Manuel Fraga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuel Fraga Iribarne
Manuel Fraga

5 de febreiro de 1990 – 2 de agosto de 2005
Precedido por Fernando González Laxe
Sucedido por Emilio Pérez Touriño

1977 – 1987
Precedido por Fundación do partido
Sucedido por Antonio Hernández Mancha

1988 – 1989
Precedido por Antonio Hernández Mancha
Sucedido por Refundación do partido

20 de xaneiro de 1989 – 1 de abril de 1990
Precedido por Refundación do partido
Sucedido por José María Aznar López

10 de xullo de 1962 – 29 de outubro de 1969
Precedido por Gabriel Arias-Salgado
Sucedido por Alfredo Sánchez Bella

12 de decembro de 1975 – 5 de xullo de 1976
Precedido por José García Hernández
Sucedido por Rodolfo Martín Villa

1975 – 1976
Precedido por Rafael Cabello de Alba Gracia
Sucedido por Alfonso Osorio García

1982 – 1986
Presidente Felipe González Márquez
Precedido por Felipe González Márquez
Sucedido por Antonio Hernández Mancha

1988 – 1989
Presidente Felipe González Márquez
Precedido por Antonio Hernández Mancha
Sucedido por José María Aznar

Datos persoais
Nacemento 23 de novembro de 1922
Vilalba
Falecemento 15 de xaneiro de 2012
Madrid
Partido Partido Popular
Alianza Popular
Reforma Democrática
Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista
Cónxuxe/s Carmen Estévez (1925-1996)
Alma máter Universidade Complutense de Madrid

Na rede
IMDB: nm0409936 Dialnet: 550707 Editar o valor em Wikidata

Manuel Fraga Iribarne, nado en Vilalba o 23 de novembro de 1922 e finado en Madrid o 15 de xaneiro de 2012[1], foi un político galego.

Foi profesor catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, doctor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas.

Durante o franquismo ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido. Tivo as carteiras de ministro de Gobernación e vicepresidente segundo do Goberno durante o mandato de Arias Navarro. Foi un dos pais da Constitución española de 1978.

Presidiu Alianza Popular e o Partido Popular e foi o terceiro presidente da Xunta de Galicia, o que ocupou o Pazo de Raxoi durante máis anos, dende o 5 de febreiro de 1990 ata o 29 de xullo do 2005.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación e comezo da vida política[editar | editar a fonte]

A súa nai, Marie Iribarne Duboix, era unha francesa de orixe vasca. O seu pai, Manuel Fraga Bello, era un emprendedor de Vilalba que marchara á emigración a Cuba onde coñeceu a súa muller. A pesar de nacer en Vilalba, Manuel Fraga foi levado con dous anos de idade a Cuba, onde viviu ata os catro. En 1928 volveu a Vilalba, onde o seu pai será nomeado alcalde de Vilalba durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, e onde el será criado polas súas tías.

Comezou o bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, pero continuouno en Vilalba. Durante a guerra civil estivo internado nun colexio en Lugo e realizou exercicios espirituais no Mosteiro de Samos.

Estudou dereito e política ao mesmo tempo nas universidades de Santiago de Compostela (1939) e na Complutense de Madrid (1940), licenciándose das dúas en 1944. En 1945 ingresou por oposición co número un da súa promoción, no corpo de letrados das Cortes Españolas. En 1947 ingresou, tamén co número un, na Escola Diplomática. Ese mesmo ano casou con Carmen Estévez e acadou a cátedra de Dereito político na Universidade de Valencia, logo de facer unha tese sobre o xurista xesuíta Luis de Molina.

Comezou a súa carreira política durante a ditadura franquista. En 1951 foi designado secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. En 1953 ocupou a secretaría xeral do Consello Nacional de Educación e o ano seguinte a secretaría xeral técnica[2] no Ministerio de Educación Nacional como colaborador de Joaquín Ruiz-Giménez. En paralelo continuou a súa formación e en 1953 foi nomeado catedrático de novo, desta volta de Teoría do estado e Dereito constitucional na facultade de Ciencias políticas e Económicas da Universidade Complutense de Madrid, posto que conservaría ata a súa xubilación en 1987. Logo da destitución de Ruiz Giménez, en 1956 nomeárono subdirector do Instituto de Estudos Políticos, onde deu cursos nos que se teorizaba sobre a reforma política progresiva do réxime franquista[3], e ao ano seguinte, en 1957 foi designado procurador en Cortes, Conselleiro Nacional, membro do Consello de Estado e Delegado Nacional de Asociacións, unha das delegacións da Secretaría Xeral do Movemento, naquela altura levada por José Solís.

Ministro de Información e Turismo[editar | editar a fonte]

En xullo de 1962 foi nomeado por Francisco Franco ministro de Información e Turismo, con competencias sobre os medios de comunicación, o turismo e a portavocía do goberno. Nese posto relanzou o turismo exterior de España baixo o slogan de Spain is different! e reestruturou e renovou a rede de Paradores. Desta época é tamén o seu baño en Palomares (1966), unha localidade almeriense onde un avión estadounidense deixara caer accidentalmente catro bombas de hidróxeno, tres en terra e unha no mar, para demostrar que o turismo na zona non entrañaba riscos. Na década dos sesenta os ingresos por turismo convertéronse no principal capítulo da economía española.

Tamén en 1966 redactou e promoveu a aprobación dunha lei de prensa, coñecida despois posteriormente como a Lei Fraga, que pretendía ser unha apertura do réxime ao eliminar a censura previa, pero que lle mantiña ao goberno a potestade de secuestrar as publicacións e castigar os seus produtores se considera os seus contidos inaxeitados, que ademais estaban definidos de forma ambigua[4]. A Lei de Prensa permitiu a aparición de publicacións que, se ben non abertamente críticas co réxime, non pertencían ao organigrama franquista, como Triunfo, Cuadernos para el Diálogo ou o xornal Madrid[5]. A lei, á que se opuxo internamente Luis Carrero Blanco, daquela xefe de goberno, non impediu por exemplo a dimisión de Miguel Delibes como director de El Norte de Castilla ante os intentos de control gobernativo, o secuestro do xornal ABC en 1966 ou o peche do Madrid durante catro meses de 1968.

En 1967 encargouse el tamén da redacción da Lei de liberdade relixiosa, que recoñecía a existencia doutros cultos distintos do catolicismo oficial do estado. O ano anterior, aínda que non directamente como acción do seu ministerio, colaborara na redacción do bosquexo da lei orgánica do Estado, que reestruturaba a organización do franquismo e aseguraba a monarquía como forma futura de goberno.

Como voceiro do goberno encargouse de informar da aplicación da pena de morte. Particularmente sinalado foi o caso de Julián Grimau, o máximo dirixente do PCE no interior, que foi fusilado en 1963 acusado de crimes de guerra durante a guerra civil. Como voceiro do goberno xustificou a condena, e negou as acusacións de tortura que xurdiron cando se coñeceu que durante os interrogatorios Grimau se precipitara dende unha fiestra, argumentando que o fixera o mesmo Grimau. Tamén meteu presión como ministro a familia de Enrique Ruano, que morrera tamén defenestrado durante un interrogatorio da policía, para que cesase nas súas protestas. Torcuato Luca de Tena, daquela director do ABC, confesara que Fraga tamén o presionara para publicar anotacións manipuladas do diario íntimo de Ruano para que se vise que era unha persoa inestable, propensa ao suicidio[6]. Tamén foi o responsable, en 1968, de comunicarlle á prensa o decreto de estado de excepción.

Desde finais de 1963 e durante todo 1964, Fraga dirixiu unha campaña de publicidade institucional denominada «Vinte e cinco anos de paz», coa que o goberno pretendía mellorar a imaxe do réxime no interior[7].

Fraga foi considerado, canda José Solís Ruiz, o representante do sector máis reformista do franquismo partidario de realizar pequenas reformas institucionais, que adecuasen a ditadura ao que os cambios económicos e sociais esixían[8]. Cando estoura o caso Matesa, que implica a diversos membros do Opus Dei que formaban parte do goberno, Fraga, oposto a ese sector, difunde as novas[9]. Como consecuencia, Franco destitúe os responsables do caso Matesa, pero tamén a Fraga, que abandona o goberno.

Embaixador e vicepresidente durante a transición[editar | editar a fonte]

Así pois, a finais de 1969 abandona temporalmente a política e ocupa o posto de director xeral da fábrica de cervexas El Águila.

En 1973 regresa á primeira liña política. En primeiro lugar, vai na terna que o Consello do Reino lle presenta a Franco, para que este designe presidente de goberno, xunto con Luis Carrero Blanco e Raimundo Fernández-Cuesta, de onde sae elixido Carrero. En segundo lugar é nomeado ese mesmo ano embaixador en Londres, posición dende onde avoga pola reforma política paulatina, e onde coincide con Fernando Morán, cónsul xeral que logo sería ministro do PSOE. Nese tempo fúndase GODSA, unha sociedade anónima que funcionaba como cobertura legal dun club político, prohibido pola lexislación da época, e que reunía a persoas vencelladas ao reformismo conservador e entre eles Fraga.

En decembro de 1975, finado Franco, foi nomeado vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación do primeiro goberno da monarquía, o dirixido por Carlos Arias Navarro, co que volve de Londres e establécese en Madrid. Como ministro encárgase da seguridade e de realizar algúns avances na apertura democrática do réxime durante a transición española. Así, mentres lle negaba o permiso de manifestación á oposición o Día Internacional dos Traballadores de 1976 ou declaraba que non podía garantir a seguridade da comunista Dolores Ibárruri se regresaba do exilio[10], permitía a celebración do XXX Congreso de UXT, na que Nicolás Redondo era elixido secretario xeral, mantiña reunións con líderes do PSOE, como Felipe González, e proclamaba unha primeira, pero reducida, amnistía. O 19 de xuño de 1976, o xornalista Cyrus Sulzberger publica no New York Times unhas declaracións privadas de Fraga nas que este lle manifestaba a necesidade de legalizar o Partido Comunista tras unhas primeiras eleccións democráticas, o que lle valeu as críticas dos sectores inmobilistas do réxime.

Tamén foi Fraga ministro do Interior durante os sucesos de Vitoria-Gasteiz. Mentres o ministro estaba en Alemaña, a policía cargou contra un grupo de obreiros reunidos nunha asemblea na Igrexa de San Francisco desa cidade vasca, co resultado de cinco mortos (dous no momento e tres ao longo dos meses seguintes como consecuencia das feridas). Os feitos non foron investigados nin xulgados. Do mesmo xeito, e só dous meses despois, teñen lugar os sucesos de Montejurra, unha localidade navarra que acollía unha romaría de carlistas. Os carlistas, naquela altura unha das forzas de oposición ao réxime e membro da Xunta Democrática, vense atacados por un grupo de carlistas de ultradereita e outros ultradereitistas españois e estranxeiros. O ataque sáldase co asasinato por arma de fogo de dous carlistas progresistas. Segundo o xeneral da Garda Civil José Antonio Sáenz de Santa María, o ataque fora coñecido e mesmo promovido polo goberno, e en concreto por Manuel Fraga e Carlos Arias Navarro, que tentaban que o carlismo regresase ao sector tradicionalista de ultradereita[11].

Considerado do sector máis aperturista do goberno, xunto ao ministro de Exteriores, José María de Areilza, cando cae o goberno e Arias Navarro e substituído por Adolfo Suárez, Fraga é apartado e non figura como ministro.

Creación e primeiros anos de Alianza Popular[editar | editar a fonte]

Fraga nun acto electoral durante a transición española.

En 1976 funda Reforma Democrática, partidario de avanzar cara a un sistema democrático e de autonomías rexionais sen unha ruptura coa legalidade vixente.

Fraga impulsará a creación de Alianza Popular, de carácter conservador, fundada na súa maioría por ministros do tardofranquismo. Creada inicialmente como unha federación de sete asociacións políticas, constitúese como partido político en maio de 1977 para presentarse ás primeiras eleccións democráticas tras a ditadura. Estas asociacións foron a propia Reforma Democrática, de Manuel Fraga, ministro de Información e Turismo entre 1962 e 1969, así como vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación entre 1975 e 1976; Unión del Pueblo Español, liderada por Cruz Martínez Esteruelas, ministro de Planificación e Desenvolvemento entre 1973 e 1974 e ministro de Educación e Ciencia entre 1974 e 1976; Acción Democrática Española, de Federico Silva Muñoz, ministro de Obras Públicas entre 1965 e 1970; Democracia Social, liderada por Licinio de la Fuente, ministro de Traballo entre 1969 e 1975, así como vicepresidente do Goberno entre 1974 o 1975; Acción Regional, de Laureano López Rodó, ministro sen carteira entre 1965 e 1967, ministro de Planificación e Desenvolvemento entre 1967 e 1973 e ministro de Asuntos Exteriores entre 1973 e 1974. Unión Social Popular, liderada por Enrique Thomas de Carranza; e finalmente, Unión Nacional Española, de Gonzalo Fernández de la Mora, ministro de Obras Públicas entre 1970 e 1974. A súa cabeza máis visible desde o primeiro momento é Manuel Fraga.[12]

Aceptan unha transición cara a un sistema de liberdades consonte ós modelos políticos occidentais fundados na propiedade privada, a economía de mercado e os valores tradicionais que vían ameazados polas forzas emerxentes da esquerda marxista. A decisión de Adolfo Suárez de liderar dende o Goberno unha forza con vocación centrista UCD desprazaría a Alianza Popular a posicións máis á dereita e provocarían os seus discretos primeiros resultados electorais nos comicios constituíntes (16 deputados e un 8,2% dos votos).

Escollido entre o selecto grupo de sete persoeiros que se encargan da redacción da Constitución Española, xunto a Gabriel Cisneros, José Pedro Pérez Llorca e Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, da UCD, Miquel Roca, do Pacte Democràtic per Catalunya, Gregorio Peces-Barba do PSOE e Jordi Solé Tura, do PCE. Durante os traballos oponse a partes significativas do texto coma o referente á expresión "nacionalidades" no artigo 2, e algunhas indeterminacións do Título VIII sobre o proceso autonómico, que quedaba, segundo el, permanentemente aberto. Porén, conseguiu que o seu partido Alianza Popular promovese o voto afirmativo no referendo constitucional. Tratando de romper co franquismo, realiza xestos públicos como a presentación do líder comunista Santiago Carrillo no significado Club Siglo XXI o 27 de outubro de 1977. No acto fala da necesidade de superar liñas divisorias pasadas en prol de servir a unha mellor convivencia entre os españois.

Nas primeiras eleccións democráticas preséntase coaligado con pequenos partidos na marca Coalición Democrática, pero descende en voto e queda con só 9 deputados. Non se presenta ás eleccións catalás de 1980, e nas vascas obtén dous deputados, un por Áraba e outro por Biscaia. Dimite e retírase a Vilalba, pero Jorge Vestrynge, daquela secretario xeral de Alianza Popular, convénceo de que volva. E a súa traxectoria vira en 1981 coas primeiras eleccións en Galicia. A súa táctica de modular un discurso moderado faille participar como partido na redacción do Estatuto dos Dezaseis e en defender o texto estatutario fronte ás críticas da UCD. Cando chegan as eleccións, AP presenta a Xerardo Fernández Albor como candidato e a Xosé Luís Barreiro Rivas como home forte no partido, e capta distintos persoeiros da dereita galeguista, co que consegue a vitoria, se ben en minoría.

Líder da oposición[editar | editar a fonte]

Foi en Galicia onde unha renovada AP demostrou que podía desprazar a unha cada vez máis dividida UCD. Este éxito repíteo en Andalucía, onde nas primeiras eleccións autonómicas conseguiu superar a UCD, se ben a moita distancia do triunfador PSOE. A crise da UCD permitiulle á Alianza Popular de Fraga converterse na segunda forza política de España en 1982 e pasar Fraga a ser considerado xefe da oposición. A eses comicios de 1982 presentouse á fronte dunha coalición (Coalición Popular) con forzas de centro liberais (UL) e democristiás (PDP), procedentes da UCD.

Realiza unha política conservadora pero leal cos Gobernos de Felipe González ofrecendo consenso nos grandes temas de Estado. Protagonizou, porén, algún desmarque significativo como a petición de abstención no referendo que propiciou a entrada de España na OTAN. A súa política vese reforzada con bos resultados electorais, tanto nas eleccións catalás como nas vascas de 1984, así como nas galegas de 1985. Porén a súa sorte tórcese en 1986. Manuel Fraga reafírmase en pedir a abstención no referendo sobre a permanencia na OTAN o que provoca que o 5 de marzo a Secretaria Segunda da Mesa do Congreso dos Deputados, a deputada popular pola Coruña Victoria Fernández-España, firme atlantista e partidaria do voto afirmativo, abandone Alianza Popular e que se integre no Grupo Mixto por discrepancias sobre a actitude a adoptar no referendo.[13] As eleccións xerais do 22 de xuño mostran unha mingua nos votos, provocada pola irrupción do CDS, e un lixeiro retroceso en escanos. O PDP rompe a Coalición Popular logo das eleccións e, no mes de outubro, Jorge Verstrynge deixa de militar en Alianza Popular. As eleccións vascas do 30 de novembro de 1986 amosan o retroceso de AP de novo, ao pasar de 7 a 2 escanos (de novo un por Biscaia e outro por Áraba), que levan a que Manuel Fraga anuncie a súa dimisión o 1 de decembro.[14] Fraga é substituído á fronte de Alianza Popular inicialmente por Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, que á súa vez será substituído meses máis tarde por Antonio Hernández Mancha. En 1987 é designado para encabezar a candidatura de Alianza Popular nas primeiras eleccións europeas en que participa España, onde sae elixido eurodeputado. Sendo eurodeputado, o 27 de maio de 1988 recibiu a nova de que o chalé que posuía en Perbes sufrira un atentado con bomba por parte do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, no que non se produciran danos persoais, pero si materiais.

A crise en Alianza Popular faise maior en 1988 e a finais do ano Manuel Fraga toma de novo as rendas do partido e encabeza as operacións que levaron á súa refundación co nome de Partido Popular. Substitúe a Hernández Mancha como presidente do partido, e Fraga designa a José María Aznar, ata daquela presidente de Castela e León, como candidato dos populares ás eleccións de 1989. En outubro dese ano, ademais, decide encabezar a candidatura do Partido Popular ás eleccións galegas, dando o salto á política autonómica.

Presidente da Xunta[editar | editar a fonte]

José María Aznar e Fraga en 1996.

A eses comicios o Partido Popular presentouse en coalición coa forza nacionalista moderada Centristas de Galicia, que lideraba Vitorino Núñez. Ofreceu un programa aberto ao galeguismo e presentou unha mensaxe de recuperación da dignidade da autonomía galega nun momento en que gobernaba un tripartito encabezado por Fernando González Laxe (PSdeG-PSOE, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego) froito dunha moción de censura. Como resultado desas eleccións Fraga foi elixido presidente da Xunta de Galicia, o primeiro na historia en facelo por maioría absoluta. A primeiros de 1990 é investido como presidente da Xunta na praza do Obradoiro. Nese tempo deixa a presidencia do PP, onde é substituído por José María Aznar, e pasa a ostentar o cargo de honra de presidente fundador, así como o de presidente do PPdeG.

En 1993 volveu gañar as eleccións autonómicas, ampliando a maioría absoluta á fronte de PPdeG. Nos comicios de 1997 acada a súa terceira maioría absoluta para presidir outros catro anos a Xunta de Galicia, maioría que volve revalidar nas eleccións de 2001

Fraga exerceu un forte liderado durante 15 anos. Defendeu a identidade cultural galega dentro de España a través da súa idea da autoidentificación que opuxo á de autodeterminación[15]. Propugnou un autonomismo avanzado coa súa proposta de administración única, inspirada en técnicas político-administrativas propias do federalismo de execución. Manuel Fraga foi un dos presidentes autonómicos pioneiros en desenvolver unha activa política exterior, algo que se cría vedado para as comunidades autónomas en función da competencia exclusiva do Estado central en materia de relacións internacionais. Así, foron numerosas as súas visitas a Iberoamérica, en especial aos países con grande presenza da diáspora galega (170 viaxes oficiais coma presidente da Xunta ao estranxeiro[16]), e mesmo a Cuba, onde situou as conexións da galeguidade por riba das diferenzas ideolóxicas co xefe de estado da illa, o comunista Fidel Castro.

A súa figura tamén contribuíu á mutación do espectro político galego. A súa retórica galeguista, acompañada de medidas simbólicas e reais de reforzo do autogoberno (a cerimonia de investidura como presidente, onde o acompañaron en 1989 varios centos de gaiteiros[17]; a creación da figura do Valedor do Pobo etc.) e as redes locais de poder fixeron desaparecer a Coalición Galega e o nacionalismo de centro. Aumentar ao 5% a barreira electoral acabou aglutinando ao nacionalismo de esquerdas en torno ao BNG, que chegou a ser, nas súas últimas lexislaturas, a segunda forza política en Galicia.

Baixo o seu goberno reestruturouse a rede viaria de Galicia, coa creación ou proxecto de diversas autovías e co remate da AP-9 dende Ferrol ata a fronteira con Portugal, ou as conexións de autovía coa Meseta Central. No plano cultural e social, foi o grande impulsor do Xacobeo e da creación da Cidade da Cultura, unha obra que deixou sen rematar, así como o presidente durante o que se redactou o Plan de Normalización Lingüística, que reeditou o consenso das principais forzas políticas nas accións de promoción da Lingua galega.

Ao mesmo tempo, Fraga tivo que afrontar dúas grandes crises de carácter ecolóxico e social. En 2001, tivo que afrontar a crise das vacas tolas, cando se detectaron en Galicia diversos casos de encefalopatía esponxiforme bovina. O posterior enterramento das vacas nun terreo de Mesía e a tormenta política desatada en consecuencia levou por diante o conselleiro de Agricultura, Cástor Gago, e provocou a primeira moción de censura que recibiu o goberno Fraga, presentada polo líder dos nacionalistas Xosé Manuel Beiras Torrado, e que se saldou coa derrota da moción. Ao ano seguinte, en novembro de 2002, o buque Prestige encallaba fronte ás costas de Galicia e vertía toneladas de fuel óleo que tiveron como consecuencia a convocatoria das maiores manifestacións da historia do país, así como a segunda moción de censura, neste caso presentada por Emilio Pérez Touriño (PSdeG). Aínda que saíu vitorioso desta moción, no interior do partido viviuse unha gran división entre os partidarios dunha maior crítica á xestión do goberno central, dirixido xa naquela altura por José María Aznar, e responsable da decisión de afastar o buque da costa, e os partidarios da defensa desta xestión. A división custoulle o posto ao conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Xosé Cuíña, que se perfilaba como o sucesor de Fraga na Xunta, e partidario dunha acción máis dura fronte o goberno central. O executivo de Aznar ofreceulle daquela a Fraga a creación dun plan de infraestruturas denominado Plan Galicia, que buscaba supostamente compensar a Galicia pola catástrofe ecolóxica e económica desencadeada.

Con este desgaste, ao que se lle sumaron contratempos de saúde e desmaios en público[18], presentouse de novo ás eleccións de 2005, onde conseguiu a vitoria pero onde perdeu a maioría absoluta, dando paso a un goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG. Logo da derrota electoral, segue durante un tempo no Parlamento de Galicia, pero déixalle paso no liderado da formación en Galicia a Alberto Núñez Feijóo.

Últimos anos e falecemento[editar | editar a fonte]

Cadaleito de Manuel Fraga entrando na igrexa de Perbes, ante a Real Banda de Gaitas.
Retransmisión da TVG nunha pantalla xigante na praza do Obradoiro da misa celebrada o 21 de xaneiro no interior da catedral compostelá co gallo do pasamento do político vilalbés.

O 7 de febreiro de 2006 o Parlamento de Galicia elíxeo senador en representación da comunidade autónoma, posto no que permanecerá ata novembro de 2011, cando teñen lugar as eleccións xerais que lle dan a vitoria a Mariano Rajoy. O 2 de setembro de 2011 anunciara a súa renuncia á política activa.[19].

Logo dun agravamento do seu estado de saúde, faleceu como consecuencia dunha parada cardíaca o 15 de xaneiro de 2012 en Madrid. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo decretou tres días de loito oficial[20]. A capela ardente foi instalada, con carácter privado, no seu domicilio na capital de España, onde celebrou un oficio católico o cardeal de Madrid Antonio María Rouco Varela.

Os seus restos foron soterrados en Perbes, cun ritual católico concelebrado polo mesmo Rouco Varela, polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, e por catorce sacerdotes máis. O cadaleito foi cuberto coa bandeira galega, á que posteriormente na igrexa se lle engadiu a española[21], e foi introducido no nicho acompañado polo himno galego, interpretado pola Real Banda de Gaitas de Ourense. Ó enterro acudiron: o expresidente do goberno de España, Jose María Aznar, a súa muller e alcaldesa de Madrid, Ana Botella, a vicepresidenta do goberno de España, Soraya Sáenz de Santamaría, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, o expresidente da Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor e o exalcalde da Coruña, Paco Vázquez, entre outras personalidades da política e público en xeral.

Ao sábado seguinte celebrouse un funeral público na catedral de Santiago de Compostela, oficiado polo arcebispo Julián Barrio. A el asistiron diversos grupos de gaitas, os expresidentes da Xunta de Galicia, así como unha boa representación do estamento político galego e español.

Visión de Galicia[editar | editar a fonte]

Os galegos formamos un pobo inserido en España e en Europa dende o principio. En efecto, o meu país entrou na primeira organización xeral europea, que foi o Imperio Romano, cando as lexións ocuparon o seu territorio en dúas longas campañas sucesivas dirixidas por Xulio César e por Octavio Augusto; é dicir, polos dous fundadores do imperio. Galicia permaneceu no seu interior ata a súa fragmentación, que se produciu no século V. E no século VI integrouse na unidade da monarquía española, na que aínda está inscrita. Así é como Galicia é unha das rexións máis ilustres que constitúen continuamente o reino de España desde hai mil quinientos anos. A nosa adhesión constante a España e a Europa non é, polo tanto, cousa recente, senón moi antiga: e, como tal, a historia transformada nunha natureza radical. Ese radicalismo afondou grazas a un acontecemento que parecería fantástico se non fose, como é, totalmente histórico. Aconteceu, en efecto, que Santiago de Compostela, a capital histórica de Galicia, converteuse a partir do século IX no extremo occidental dunha ruta de peregrinación denominada Camiño de Santiago. Esa estrada conectaba no centro de Europa con outras dúas: "o camiño dos peregrinos", que levaba a Roma, e o "camiño dos palmeiros", que levaba a Xerusalén. Estas tres entradas coincidiron no mesmo sentido -esencialmente relixiosas e completamente culturais, comerciais e económicas- e foron así os medios de comunicación de persoas, cousas e ideas de cuxa pluralidade xurdiu Europa moderna.[22]

Visión de Europa[editar | editar a fonte]

Europa é a acumulación de moitas realidades históricas, que viñeron de moito tempo atrás; a cultura clásica, grega e romana; a expansión dos pobos nórdicos; a tradición cristiá, cun claro predominio da súa versión romana, despois do cisma de Oriente; unha organización social progresivamente máis flexible que outras zonas xeográficas e culturais; a súa capacidade para resistir a presión militar e cultural doutros grupos; a súa capacidade, en definitiva, para crear con todo isto modelos de vida e organización, o que lle permitiu (desde unha estrutura xeopolítica plural e integrada) descubrir e dominar boa parte do mundo, e influír decisivamente en todo elo, no que inxeniosamente se describiu como o verdadeiro "rapto de Europa".(...) Unha Europa capaz de autodestruírse, da que comeza a xurdir, e esperemos que o faga, ante os difíciles retos do novo milenio.[23]

Visión de Hispanoamérica[editar | editar a fonte]

A A Europa Moderna foi o axente colectivo que, a partir do século XVI, descubriu América, comprobou a unidade da terra e derramou todo este planeta recén circunnavegado unha forma de cultura e civilización superior, que marcaron o progreso de toda a humanidade ata hoxe. En toda esta empresa tivemos en América o protagonismo de todos os que coñecemos, os españois, os portugueses... e tamén os galegos. É dicir, aquelas que o bardo Eduardo Pondal chamou "Os Eoas" no seu gran poema épico escrito en lingua galega e dedicado ao Descubrimento.

Durante os tres primeiros séculos da modernidade, hispanos e americanos permaneceron integrados nun mesmo Imperio español, unidos máis polos dereitos que pola forza, na medida en que se fundaba nos principios de igualdade de todos os seres humanos ante a lei e a protección dos máis débiles, ambos os dous recollidos nas Leis de Indias por primeira vez na historia dos dereitos humanos. Durante tres séculos, os europeos trasladamos a América toda a tecnoloxía e a ciencia que tiñamos, e realizamos colosais obras de infraestruturas: infraestruturas físicas -como estradas, portos e cidades-; e infraestruturas culturais -como universidades, imprentas, hospitais e templos-. Moitas desas construcións aínda son útiles en todas partes.

Despois, durante os dous últimos séculos da modernidade -unha vez consumada a lóxica independencia das repúblicas americanas, como pobos que chegaran á maioría de idade- os europeos aportamos capital, emprendedores e abundante man de obra non cualificada -formada por millóns de emigrantes- e tamén algunha moi especializada -formada por valiosas minorías de universitarios refuxiados ou dirixentes exiliados.[24]

Sobre Cuba afirmou:

Máis alá das diferenzas ideolóxicas, e nunca o negamos, Fidel Castro... é un dos moitos símbolos deste mundo hispánico tantas veces glorioso, dividido, desprezado inxustamente e un símbolo da independencia.[25]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Tivo once irmáns, dos que dous faleceron sendo nenos. Estivo casado con Carmen Estévez, que faleceu en 1996. Tivo cinco fillos, entre eles Carmen Fraga, tamén política, ademais de José Manuel, Maribel, Ignacio e Adriana.

En 2009 declarou que Ava Gardner o convidara a tomar unhas copas, pero que el a rexeitara e que iso lle sentara mal á actriz[26]. Afeccionado á caza e ao dominó, os seus tres libros preferidos eran o Cantar de mio Cid, O Quixote e La perfecta casada (este último de Luis de León)[16].

Cultura popular[editar | editar a fonte]

A dilatada traxectoria de Fraga levouno a ter transcendencia na cultura popular. Caricaturizado con tirantes, peza de roupa que se asociaba a el nos anos oitenta, foi o obxecto dunha canción do grupo musical-cómico catalán La Trinca (Ele Manolo). Tamén foi alcumado O león de Vilalba.

Atribuíaselle a frase "La calle es mía" (A rúa é miña), aínda que el negaba que a dixera nunca[27].

A serie de curtametraxes políticas Hai que botalos, do ano 2005, iniciábase coa peza Punto final, escrita por Manuel Rivas e dirixida por Emilio Mac Gregor, onde Manuel Fraga, interpretado por Pepe Penabade e coa voz de Federico Pérez, realizaba unha descrición autobiográfica.

Obra[editar | editar a fonte]

Autor de máis de cen libros en castelán e dous en galego. Entre eles:

Galardóns[editar | editar a fonte]

Condecoracións galegas[editar | editar a fonte]

Estatua en Cambados como Gran Mestre do Capítulo Serenísimo do Albariño.

Condecoracións de ámbito español[editar | editar a fonte]

Condecoracións internacionais[editar | editar a fonte]

Doutoramentos honoris causa[editar | editar a fonte]

Outros recoñecementos[editar | editar a fonte]

Levan o seu nome distintas rúas en Galicia e en España, así como o colexio de Cariño.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Manuel Fraga, 60 años de pasión por el poder, en El País o 15 de xaneiro de 2012.
  2. "Biografía de Manuel Fraga na web da Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2009. Consultado o 22 de maio de 2008. 
  3. Biografía de Manuel Fraga en biografiasyvidas.com
  4. CASTRO TORRES, Carmen. La prensa en la transición española. 1966-1978, Alianza Editorial, Madrid, 2010, páx. 51.
  5. CASTRO TORRES, Carmen. La prensa en la transición española. 1966-1978, Alianza Editorial, Madrid, 2010, páx. 36.
  6. JUNQUERA, Natalia. "No se tiró, lo mataron", El País, 17/1/2009.
  7. DE RIQUER, Borja. La dictadura de Franco (vol. 9 de Josep Fontana e Ramón Villares (directores), Historia de España), Crítica / Marcial Pons, Barcelona, 2010, páx. 483.
  8. DE RIQUER, Borja. La dictadura de Franco (vol. 9 de Josep Fontana e Ramón Villares (directores), Historia de España), Crítica / Marcial Pons, Barcelona, 2010, páx. 488-89.
  9. "Fraga amanecía más temprano", Miguel Ángel Aguilar, El País, 15/1/2012.
  10. GALLEGO, I.. Desarrollo del Partido Comunista, París, Colección Ebro, 1976, pp. 18, 272.
  11. CARCEDO, D. Sáenz de Santa María. El general que cambió de bando. Madrid: Temas de Hoy. pp. 148-155.
  12. "Institución - Alianza Popular (España)". PARES. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2023. Consultado o 2023-02-17. 
  13. "Cronología constitucional: Año 1986 - Constitución española". app.congreso.es. Consultado o 2023-02-17. 
  14. "Manuel Fraga dimite como presidente de Alianza Popular". El País (en castelán). 1986-12-01. ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-02-17. 
  15. FRAGA, Manuel. Da acción ao pensamento. Ir Indo edicións, Vigo 1993.
  16. 16,0 16,1 Un gallego como tú, artigo de Pío Cabanillas Alonso, El País, 16/1/2012.
  17. SUÁREZ, R. Vinte anos de gaiteiros, Xornal de Galicia, 5/2/2011.
  18. "Fraga sufre un desmayo mientras pronunciaba el discurso del Estado de la región", El País, 5/10/2004.
  19. Fraga abandona la política activa, El País, 2/9/2011.
  20. Tres días de loito oficial en Galicia pola morte de Fraga, Europa Press, 16/1/2012.
  21. Tweet de Xosé Manuel Pereiro, 17/1/2012.
  22. Fraga. Iribarne, Manuel; "Nuevo Orden Mundial" Ed.Planeta, 1996 pp. 168 e 169
  23. Fraga Iribarne, Manuel; "Nuevo Orden Mundial" Ed.Planeta, 1996 pp. 97
  24. Fraga Iribarne, Manuel; "Nova Orde Mundial" Ed.Planeta, 1996 p.98
  25. http://elconfidencialdigital.com/mundo/imimpresionNoticia?id=c31d4c40-67df-11e0-a4c7-b37475d75069 [Ligazón morta] Declaracións aos xornalistas españois que o acompañaron na súa visita a Cuba, o 30 de outubro de 1998.
  26. «Ava Gardner me invitó a tomar una copa pero, para su sorpresa, me excusé», Faro de Vigo, 20/10/2009.
  27. Muere Manuel Fraga, 60 años de pasión por el poder, Xosé Hermida para El País, 15/1/2012.
  28. Manuel Fraga gaña por unanimidade o premio 'Otero Pedrayo' Arquivado 21 de outubro de 2010 en Wayback Machine., Xornal de Galicia, 19/10/2010

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Fernando Ignacio González Laxe
 
Presidente da Xunta de Galicia
 
1990 - 2005
Sucesor:
Emilio Pérez Touriño
Predecesor:
Gabriel Arias-Salgado
 
Ministro de Información e Turismo
 
1962 - 1969
Sucesor:
Alfredo Sánchez Bella
Predecesor:
José García Hernández
 
Ministro de Interior
 
1975 - 1976
Sucesor:
Rodolfo Martín Villa
Predecesor:
Rafael Cabello de Alba Gracia
 
Vicepresidente Segundo do Goberno de España
 
1975 - 1976
Sucesor:
Alfonso Osorio García