Jesús Suevos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jesús Suevos no mitin de Falange do Teatro Tamberlik de Vigo, o 27 de decembro de 1936.

Jesús Suevos Fernández-Jove, nado en Ferrol o 12 de decembro de 1907 e finado en Madrid o 19 de maio de 2001, foi un político e xornalista galego. En 1955 foi nomeado presidente do Atlético de Madrid.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jesús Suevos licenciouse en Dereito. En marzo de 1935 foi un dos fundadores da Falange en Galiza, sendo nomeado presidente territorial directamente por José Antonio Primo de Rivera, do que era amigo persoal[1].

Trala sublevación do 18 de xullo de 1936 sumouse ao pronunciamento contra a República. Durante a Guerra Civil actuou como xefe de Centuria das Milicias de Falange nos combates da serra de Guadarrama. Foi nomeado director do xornal El Pueblo Gallego, que fora incautado polas autoridades franquistas, e en xaneiro de 1937, Xefe de Falange da provincia de Pontevedra, para substituír ao defenestrado Manuel Castro Pena.

Foi representante de Falange en Portugal, agregado de Prensa en 1943 e durante a Segunda Guerra Mundial foi correspondente en París da prensa do Movemento.

En 1957 foille concedido o Premio Nacional de Xornalismo Francisco Franco. Foi nomeado Director Xeral de Radiodifusión en 1960 e Director Xeral de Cinematografía en 1961. Foi o primeiro Director de Televisión Española. Tamén foi xefe do Sindicato Nacional do Espectáculo e procurador en Cortes (1943-1977). Durante varios anos foi Tenente de Alcalde de Madrid, ocupando provisionalmente a alcaldía entre os mandatos de Carlos Arias Navarro e Miguel Ángel García-Lomas.

En maio de 1955, tras cesar como presidente do Atlético de Madrid Luis Benítez de Lugo, Suevos foi nomeado Presidente, cargo que ostentou até decembro dese mesmo ano, cando foi substituído por Javier Barroso.

Obras[editar | editar a fonte]

  • La luna y sus complices, 1948.
  • Vida, obra y muerte de José Antonio, 1949.
  • Antonio Failde, 1960.
  • Madrid Y Azorín, 1971.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A cara televisiva de Falanxe", obituario en La Voz de Galicia, 21 de maio de 2001.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López de Zuazo Algar, Antonio (1981). Catálogo de periodistas españoles del siglo XX. Madrid: Fundación Universidad - Empresa. ISBN 84-86227-81-X.  (en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]