Saltar ao contido

Tesouros novos e vellos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tesouros novos e vellos
Autor/aÁlvaro Cunqueiro
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Ensaio (literatura)
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.2011, 4ª ed.
Páxinas128
ISBN978-84-9865-361-8
editar datos en Wikidata ]

Tesouros novos e vellos é un libro de Álvaro Cunqueiro publicado en 1964 por Galaxia e reeditado en varias ocasións pola mesma editorial (4ª edición en 2011). Foi traducido ao castelán como Tesoros y otras magias.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

Álvaro Cunqueiro pronunciou Tesouros novos e vellos como discurso de ingreso na Real Academia Galega no ano 1964.[2] O discurso trata das lendas populares sobre mouros e tesouros escondidos, enraizadas na tradición galega.[3]

Segundo Ramón Nicolás:[4]

" A capacidade fabuladora, e fabulosa, dun Cunqueiro que é extraordinario coñecedor da tradición oral e mítica galega reflíctese aquí con claridade. Nestas páxinas desvélanse as claves do universo, e do mito, dos tesouros en Galicia ao transitar dun espazo a outro, visitándoos nos fondos das lagoas, nos ríos, montes ou outeiros para se describiren cos seus custodios -por veces ananos, mouros, fadas ou cóbregas- e formaren iso que chamamos, aínda, o noso patrimonio imaxinario. O autor sabe concederlle ao seu relato un intransferible e envolvente pulo poético, culto e popular, que fai da súa narrativa un modelo de difícil imitación. Á marxe do que cadaquén considere o seu propio tesouro, estes de Cunqueiro existen porque a palabra fai que existan: cómpre coñecelos. "

Título: Consellos pra atopar tesouros[5]

"Cóntase neste libro de Cunqueiro, admirábel coma tódolos seus, fábulas de buscadores de tesouros, narracións de áureos espellos, de fontes, de peites encantados, de copas mergulladas no Rin. Hai incruso paraugas de ouro. Vemos nel a importancia dos enanos, das fadas, dos gnomos e tamén dos carballos que defenden a entrada do tesouro. [6] "

"Discurso de ingreso do autor na Real Academia Gallega, i a resposta do numerario da mesma, D. Francisco Fernández del Riego"

[editar | editar a fonte]

Na dedicatoria comenta:

"Estas páxinas que siguen son un feixe de noticias sober tesouros, atopadas lendo aquí e acolá, ou falando coa xente nosa, ou botándome eu mesmo a cavilar no grande problema dos tesouros, e aínda póndome no canto dun tesouro, e como faría eu pra vivir e non ser morto, e gardarme de descobertas. [7] "

Comeza o discurso co eloxio de Ramón Cabanillas que o precedeu no asento da Real Academia:

"Home libre, Cabanillas dixo as certezas galegas, as pasadas, as presentes, as futuras. Puxo a sede das bocas galegas no viño perciso. Puxo a fame das almas galegas no terrón xusto. Dixo por toda a nación si e non... Chamáronlle Poeta da Raza porque a poesía de Cabanillas é unha das verdadeiras riquezas nosas, unha das luces brillantes da estrela que a xente galega leva na fronte na hora do mencer.[8] "

Comeza o tema dos tesouros con:

"Galicia é un país de tesouros escusados nos castros, asolagados nas lagoas, enterrados aquí e acolá, e cáseque sempre ben gardados por mouros, enanos, xigantes, fadas, cobras... Son os que se chaman encantos.[9] "

Os tesouros teñen vida coma as persoas:

"A miña primeira idea é que un tesouro é coma unha persoa viva, coa súa memoria e a súa vontade. [10] "

E están as fadas gardadoras dos tesouros:

"Das fadas de que ouvín falar en Galicia, gardadoras de tesouros, sábese que as máis son fiadoras, e sempre están nas mañanciñas de cedo, que é cando millor se ven, so seu fuso e a súa roca na raiola pirmeira do sol, e adoitan cantar cantigas que ninguén, por muitas veces que as escoite, pode aprender... Das fadas non se sabe muito. [11] "

E tamén están os mouros gardadores:

"Xente máis seria son os mouros que ficaron con tesouros dos seus. Teño preguntado que facían os mouros cando por ben ou por mal lles quitaban os tesouros e ninguén me soupo contestar.[12]."

E os ananos:

"Os enanos teñen que sere algo diferentes dos mouros, aínda que algún tesouro está gardado por enanos mouros. Os enanos parecen desconfiados e bulrentos, e cando falan con alguén queren que os aseñoreen, e els póñense nun alto pra non parecer tan pequenos.[13]."

Cómpre saber o nome do tesouro:

"Hai técnicos pra sabere o nome que ten o tesouro. Verbigracia, nun monte dinse palabras berrando. O eco responde. Dise unha palabra e o eco sería o nome do tesouro, e os montes nono dan. Entón sábese que alí hai un tesouro e o nome.[14]."

E a importancia dos encantos:

"Todo isto vai mui esquemático, pro o que se busca é faguer ver como o tesouro é unha persoa e a importancia decisiva que teñen as palabras no encanto. O encanto, en defiintiva, son as palabras en que pende.[15]."

E o que conteñen os tesouros:

"As moedas dos tesouros son de outros tempos, e muitas veces non se coñecen os coroados que veñen nelas, aínda que os paisanos falan muito de onzas e de meias onzas.[16]."

E despois de ir contando ducias de casos e historias de tesouros en Galicia e noutras partes, despois de citar autores galegos e alleos, vai concluíndo:

"Aquí van diversas imaxinacións sober tesouros, nas que axuntei noticias de muitas partes. Quizaves con elas se poidera faguer un estudo ben máis profundo, e quédame, sober todo, o remorso de non ter engadido algunhas historia tiradas do meu maxín, nas que xente de nós andivera á percura de tesouros e os atopara.[17]."

"Discurso de resposta do recipendiario, de Francisco Fernández del Riego".

Fai o eloxio de Cunqueiro e da súa obra. E confesa:

"Eu sei ben que o amor a Galicia de Álvaro Cunqueiro vén de moi lonxe. Poidera lembrar moitos feitos que o acretan. Pero abonda a evocación –por expresiva- de aquel que el mesmo me ten contado, co que se puxo ao descoberto a conciencia do seu encontro coa terra natal. Era moi rapaz aínda cando se topou, de sutaque, nos andaime do Instituto lugués, co mapa de Galicia de Domingo Fontán. Foi este o seu grande encontro co país galego. Alí estaba a súa terra, a terra da súa vocación e dos seus días, a terra atemporal i eterna; a terra que a nosa lingua, a fala do seu acento labrego, necesitaba para existir.[18]."
  1. "Tesoros y otras magias". Arquivado dende o orixinal o 18/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  2. "Tesouros novos e vellos. Galaxia. LG3. O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2019-07-28. 
  3. "Tesouros novos e vellos". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-07-28. 
  4. Nicolás, Ramón (2011-07-31). "Tesouros novos e vellos, de Álvaro Cunqueiro". Caderno da crítica. Consultado o 2019-07-28. 
  5. Cunqueiro, Álvaro (1980). Tesouros novos e vellos. Galaxia. ISBN 84-7154-360-5. 
  6. Cunqueiro 1980, p. 18.
  7. Cunqueiro 1980, p. 23.
  8. Cunqueiro 1980, p. 27-28.
  9. Cunqueiro 1980, p. 29.
  10. Cunqueiro 1980, p. 31.
  11. Cunqueiro 1980, p. 41-42.
  12. Cunqueiro 1980, p. 5.
  13. Cunqueiro 1980, p. 48.
  14. Cunqueiro 1980, p. 60.
  15. Cunqueiro 1980, p. 67.
  16. Cunqueiro 1980, p. 78.
  17. Cunqueiro 1980, p. 87.
  18. Cunqueiro 1980, p. 93-94.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]