Microsoft Encarta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Microsoft Encarta foi unha enciclopedia multimedia dixital publicada por Microsoft Corporation dende 1993 ata 2009 (en español desde a versión 97). No ano 2008, a edición completa en inglés de Encarta Premium contiña máis de 62.000 artigos, mentres que a súa versión en español, incluía uns 43.000.[1] Ademais das entradas enciclopédicas, a información era complementada con numerosas fotos e ilustracións, clips de son e vídeos, elementos interactivos, liñas de tempo, mapas, un atlas xeográfico e ferramentas para resolver tarefas estudantís. A enciclopedia estaba dispoñible en DVD-ROM ou varios CD-ROMs e tamén tiña dispoñibilidade limitada (con publicidade) a os seus contidos en liña na Web, cunha subscrición anual para acceder a máis contido.

Microsoft editou e publicou edicións de Encarta en diversas linguas, incluíndo o inglés, alemán, francés, castelán, neerlandés, italiano, portugués e xaponés. As versións localizadas contiñan materiais licenciados de fontes locais ou nacionais, o que facía que houbera diferenzas entre elas. Por exemplo, a edición neerlandesa posuía contido da enciclopedia rexional Winkler Prins dos Países Baixos, denominándose entón Encarta Winkler Prins Encyclopedie.

En marzo de 2009, Microsoft anunciou a descontinuidade das edicións de Encarta (produtos e páxina web). Os sitios web para todas as versións localizadas de MSN Encarta foron pechados (excepto o destinado a Xapón) o 31 de outubro de 2009. O sitio de Xapón pechou o 31 de decembro de 2009.[2][3] O sitio web do dicionario continuou unicamente nas súas versións en inglés e francés ata o ano 2011.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]