Cubismo
O cubismo foi un movemento artístico desenvolvido entre 1907 e 1914. Tómase 1907 como data de referencia porque neste ano se produciu o encontro entre Braque e Picasso. Os críticos contemporáneos foron unánimes á hora de proclamar a Picasso como líder do movemento, pero é curioso o feito de que as primeiras obras cubistas foran pintadas por Braque.
"As señoritas de Avignon", de 1907, considérase a pedra angular da arte do Século XX, unha obra mestra que marca un novo punto de partida.
Características
[editar | editar a fonte]O cubismo caracterízase por:
- Independencia e autonomía de planos, estalido do volume: Os planos son obxecto de estudo en si mesmos, e non en visión global do volume. Os grandes volumes rómpense noutros máis pequenos. Así, queda rota tamén a liña de contorno, interrómpese o trazo lineal. O resultado deste proceso compárase co reflexo nun espello roto ou coa visión a través dun calidoscopio.
- Perspectiva múltiple: Vén dada polo estudo de cada plano na súa autonomía. Rómpese coa perspectiva monofocal. A pintura libérase do xugo da tradicional visión monocular. Multiplícanse os ángulos de visión dun mesmo obxecto. Así ofrécese unha visión complexa do mesmo ente, que se pode presentar ó mesmo tempo de cara, de perfil ou desde calquera outro ángulo significativo.
- Desaparición de gradacións de sombra e luz: Isto vén dado pola descomposición do volume.
- Cor "Ton Local": A cor non achega indicacións suplementarias. Polo xeral aplicábase por pequenos toques. Isto chamábase “Cor Passepartout”, apto para todos os obxectos, pero que non consiste en dar a verdadeira cor de ningún deles.
- Xeometrismo: As formas xeométricas invaden as composicións. As formas observadas na natureza son traducidas en cilindros, conos, esferas e cubos. A retina capta as formas, e a mente do pintor simplifícaas. Cézanne xa reduciu as súas composicións ás formas xeométricas, por iso exercerá tanta influencia no Cubismo.
- Base filosófica: As achegas filosóficas de Bergson son moi importantes para o Cubismo, ó afirmar que o observador acumula na súa memoria unha grande información sobre un obxecto do mundo visual externo. Esta é unha experiencia que constitúe a base intelectual. Os pintores cubistas utilizan esta experiencia distorsionando e superpoñendo paisaxes. Non se trata de reflectir a realidade mesma, senón a idea de realidade que posúe o artista.
Correntes
[editar | editar a fonte]Cubismo analítico
[editar | editar a fonte]O cubismo analítico é o que, partindo dunha análise dos obxectos, os reconstrúe no cadro de acordo cos ritmos e estruturas compositivas determinados polo artista. Este período analítico transcorreu entre 1910 e 1912. Os lenzos desta época caracterizáronse pola análise da realidade e a descomposición en planos dos distintos volumes dun obxecto para que a mente capte a súa totalidade.
Dende o principio pretendíase unha arte máis conceptual que realista. Predominaban os ángulos e as liñas rectas e a iluminación non era real, xa que a luz procedía de distintos puntos. As gamas de cores simplificáronse notablemente, nunha radical tendencia ao monocromatismo: castaños, grises, cremas, verdes e azuis. Con todo isto tentábase combinar a tridimensionlidade do mundo real coa bidimensinalidade da obra artística. Nunha primeira etapa da fase analítica, todas estas formas apareceron xeralmente compactas e densas, para irse facendo cada vez máis amplas e fluídas ata difuminarse nas marxes do lenzo. Os cadros resultan de difícil comprensión, facéndose progresivamente herméticos. O fondo e a figura representada confúndense pois aquel parece avanzar ata o primeiro plano, e pola contra,a figura parece diluírse e difundirse dentro do espazo do cadro.
Conscientes deste hermetismo dos cadros, os artistas engaden moitos detalles reais ou fragmentos dos obxectos reproducidos para que o espectador comprenda os devanditos obxectos, por exemplo, pintan os eses, as chaves e o mastro dun violín, as clavixas dunha guitarra (que aparecen representadas de xeito realista e minucioso), ou tamén representan letras e cifras en caracteres de imprenta, feitas con modelos. O mesmo que os anteditos detalles realistas, tamén o título do cadro ten unha grande importancia, pois funciona coma unha pista para orientar ó espectador
Os pintores desta época aseguraban que, sen renunciar á aplicación das regras da perspectiva tradicional, na natureza todo podía ser reducido a formas xeométricas, tales como o cilindro, a esfera ou o cono.
Os elementos preferidos para reflectir nos cadros foron os instrumentos musicais –en especial a guitarra-, botellas, pipas, vasos e periódicos aínda que nunca se excluíu a figura humana. Entre as obras máis destacadas destes momentos cabe sinalar “Muchacha con mandolina” de Picasso e “Home con guitarra” de Braque.
Cubismo sintético
[editar | editar a fonte]No cubismo sintético os obxectos reconstrúense a través da introdución da cor e de diferentes materias (anacos de madeira, recortes de periódico, tea, area...), a realidade recupérase pero non para imitala, se non para dar vida propia ó obxecto dentro do espazo real e libre do cadro (“Bodegón con silla de rejilla”, 1912, de Picasso). Do cubismo sintético considérase creador a Juan Gris quen dixo, “ De un cilindro hago una botella”. Este pintor, a través da xeometría consegue a imaxe total, obxectos novos a partir do abstracto, (“Naturaleza muerta con botella”-1912).
A fase sintética trouxo a reconsideración dalgúns dos xeitos expresivos da anterior. A cor volve a ter agora un maior protagonismo. As superficies, aínda que seguen aparecendo sempre fragmentadas, eran máis amplas e decorativas. A novidade máis singular foi, sen dúbida o uso de materiais non pictóricos. Esta técnica coñecida como “collage” incorporou ó lenzo elementos cotiás como paquetes de cigarrilos, páxinas de periódicos, anacos de vidro, e ás veces incluso area. O que se propoñen ó introducir nos cadros ou nos debuxos, trocos de papel de periódico, papel pintado, trocos de plástico etc., era renunciar ós artificios do pincel, substituíndo a superficie “Pintada a man” polo elemento “Xa feito”. Tamén se consideraba realismo, pois o mellor medio para conseguir plasmar a realidade era pegar no cadro a propia realidade, é dicir, é máis fácil e máis verídico, pegar nun cadro un periódico, que pintalo. Braque explicou que utilizaba o collage para lograr maior obxectividade, aínda que os obxectos que pegaba nos cadros non facía que as obras parecesen máis reais. Pola contra, a primeira vez que Picasso pegou algo nun lenzo foi un anaco de plástico estampado que imitaba o vimbio dunha cadeira.
Tanto Picasso como Braque deleiábanse coas texturas. Este xeito de traballo tiña moito de humor e diversión e incluso un pouco de burla para o espectador e incluso chegan máis lonxe cando pintan sobre a tea imitando que pegan papel polo que hai fragmentos dos cadros que nos fan dubidar de se se trata dunha pintura o dun collage dunha madeira pegada, ou un anaco de papel pegado imitando madeira. Non cabe dúbida de que tiña moito de lúdico e moito de humor que puxeran nas súas obras estas superficies falseadas. Coa utilización deste inusitados materiais no lenzo, o cubismo, á vez que aproveitou as diferenzas de textura e de natureza dos seus compoñentes propuxo, dende un ángulo orixinal, a cuestión sempre inquietante de que era realidade e de que era ilusión. Neste estilo cubista Braque realizou os seus famosos “Papiers colles” e Picasso obras como o marabilloso cadro “El jugador de cartas” o “Naturaleza muerta en verde”, tamén o cadro “Arlequín” e un cadro cubista sintético.
Juan Gris dixo “ El análisis de ayer se ha transformado en síntesis por medio de la expresión de las relaciones entre los objetos”.
Este pintor moi a miúdo realiza cadros metidos dentro dun ovalo como para subliñar ese desexo de unidade. este ovalo recolle e pecha un espazo –O do cadro-, onde todo son rectas ángulos e arestas, afirmando así claramente a súa vontade de resumir de facer balance, en definitiva de ofrecer unha síntese. A evolución de Braque cara ao cubismo sintético foi máis lenta ca a de Picasso, conservando en xeral un espírito máis analítico, ó contrario que Juan Gris que no se interesou moito polo cubismo analítico e os seus cadros foro máis do cubismo sintético.
Proceso de formación
[editar | editar a fonte]Pénsase que a orixe deste movemento cubista ten dúas fontes moi distintas :
- Dunha parte o impacto que nos círculos artísticos de París causou a escultura primitiva africana (incluso tamén a Ibérica –segundo algúns críticos-).
- Por outra parte pola influencia do pintor francés Paul Cézanne e a súa tendencia a minguar os volumes dos obxectos reais a elementos simples como o cilindro, a esfera, o cubo etc.
Ademais do antedito tamén influíu a reacción que nese momento houbo contra o fauvismo, tendencia pictórica na que o estalido da cor era un dos aspectos máis sobresaíntes. Os creadores, que iniciaron as experimentacións cubistas foron Picasso e Braque. O primeiro cadro cubista, pintado por Picasso en 1907, foi “Las Señoritas de Avignon”. Neste lenzo, as figuras femininas están singularmente tratadas, as súas siluetas semellan estar fracturadas, teñen formas planas e os trazos que as delimitan son sempre rectilíneos e angulares. Ó mesmo tempo téntase representar, de xeito simultáneo, un rostro humano de fronte e de perfil. Á vez que Picasso desenvolvía estas investigacións, Braque realizaba unha serie de paisaxes caracterizadas pola escaseza de colorido e por representar os volumes a base de planos inclinados.
O estilo cubista presentouse coma unha pintura plana, bidimensional e contraria ás técnicas ata ese momento tradicionais, da perspectiva e do clarescuro. Rexeitou así mesmo á antiga, e por séculos mantida, teoría de que a arte era a imitación da natureza. E por iso que aínda que inicialmente os pintores cubista tomaron como modelos os temas da natureza e representaron rostros e figuras humanas axiña centraron as súas temáticas en naturezas mortas, que eran composicións a base de obxectos usuais situados case sempre sobre unha mesa, que carecían de profundidade e na que tódolos elementos ocupan o primeiro plano mediante unha descomposición en facetas.
Dende os primeiros anos estableceuse unha estreita relación entre Picasso e Braque o quer permitiu ó cubismo dunha fase previa de experimentación a outra máis madura entre os anos 1910 e 1912. Nos inicios do cubismo tamén tivo grande importancia o marchante Daniel Kahnweiler, cuxa galería converteuse no centro de difusión do cubismo. Ademais, o movemento cubista tomaba forma e medraba nas reunións mantidas entre Picasso, Juan Gris, Matisse e Diego Rivera, e escritores franceses como Jean Cocteau e Guillaume Apollinaire contribuíron cos seus textos á difundir o movemento cubista
Desenvolvemento do cubismo
[editar | editar a fonte]Ademais dos grandes mestres mencionados houbo outra serie de artistas que realizaron un cubismo próximo ó de Picasso ou Braque, pero con toques persoais, como Juan Gris e os pintores franceses Fernand Léger, Albert Gleizes e Jean Metzinger. Cando esta estética se difundiu por toda Europa apareceron unha serie de grupos ou tendencias cas súas propias características:
- O Cubismo “órfico” ou ¨Orfismo¨, do francés Robert Delaunay, que daba unha grande importancia á cor e empregaba elementos compositivos inventados polo artista, o grupo de Puteaux, co francés Marcel Duchamp, que achegou un cubiso dinámico e moi intelectual.
- O “Neoplasticismo” do holandés Pieter Mondrian.
- O “Suprematismo” do ruso Kasimir Malevich.
- O “Construtivismo” tamén ruso Vladimir Tatlin.
- O “Purismo” de estética racional e xeométrica impulsado polos franceses Amadeé Ozenfant e Charles Édouard Jeanneret.
- O grande arquitecto Le Corbusier, de orixe suízo, aplicou logo os principios deste último movemento á arquitectura.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cubismo |