Papel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Diferentes tamaños de papel.

O papel é un composto de fibras unidas tanto física (por estaren entrelazadas a modo de malla) como quimicamente (por pontes de hidróxeno).

As fibras para a súa fabricación requiren algunhas propiedades especiais, como alto contido de celulosa, baixo custo e fácil obtención: razóns polas cales as máis comunmente usadas son as vexetais. O material máis comunmente usado é a polpa de madeira de árbores, principalmente piñeiros (polo prezo e pola calidade da fibra, moi longa) e eucaliptos (moi barata e resistente). Outros materiais como o algodón e o cáñamo tamén poden ser utilizados na confección do papel.

Fabricación do papel[editar | editar a fonte]

Fabricación artesanal dunha folla de papel

En esencia, no proceso tradicional para a fabricación de papel prepárase unha suspensión de fibras en auga e escóase nun baruto, de xeito que se produce unha capa de fibras entrelazadas aleatoriamente. A continuación, elimínase a auga desta capa mediante presión e secado. Antigamente esas fibras extraíanse de trapos ou pezas de roupa vellas de algodón ou de liño ou cáñamo. A primeira máquina que substituíu o proceso de produción manual construíuse en 1798 e foi mellorada en 1803 co nome de máquina de Fourdrinier.[1]

Posteriormente, a maior parte do papel fabricouse con polpa de madeira, debido ao seu menor custo. Con todo, as fibras téxtiles continúan a empregarse para a fabricación de papeis de alta calidade.

Dende o século XX empréganse diferentes métodos para a fabricación do papel, polpa mecánica de madeira, pasta morena, pasta de palla, pasta de recortes...

Historia[editar | editar a fonte]

No Antigo Exipto escribíase sobre papiro dende antes do 3000 a.C. Fabricábase cun vexetal moi abondoso nas ribeiras do río Nilo, o Cyperus papyrus, e foi o primeiro material que presentou propiedades asociadas ao papel.[2] Posteriormente, na antigüidade grecorromana, o papiro compartiu popularidade co pergamiño, que prevalecería en Europa durante a Idade Media. O pergamiño consistía en peles de becerro, ovella, cabra ou carneiro curtidas con cal[3] e preparadas para recibiren a tinta. Non obstante este proceso resultaba custoso, polo que a partir do século VIII adoitábase a borrar os textos dos pergamiños para reescribir sobre eles (dando lugar aos palimpsestos) perdéndose deste xeito unha grande cantidade de creacións.

Antes de inventar o papel, os escribas chineses escribían sobre tiras de madeira ou bambú empregando unha punta ríxida, mais estes materiais non facilitaban a escritura, ademais de que supuñan un problema no momento de arquivalos. Despois da introdución do pincel de pelo, substituíuse o soporte polos primeiros intentos de realizar papel a partir de residuos de tea, seda, palla de arroz e cáñamo e mesmo algodón.Hunter 1978, p. 48</ref> Considérase tradicionalmente que o primeiro proceso de fabricación do papel foi desenvolvido polo eunuco Cai Lun,[4] conselleiro do emperador He da dinastía Han, no ano 105 a.C.[5]

Durante uns 500 anos, a arte da fabricación de papel estivo limitado á China; no ano 610 introduciuse no Xapón, onde se fabricaba o papel a partir de fibras de morus, gampi e mitsumata, e arredor do 750 en Asia Central.[6] O coñecemento transmitiuse entón aos árabes, quen o introduiu no século XI en España, establecéndose en Xàtiva a primeira fábrica de papel europea (ano 1056). A partir deste momento difundiuse a técnica por todo o continente creándose muíños papeleiros en Italia, Francia e Holanda, o que implicou a introdución de marcas de auga ou filigranas para identificar a procedencia do papel.[7][8]

No século XIX a industrialización reduciu o custo da fabricación de papel. En 1844 o canadense Charles Fenerty e o alemán F. G. Keller desenvolveron independentemente procesos para conseguir polpa das fibras de madeira.[9]

No comezo da chamada "era dos computadores", prevíase que o consumo de papel ía diminuír bastante, pois ficaría obsoleto. Porén, esta previsión foi desmentida na práctica: a cada ano, o consumo de papel vén sendo maior.

De feito, os escritorios consomen moito máis papel despois da introdución de computadores. Iso pode ocorrer ben por que cos computadores, o acceso á información aumentou moito (aumentando a oferta de informacións, aumenta tamén a demanda), ou ben pola facilidade do uso de computadores e impresoras, o que permite que o uso do papel sexa menos racional que outrora (escribir á man ou á máquina dactilográfica demandaba moito máis esforzo, diminuíndo o ímpeto de gastar papel con materiais inútiles). De feito, a porcentaxe de papeis impresos que nunca serán lidos é bastante alta na maior parte dos escritorios (especialmente os que dispoñen de impresoras a láser (que imprimen moitas páxinas por minuto).

Reciclaxe[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Colector de papel e cartón para reciclaxe en España

Aínda que antigamente se obtiña papel doutras plantas, incluíndo o cáñamo, do que se extrae unha celulosa de alta calidade, a maior parte do papel fabrícase a partir das árbores. No mundo a industria consome arredor de 4000 millóns de árbores cada ano, principalmente piñeiro e eucalipto. As técnicas modernas de fabricación de pastas papeleiras empregan especies moi específicas destas árbores.

Reciclaxe do papel e do cartón[editar | editar a fonte]

Os refugallos de papel poden ser triturados e reciclados varias veces. Con todo, en cada ciclo, do 15 ao 20 % das fibras vólvense demasiado pequenas para seren empregadas. A industria papeleira recicla os seus propios refugallos e os que recolle doutras empresas, como os fabricantes de envases e embalajes e as imprentas.

O papel e o cartón recóllense, sepáranse e posteriormente mestúranse con auga para seren convertidos en polpa. A polpa de menor calidade emprégase para fabricar caixas de cartón. As impurezas e algunhas tintas elimínanse da polpa de mellor calidade para fabricar papel reciclado para impresión e escritura. Noutros casos, a fibra reciclada mestúrase coa polpa nova para elaborar produtos de papel cunha porcentaxe de material reciclado.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Burns, Robert I. (1996). "Paper comes to the West, 800−1400". En Lindgren, Uta. Europäische Technik im Mittelalter. 800 bis 1400. Tradition und Innovation (4th ed.). Berlín: Gebr. Mann Verlag. pp. 413–422. ISBN 3-7861-1748-9. 
  • Hunter, Dard (1978). Papermaking, The History and Technique of an Ancient Craft. Nova York: Dover Publications. ISBN 0-486-23619-6. 
  • Tapia López, Pilar (2015). Martha E. Romero Ramírez, ed. Conservación de documentos analógicos y digitales (en español). Nerea. ISBN 978-84-16254-07-1. 
  • Tsien, Tsuen-Hsuin (1985). "Paper and Printing". Science and Civilisation in China, Chemistry and Chemical Technology. Joseph Needham, (Cambridge University Press). 5 part 1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]