións políticas dos GAL.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Durante a ditadura de Franco e a Transición Española, cos gobernos de Unión de Centro Democrático (UCD) existiron diversas organizacións que utilizaron prácticas terroristas para enfrontarse a ETA, como a Triple A, o Batallón Vasco Español (BVE), os Comandos Antimarxistas, os Grupos Armados Españoles e Antiterrorismo ETA (ATE). Algúns actuaban por libre, simplemente tolerados, mentres que outros tiñan apoios por parte de altas instancias do goberno. Tamén existían grupos que actuaban supostamente integrando a algúns membros do aparello de Corpos e Forzas de Seguridade de entón que coordinaban as accións e aleccionaban nas tácticas e o manexo de armas, funcionando como auténticos comandos terroristas de gran mobilidade con colaboración de grupos armados internacionais (OAS, Triplo A, ...)

Os casos do atentado contra Antonio Cubillo, dirixente do MPAIAC (grupo independentista das Illas Canarias) en 1978, imputado a axentes co apoio directo do Ministerio do Interior español, ou do secuestro, malos tratos, tortura e simulación de execución do director do semanario El Doblón, José Antonio Martínez Soler en marzo de 1976 trala publicación dun artigo denunciando a purga de mandos moderados da Garda Civil, causaron grande impacto na opinión pública española e internacional pola súa implicación con forzas relacionadas co aparello de represión do Estado.

Nacemento[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1983 comezan unhas conversacións de paz entre o PSOE, PNV e Herri Batasuna [1]. En abril dese mesmo ano celebráronse na madrileña serra de Guadarrama reunións secretas entre membros do PSE-PSOE e membros do goberno socialista: Ricardo García Damborenea, José Barrionuevo, Rafael Vera, Ramón Jáuregui, José María Benegas e Julián Sancristóbal nas que acordaron secuestrar a membros de ETA [2]. No mes de xullo, membros do CESID, liderados polo coronel Perote, redactaron o que se coñece como acta fundacional dos GAL na que se analiza as vantaxas e desventaxas da guerra sucia [3].

Actuacións[editar | editar a fonte]

O 28 de setembro danse por iniciadas as accións dos GAL en Francia, integrados por membros das forzas de seguridade do Estado español e por mercenarios [4]. A primeira actuación dos GAL foi o secuestro dos mozos indepentistas Lasa e Zabala, o 16 de outubro. Dous días despois, catro policias españois son detidos polas forzas de seguridade francesas no intento de secuestro de José Maria Larretxea Goñi. Tras o informe do CESID no que señalan a Mikel Lujua coma un dos líderes de ETA, os GAL deciden secuestralo.

O 4 de decembro Segundo Marey escoitou o timbre, abriu a porta e saliu da súa casa (en Hendaya). Dous homes, que o confundiron co membro de ETA Mikel Lujúa, agarrarono e meterono pola forza noutro vehículo, logo emprenderon a viaxe en dirección a España. O subcomisario Amedo desplazouse ó posto fronterizo de Dantxarinea (Navarra), para esperar ós secuestradores e resolver os problemas que poideran xurdir para lograr que entraran en España coa víctima. Tras pasar a fronteira trasladáronse a unha cabaña en Colindres. A pesar de darse conta do error, e coa autorización de Barrionuevo, seguiron adiante co secuestro [5]. O día 6 contactaron coa Cruz Vermella de Donosti e anunciaron que se os seus catro compañeiros detidos non eran liberados executarían a Marey, dous días despois os axentes foron liberados. E o día 13 foi liberado Segundo Marey a un quilómetro da fronteira francesa e cun comunicado no que por primeira vez víanse as siglas GAL.

O 19 de decembro Ramón Oñaederra é asasinado, comezan os primeiros rumores sobre a vinculación dos GAL co Goberno [6]. O día 28 os GAL levarían a cabo un atentado contra Miguel Antonio Goikoetxea, coñecido como Txapela, na localidade francesa de Saint-Jean-de-Luz. Goikoetxea foi tiroteado por dous descoñecidos, que logo fuxiron nunha motocicleta [7].

As primeiras vitimas do ano 1984 foron Vicente Perurena Telletxea e Angel Gurmindo Lizarraga "Stein" que foron atacados por membros dos GAL en Hendaia, Francia o 8 de febreiro [8]. Tamén en Francia o día 25 foi asasinado Eugenio Gutiérrez Salazar "Tigre" [9]. No transcurso deste ano seguen a sucederse númerosos atentados contra membros de ETA como o presunto dirixente Javier Pérez Arenaza Fogorb [10]. Pero tamén realizan diversos asasinatos ou torturas a persoas de fora da contorna da ETA, como o secuestro dos membros dos comités antinucleares Xavier Lorenzo e Endica Lorenzo [11]. A lista dos asasinados polos GAL en 1984 continúa con Jean Pierre Leiba(traballador ferroviario), Rafael Goikoetxea (membro de ETA), Tomás Pérez Revilla (membro de ETA), Ramón Orbe (membro de ETA), Christian Olaskoaga (non tiña relación con ETA) e Santi Brouard (concelleiro). A esta lista ademais hai que sumar os feridos nos tiroteos ou atentados.

A primeira vítima mortal do ano 1985 foi o fotógrafo do diario Egin, Xabier Galdeano [12] .Pero antes desta data, houbo máis atentados no que o número de vítimas que non son membros de ETA é considerabel: Xabier Manterola (dirixente de Herri Taldeak), Christian Casteigts, Benoit Pecasteing e Marc Mutio. A segunda vítima mortal do ano 1985 foi ,o 26 de xuño en Bayona, Santos Blanco Gonzalez "Aitite" presunto membro de ETA [13]. Días despois os GAL de novo asasinan a persoas que non teñen relación con ETA, Emile Weiss e Claude Doer son tiroteados nun bar de Ciboure e o 31 de agosto Dominique Labeyrie en Saint-Jean-de-Luz F[14]. O mes de setembro tivo numerosas vítimas xa que foron asasinados os presuntos membros de ETA Juan Manuel Otegui, José Mari Etxaniz Maiztegi "Potros", Iñaki Asteasuinzarra Pagla, Agustín Irazustabarrena Urruzola "Legra" e Sabin Etxaide Ibarguren "Eskumotza".

No ano 1986 os GAL realizaron varias accións pero ningunha contra membros de ETA. O 6 de xaneiro morre Robert Caplanne tras as feridas provocadas por un atentado en Biarritz. Karmele Martínez, Federick Haramboure e Nagore Otegui, filla de Juan María Otegui de tan só tres anos de idade, son tiroteados nun bar de Bayona, os tres sobreviven [15]. Christophe Matxikote e Catherine Brion son asasinados o 17 de febreiro [16].

Hai dous asasinatos que teñen a sombra do GAL pero que nunca chegáronse a confirmar. O de Juan Carlos García Goena, o 24 de xullo de 1987, no que os detidos culpan á organización terrorista. E o do parlamentario de Herri Batasuna, Josu Muguruza, o 20 de novembro de 1989, no que se recibiu unha chamada no nome dos GAL.

Xuízos[editar | editar a fonte]

O primeiro xuízo contra membros do GAL tivo lugar o ano 1991, un xuízo contra José Amedo e Míchel Domínguez. Os dous foron condeados por contratar mercernarios para realizar atentandos, pero o xuíz non considerou ós GAL como banda terrorista [17]. No ano 1994 o xuíz Baltasar Garzón reabriu o caso e mandou ó cárcere a dous policias de Bilbao, ó responsábel da Brigada de información de Bilbao, o xefe do Mando Único da loita antiterrorista e o director xeral da seguridade do Estado, Julián Sancristóbal [18].

En 1995 o xuíz Garzón ordena o encarceramento de Rafael Vera, esta decisión é en consecuencia das declaracións dos ex policías José Amedo e Michel Domínguez [19]. Mentres o proceso seguía aberto Damborenea e Sancristóbal cambian a súa versión e acusan a Felipe González e a Barrionuevo do caso GAL [20]. E Garzón imputa a González un delito de fundación da banda armada GAL aínda que non chegou a declarar por existir só pequenas sospeitas[21].

No ano 1991 o goberno de Aznar chegou ó poder, e negouse a entregar os papeis do CESID sobre os GAL [22]. No ano 1998 tras un novo xuízo do caso Marey Barrionuevo e Vera, entre outros, son condeados ó cárcere [23]. Máis tarde o goberno indulta os principais condeados polo caso Marey a excepción de Amedo e Domínguez [24].

Non foi até o ano 2001 cando resolveronse os recursos de todas as partes, Vera e Barrionuevo volveron a prisión pero tan só durante nove horas pola decisión das xuntas de tratamento dos centros penitenciarios, na que decidían que non eran necesaria as pernoctancias no cárcere e a condena resolveríase coa firma por parte dos condeados dous veces por semana nas autoridades penitenciarias [25].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://elpais.com/diario/1983/01/18/espana/411692405_850215.html
  2. http://elpais.com/diario/1996/01/05/espana/820796419_850215.html
  3. http://elpais.com/diario/2000/02/17/espana/950742030_850215.html
  4. http://www.elmundo.es/nacional/gal/marey/crononacimiento.html
  5. http://www.elmundo.es/nacional/gal/marey/victima.html
  6. http://lahemerotecadelbuitre.com/piezas/la-enigmatica-organizacion-contra-terrorista-gal-asesinan-a-tiros-en-francia-al-etarra-ramon-onaederra-guerra-sucia-contra-el-terrorismo/
  7. http://elpais.com/diario/1983/12/29/espana/441500404_850215.html
  8. http://inmemoriampropax.blogspot.com.es/2011/02/angel-gurmindo-lizarraga-y-vicente.html
  9. http://lahemerotecadelbuitre.com/piezas/los-gal-asesinan-al-militante-de-eta-eugenio-gutierrez-salazar-tigre-al-dia-siguiente-del-asesinato-de-enrique-casas/
  10. http://elpais.com/diario/1984/03/24/espana/448930803_850215.html
  11. http://verdes.info/los-gal-y-sus-victimas-xavier-lorenzo-y-endica-lorenzo-miembros-de-los-comites-antinucleares/
  12. https://issuu.com/patrivr/docs/xabier_galdeano
  13. http://inmemoriampropax.blogspot.com.es/2011/06/santos-blanco-gonzalez-aitite.html
  14. http://www.outono.net/elentir/2010/11/11/la-sombra-de-los-gal-persigue-al-psoe/
  15. http://elpais.com/diario/1986/02/10/espana/508374015_850215.html
  16. http://inmemoriampropax.blogspot.com.es/2012/02/cristophe-machicotte-y-catherine-brion.html
  17. http://lahemerotecadelbuitre.com/piezas/la-audiencia-nacional-condena-a-jose-amedo-y-a-michel-dominguez-a-108-anos-de-carcel-por-organizar-los-gal/
  18. http://www.elmundo.es/elmundo/2001/05/31/espana/991332870.html
  19. http://elpais.com/diario/1995/01/10/espana/789692414_850215.html
  20. http://lahemerotecadelbuitre.com/piezas/damborenea-julian-sancristobal-y-los-otros-mandos-detenidos-por-el-caso-gal-acusan-directamente-al-ex-ministro-barrionuevo-de-haber-sido-el-responsable-del-secuestro-de-marey/
  21. http://elpais.com/diario/1995/07/29/espana/806968818_850215.html
  22. http://elpais.com/diario/1996/09/11/espana/842392809_850215.html
  23. http://elpais.com/diario/1998/09/09/espana/905292001_850215.html
  24. http://lahemerotecadelbuitre.com/piezas/el-gobierno-aznar-indulta-a-los-principales-condenados-por-el-secuestro-de-marey-gal/
  25. http://www.elmundo.es/elmundo/2001/05/30/espana/991238980.html