A noite vai coma un río
A noite vai coma un río | |
---|---|
Autor/a | Álvaro Cunqueiro |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1965 |
Páxinas | 93-168 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A noite vai coma un río é unha obra dramática de Álvaro Cunqueiro publicada en 1974 (e 2003[1]) por Galaxia[2] e reeditada pola mesma editorial na Obra en galego Completa I (1980)[3]. Xa fora publicada en 1965 no número 10 da revista Grial.
En 1974 engádese un monólogo de dona Inés. Foi escrita para figurar nunha primeira versión en galego do que logo sería a novela en castelán Un hombre que se parecía a Orestes, na que se dan algúns anacos[4].
Contido
[editar | editar a fonte]Peza dramática nun prólogo e dúas xornadas, divididas en cinco cadros e un epílogo.
Dramatis personae: O correo, El Rei, O músico, O Capitán, O Morto, O Mendiño, Ana Modesta, Dona Inés, Liria, Alcántara, A Viúva; Mulleres, soldados, xentes que van e veñen, A noite
O asunto pasa nun país moi lonxe.
Prólogo
[editar | editar a fonte]No Paso de Valverde, na torre de dona Inés.
Ana Modesta e outras mulleres dialogan sobre os soldados e a guerra. Despois Ana Modesta fala co Correo sobre as cartas de amores que non chegan a dona Inés. O Correo méntelle a dona Inés sobre o cabaleiro de Florencia.
Primeira xornada
[editar | editar a fonte]Entra o Músico que dialoga con Ana Modesta e logo con dona Inés sobre o amor. Logo o Correo trae a El Rei e ponlle os ollos de vidro. El Rei quéixase de ser viúvo, de ser casado de neno e de no coñecer o amor, de que as mulleres suspiren polo Capitán, que é seu criado. Falan de amor o Capitán e dona Inés:
Esa é outra lección! Os corazóns son vasos cheos de quente xenxibre. Quen ousará botar a gota que os fará reverquer? Ou non a hai? Millor será, amada, non agardala e beber un pouco, eu do teu e ti do meu. Démonos os segredos pensamentos! Poido mirar si na tona do teu vaso navega unha folliña de vermello caravel? Mirarei cos meu beizos quentes![5]
Segunda xornada
[editar | editar a fonte]No xardín da Torre de Paso Valverde
Vén a Viúva co seu marido morto facendo camiño para o enterrar. Descóbrense outras amantes do xastre morto, a viúva reclama ser a oficial. E dona Inés aparece ser a súa amada secreta por cartas.
Dona Inés fai un longo pranto polo xastre morto, que é un pranto por si mesma, pola ausencia de amor:
Eu querería ser amada por este, e que o outro non me fose máis semellante que estes maniquís. Con este corpo de soñares agardo e desespero! De calquer home eu podería ser, pro non cheguei a deprender nunca que é o que os homes queren dunha muller, e como se lles dá, sin que ao romperse o corpo, o espelliño da alma se quebre tamén[6].
Entra o Mendiño que fala dos seus soños con dona Inés. Ela quéixase de que lle matan os seus amores nada máis nacer e tenta aferrarse ao Mendiño.
Epílogo
[editar | editar a fonte]Unha noite pecha na fraga de Esmorís.
El Rei, o Capitán, o Correo, a Viúva, as mulleres buscan na noite o Camiño Real. Pasa dona Inés cunha rosa na man:
Quen virá? Quen virá a traverso da noite? Cando rematarán de ir e de vir, sombras, soñares, noites, noites?[7]
Significado
[editar | editar a fonte]Segundo Laura Tato Fontaíña:[8]
"Álvaro Cunqueiro abandona los mitos para realizar «una pequeña obra maestra» donde predomina el elemento lírico. La obra mantiene la unidad con la presencia de dueña Inés y su ama Modesta, por cuya torre van pasando los fugitivos de una guerra. Estos personajes secundarios son quienes alimentan el sueño de dueña Inés para provocar, de inmediato, su decepción, ya que ella se da cuenta de que nunca encontrará a su verdadero amor y se condenará a la soledad."
É unha traxedia breve e intensa, a exposición lírica da arela humana de atopar unha resposta que dea razón á vida e á morte. A protagonista é dona Inés de Valverde que, cunha flor na man, representativa da súa permanente disposición á entrega espiritual, camiña pola vida en irremediábel soidade. É unha personaxe feminina de rango universal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Don Hamlet". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-08-03.
- ↑ Cunqueiro, Álvaro (1974). Don Hamlet e tres pezas máis. Galaxia. ISBN 84-7154-214-5.
- ↑ Cunqueiro, Álvaro (1980). Obra en galego completa. Poesía.teatro I. Galaxia. ISBN 84-7154-358-3.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. introdución.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 138.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 154.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 168.
- ↑ "Álvaro Cunqueiro y «A noite vai coma un río». GaliciaAberta - Secretaría Xeral da Emigración". emigracion.xunta.gal. Consultado o 23/7/2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cunqueiro, Álvaro (1965). "A noite vai coma un río" (PDF). Grial (Vigo: Editorial Galaxia) (10): 413–438. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de febreiro de 2021. Consultado o 06 de xuño de 2021.