Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados
Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados | |
---|---|
Autor/a | Álvaro Cunqueiro |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1956 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados é unha pequena obra dramática de Álvaro Cunqueiro publicada en 1956 dentro da novela As crónicas do Sochantre.[1][2] Foi reeditada por Galaxia en Don Hamlet e tres pezas máis (1974)[3] e en Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo. 1932-1968 (2013).[4]
Características
[editar | editar a fonte]Na peza, que aparece entre as historias que lle acontecen ao Sochantre de Pontivy, alúdese á obra de William Shakespeare e intégrase o texto na novela As Crónicas do Sochantre. A anécdota fabulada e relatada nas crónicas desenvólvese por medio dunha representación teatral all’improviso de acordo coas normas de representación da Commedia dell’ Arte.[5] Ofrécese unha visión absurda que se adianta aos principais representantes do absurdo europeo como Eugène Ionesco.[6]
O autor explica na introdución:
"Na miña novela "As cronicas do Sochantre", xa se conta que os finados que van en carroza o sochantre de Pontivy, de día aparecen como xente deste mundo, coas carnes que tiñan cando pasaron ás alamedas da morte, e pola noite poñen á luz os seus esqueletes. Tendo sitio estes difuntiños do meu relato confundidos nun pobo de Bretaña de Francia cos cómicos italiáns que iban a representar d función de Romeo e Xulieta, non tiveron máis remedio que rubir a táboas e improvisar a peza que aquí vai, texto acordado, ao parecer, polo coronel de Coulaincourt de Bayeux e madame Clarina de Saint-Vaast. A escea V está tomada das notas que deixou o sochantre"
Contido
[editar | editar a fonte]Escena I
[editar | editar a fonte]Praza de Verona en Italia, uns mozos cantan e a xente e os soldados conversan.
Despois de once anos os suízos levantaron o cerco da cidade. Celébrase a vitoria e chega un correo.
Escena II
[editar | editar a fonte]Fala o Gonfaloneiro:
"Amigos todos de Verona, xente pobre, señores soldados: fóronse ao fin os suízos! Once anos tivémolos ao pescozo como corda de xusticia. Once anos de morte, de fame, de sede, de medo. Mais que xente libre de Verona somos unha corte de pantasmas, vagabunda polas prazas e rúas, polos patíns de armas... Canto haxa de verdade nesta marcha súpeta de suízos saberémolo aogra, que anuncian que chega un correo de Siena polos pasos do río.[7]"
Entra o correo cunha alforxa de cartas.
Escena III
[editar | editar a fonte]Mais o correo só trae unha carta: "Para a mui dolorida infanta de Verona, dama Xulieta". A xente agardaba novas de Mantua, de comidas, de...
Escena IV
[editar | editar a fonte]Entra Xulieta para ler a carta. O correo confírmalle que é de Romeo. Le na carta:
"Costume non perdín de che falar, pois pombas hai, Xulieta, mui veciñas de meu en Siena. Costume non perdín de te ouvir, rula dos ollos entreabertos da mañán, e pois xa o corazón manda ir e vir polo meu sangue un fadigo vaso de memorias…[8]"
No texto hai agora na marxe e en tinta vermella unha anotación do sochantre que di: "aquí comezou a anoitecer e comezaron a mostrarse os esqueletes". Continúa Xulieta coa lectura da carta e mentres as súas mans descobren a carne e ela, horrorizada de si mesma, deixa caer a carta. As xentes botan grandes berros:
"Os suízos fóronse porque viña a peste! Non traguía amor o correo, que traguía a peste! A peste moura! Ven a peste de Siena!... A peste! Trouxérona os cómicos! A peste moura de Italia! O amor traguía a peste nos ósos! Mirade a morte! A peste! A peste![9]"
Todos foxen, a praza queda deserta, os defuntos corren ata a carroza.
Escena V
[editar | editar a fonte]Dun recuncho sae unha nena mendiña e farrapenta:
"Non hai ren escrito, non están aquí os lirios apertados contra o pelo, nin as memorias de canela na brisa! Ah, por esta outra cara si!... Alcaldía de Comfront en Lades. Licencia ao gardarríos Chaillot, dito Braque, pra casar coa cidadana Fleur Tranquille, o seis de Floreal. Un franco pola licencia... Ña nai, ña nai! Non había Romeo, nin memorias, nin lirios.[10]"
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ González, Anxo Abuín; Vieites, Manuel F. (2007). Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Galaxia. ISBN 9788471541888.
- ↑ Romero, Elena Domínguez; Álvarez, Rubén Jarazo (2011). "Breaking Boundaries and Dislocating Muths in Alvaro Cunqueiro's "Función de Romeo e Xulieta, Famosos Namorados" (1956): a Galician Adaptation of Shakespeare's "Romeo and Juliet in the 20th Century"". ES: Revista de filología inglesa (32): 179–202. ISSN 0210-9689.
- ↑ Cunqueiro, Álvaro (1974). Don Hamlet e tres pezas máis. Galaxia. ISBN 84-7154-214-5.
- ↑ "Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo. 1932-1968". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-08-04.
- ↑ Rodríguez López-Vázquez, Alfredo. "Álvaro Cunqueiro, o la teatralización de lo literario". cvc.cervantes.es (en castelán). Consultado o 23/7/2019.
- ↑ Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 494. ISBN 978-84-9121-481-6.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 204.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 210.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 184.
- ↑ Cunqueiro 1974, p. 212-213.