Foi o seu primeiro grande acerto poético. Integrado por cancións de fasquía popular e poemas nos que lembra, modernizándoos, aos grandes autores da cantiga de amigo do noso século XIII. Así inicia a súa liña neotrobadoresca, da que se considera o representante máis significado, sen a pesadez arcaizante de Bouza Brey. Combina a imaxe vangardista con esquemas métricos tradicionais, en sintonía co neopopularismo e gilvicentismo dos poetas da Xeración do 27 española, maiormente Rafael Alberti e Federico García Lorca. Moitos dos poemas forman parte de A dama e o cabaleiro de Amancio Prada. As orixes do libro están na lectura das cantigas de amigo e nas cantigas de amor de José Joaquim Nunes.
"Incide na nosa tradición achegándose a un neotrobadorismo peneirado pola actualización neopopularista. O seu espírito lúdico e a combinación dos ríxidos moldes tradicionais cun certo impresionismo e imaxes audaces convértea na obra máis celebrada da corrente."[4]
"En efecto, e como sinalou F. Salinas Portugal (1991: 54), en Cantiga nova a pulsión do texto radica no atrevemento das imaxes e aínda «na brillantez e musicalidade verbal»; «a materia fónica (significante) convértese en significado abríndose a unha pluridimensionalidade de significacións»."[5]