Partido Socialista Obrero Español

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "PSOE")
Partido Socialista Obrero Español (PSOE)
Partido político de España
Logo do PSOE
Dirixentes e organización
Líder Micaela Navarro Garzón
(Presidenta)
Pedro Sánchez Pérez-Castejón
(Secretario Xeral)
Mocidades Xuventudes Socialistas de España
Filiación internacional Internacional Socialista, Partido Socialista Europeo
Historia
Fundación 2 de maio de 1879
Posicións políticas
Ideoloxía Socialdemocracia
Representación
Congreso dos Deputados
110 / 350
Senado(1)
63 / 265
Parlamentos autonómicos
345 / 1.268
Concelleiros
21.767 / 68.286
Europarlamento
14 / 54
Outros datos
Sede Ferraz, 70. 28008 Madrid
Publicación EnClave Socialista
Páxina web www.psoe.es
(1) Sen incluír ao PSC

Partido Socialista Obrero Español (PSOE, en galego: Partido Socialista Obreiro Español) é un partido político español fundado o 2 de maio de 1879 en Madrid. É na actualidade ó segundo partido político máis antigo de España, só superado polo Partido Carlista, fundado en 1833. O seu primeiro líder foi o ferrolán Pablo Iglesias. Neste intre forma parte do Partido Socialista Europeo.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

O PSOE fundouse co propósito de representar os intereses das novas clases traballadoras nacidas da revolución industrial co obxectivo de chegar ao poder, e a consecución do socialismo, propio do marxismo que inspiraba o programa do Partido.

Foi mudando a súa base teórica dende a súa fundación adaptándose ás circunstancias históricas do entorno europeo. En 1979, abandonou as teses marxistas da man do seu entón secretario xeral Felipe González. Actualmente o PSOE encádrase ideoloxicamente dentro dos partidos socialdemócratas europeos.

Pablo Iglesias, fundador do PSOE.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O PSOE foi o segundo partido socialista e obreiro que se fundou no mundo (só o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) se fundara con anterioridade), concretamente o 2 de maio de 1879 xúntanse de forma clandestina para fundalo un pequeno núcleo de intelectuais e obreiros (na súa maioría tipógrafos) encabezados por Pablo Iglesias, o 20 de xullo aprobou o seu primeira programa nunha asemblea na que participaron 40 persoas. El Socialista, o seu órgano de difusión apareceu en 1886, celebrou o seu primeiro Congreso en Barcelona en 1888. En 1903 organizáronse as Juventudes Socialistas de España. Conseguiu representación parlamentaria por primeira vez nas eleccións do 8 de maio de 1910, cando a Conxunción Republicano-Socialista permitiulle a Pablo Iglesias obter 40.899 sufraxios e o título de deputado a Cortes.[1] Foi reelixido en 1914, en vésperas do asasinato de Jean Jaurés, con 21.956 sufraxios, esta vez presentándose por Oviedo. O 9 de abril de 1916 repetiu escano con 18.054 sufraxios. O 24 de febreiro de 1918 Iglesias obtivo 27.694 votos, e por primeira vez estivo acompañado por outros socialistas: Julián Besteiro, Andrés Saborit, Francisco Largo Caballero, Daniel Anguiano e Indalecio Prieto, perseguidos en 1917 pola súa participación nunha folga xeral revolucionaria.

Estivo presente na vida pública española dende os seus comezos, cunha participación directa na loita revolucionaria contra o réxime da Restauración, caso da folga revolucionaria de ferroviarios de 1917, afogada en Biscaia, Asturias e Madrid.

Coma tódolos partidos socialistas marxistas europeos, o PSOE viuse sacudido pola chamada crise das Internacionais, que emerxeu durante a Primeira Guerra Mundial[2] e que acabou separando a comunistas e socialistas en partidos diferentes e confrontados entre eles. En 1919, o Congreso do PSOE estudou a posibilidade de abandonar a II Internacional (socialista) e integrarse na nova Internacional Comunista, ou III Internacional, liderada polo Partido Comunista da Unión Soviética e posta en marcha por Vladimir Lenin. Nese ano, 1919, o PSOE contaba con 42.000 militantes.

Ante a división existente entre os delegados, o Congreso acordou esperar á seguinte reunión da II Internacional para tomar unha decisión. Desconforme coa decisión, a Federación de Juventudes Socialistas, rama xuvenil que aglutinaba ós elementos máis radicais do partido, decidiu [[escindirse do PSOE, adherirse á III Internacional e constituír a súa sección española co nome de Partido Comunista Español]], en 1920.

Ese mesmo ano, un novo Congreso Extraordinario aprobaba o ingreso condicionado do PSOE na III Internacional, e resolvía enviar unha delegación formada por Fernando de los Ríos e Daniel Anguiano á Unión Soviética, para estudar o terreo. Ó seu regreso, De los Ríos desaconsellou o sometemento do PSOE á órbita comunista, na mentres que Anguiano pronunciouse en prol. A propia Internacional Comunista, pola súa parte, rexeitou as condicións do PSOE para o seu ingreso, e urxiulle a aceptar as 21 Condicións estándar. Neste contexto, o Partido Socialista acordou, nun terceiro Congreso Extraordinario, manterse á marxe da III Internacional.

Un sector minoritario (no que se encontraba a nova Federación Nacional de Juventudes Socialistas), partidario de ingresar sen dilacións no Komintern, anunciou a súa escisión do PSOE e a fundación do Partido Comunista Obrero Español, que se fusionou co Partido Comunista Español no Partido Comunista de España, único partido español adherido ó Komintern en 1921.

A ditadura de Primo de Rivera e a II República[editar | editar a fonte]

Así mesmo, o PSOE foi o único partido ó que se lle permitiu permanecer na legalidade durante a ditadura do Xeneral Miguel Primo de Rivera, pois aínda que Pablo Iglesias asina o 13 de setembro de 1923 o manifesto contra a ditadura, como presidente do partido e da UXT, produciuse unha división no seu seo ante a actitude que debía manterse fronte ao réxime militar. Por un lado, Largo Caballero e Saborit eran partidarios dunha certa colaboración para permitir o funcionamento do sindicato, mentres que Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos eran contrarios a esa colaboración. A crise finalizou coa dimisión da Comisión Executiva de Prieto tras o nomeamento de Largo Caballero como Conselleiro de Estado de Primo de Rivera.

Coa chegada da II República o PSOE que se presentara ás eleccións en coalición cos republicanos e conseguira 115 deputados forma parte do goberno no primeiro bienio, o denominado republicano-socialista cun total de tres ministros: Francisco Largo Caballero, Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos. Durante o segundo bienio ou bienio negro, algúns dirixentes do partido involúcranse nos sucesos revolucionarios de Asturias, coñecidos como Revolución de 1934 e xa non volvería ó goberno ata despois de comezada a Guerra Civil, ó ser nomeado en setembro Largo Caballero o primeiro presidente do goberno socialista da historia de España. No ano 1936 contaba con 60.000 afiliados.

Baixo os auspicios do partido, vótase no 1931 a favor da participación das mulleres como electoras, postura defendida por Clara Campoamor en contra de parte dos seus propios compañeiros, que defendían una atraso en dita concesión de voto debido á influencia da igrexa nas mulleres.

O PSOE durante o franquismo[editar | editar a fonte]

O PSOE foi ilegalizado durante o período posterior á Guerra Civil española, como o foron todos os demais partidos e organizacións políticas a excepción dos pertencentes ó denominado Movemento Nacional (o partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS e o seu sindicato vertical, a Central Nacional Sindicalista), os militantes e dirixentes que sobreviviron á guerra e permaneceron en España sufriron a represión ou permaneceron no silencio mentres o PSOE mantiña a súa estrutura no exilio.

En 1942 reorganizouse no interior con 300 comités locais nos penais e campos de concentración. En 1944 formouse a primeira Comisión Executiva no interior detida catro meses despois. Ata 1953, as seis executivas do interior foron desmanteladas pola policía e presos os seus dirixentes, ano no que era asasinado o Presidente, Tomás Centeno, na sede da Dirección Xeral de Seguridade, hoxe sede do Goberno da Comunidade de Madrid. En xeral en España, o PSOE tivo unha actividade clandestina moi inferior á do PCE, e practicamente inexistente en moitos territorios como foi o caso de Galicia.

Tras a transición á democracia[editar | editar a fonte]

A renovación ideolóxica e política iniciada a comezos dos setenta e culminada no Congreso de Suresnes en 1974, que se impuxo ao PSOE do exilio que dirixía Rodolfo Llopis o PSOE do interior dirixido por Felipe González e unha nova xeración de socialistas, co apoio e a solidariedade da Internacional Socialista, puxo ó PSOE en condicións de ser protagonista activo da transición e lle permitiu converterse no primeiro partido da oposición nas primeiras eleccións democráticas de 1977. O apoio obtido polos socialistas e por quen propoñían un proceso materialmente constituínte, evitou que se impuxeran os que pretendían as reformas das institucións da ditadura. O PSOE, coas súas propias achegas e con algunha expresa renuncia de algúns dos seus postulados sensibles en aras do acordo colectivo, contribuíu decisivamente a alcanzar o consenso do que xurdiría a actual Constitución española de 1978. Dende a oposición cooperou no desenvolvemento inicial da mesma, e articulou unha alternativa política da que se nutrirían moitos dos seus futuros proxectos.

Tras o intento golpista de 1981 o PSOE asumiu, dende a oposición, o liderado alternativo de goberno, contribuíndo decisivamente á estabilidade política, á consolidación da transición, ó afianzamento da democracia, fortalecendo así as expectativas de troco.

O PSOE no goberno[editar | editar a fonte]

Nas eleccións de 1982 o PSOE conseguiu máis de 10 millóns de votos e maioría absoluta, Felipe González asumiu a presidencia do goberno e durante catro lexislaturas o PSOE gobernou España, con maioría absoluta, chegando a gobernar consecutivamente case 14 anos dos 26 anos de normalidade democrática. Atesourou ó longo dese período un inmenso caudal político que lle permitiu transformar o país nos máis diversos campos, por medio da súa xestión en concellos, comunidades autónomas e no goberno de España. O goberno do PSOE asegurou a estabilidade democrática, en risco tras o intento de golpe de Estado de 1981, consagrou definitivamente a hexemonía do poder civil e integrou España na Comunidade Económica Europea

Pero en 1996 perdería as eleccións debido ao esgotamento e ás acusacións de corrupción e guerra sucia contra ETA.

En 1997, Felipe González renuncia á secretaría xeral e é relevado por Joaquín Almunia. Nas primarias do 24 de abril de 1998, Joaquín Almunia, candidato oficial perde fronte a Josep Borrell, máis carismático, que ten que renunciar debido ás presións dos medios e da dirección do partido e a problemas de saúde.

No 2000, o Partido Popular volve a gañar, esta vez por maioría absoluta. O PSOE convoca primarias unha vez máis, e sae elixido José Luis Rodríguez Zapatero. Tralas eleccións do 14 de marzo do 2004 (tres días despois do atentado de Atocha) o PSOE volve a gañar as eleccións, converténdose Zapatero no novo presidente do goberno de España.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «El desarrollo de la organización socialista (1879-1921)». Plana web oficial del PSOE
  2. Paul Heywood Marxism and the Failure of Organised Socialism in Spain, 1879-1936. Cambridge University Press , pp. 26-27

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]