O proceso iniciouse no 1899 coa compra dos terreos de Can Montaner por parte do financeiro Eusebi Güell, e un ano máis tarde coa encarga do estudo desta iniciativa a Antoni Gaudí, seguindo no 1902 coa compra dunha segunda parcela, propiedade de Ramón Coll i Pujol.
O parque Güell é o proxecto de zona residencial impulsado polo mecenas e grande amigo de Gaudí, Eusebi Güell. Seguindo o modelo das cidades-xardín, de moda en Gran Bretaña, constrúen os equipamentos e zonas verdes de sesenta vivendas que nunca se levaron a cabo.
En honor á paixón de Güell pola mitoloxía, Gaudí deseñou aquel contorno como unha nova Delfos grega. Así, a gran praza descuberta, destinada a ser o centro da vida social emula un teatro grego. A súa forma vén definida por unha varanda-banco que se curva en innumerables lugares e que permite, segundo a persoa, sentar na zona cóncava ou convexa, estando só ou en grupo.
Gaudí, no seu profundo respecto pola natureza, negouse a aplanar o terreo daquela leira árida e pedregosa, e someteu a súa arquitectura ós ditados da paisaxe para trazar tres quilómetros de paseos e viadutos.
A meticulosidade de Gaudí en tódolos detalles era tal que tivo en conta a acústica: os viadutos recubertos de materiais irregulares, situados xunto á zona residencial, absorberían o ruído das carruaxes; en cambio, a sala hipóstila, foco de vida social, está revestida de materiais duros, como o trencadís, onde se reflicte o son e produce un efecto de eco.