Evaristo Correa Calderón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Evaristo Correa Calderón
Retrato de Evaristo Correa Calderón por José Gutiérrez Solana 1922.jpg
Nome completoEvaristo Correa Calderón
Nacemento11 de febreiro de 1899
 Baralla
Falecemento11 de xullo de 1986
 A Pobra de Trives
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónprofesor e catedrático
PaiAntonio Correa Fernández
Cónxuxe("2ª nupcias") María Luísa Maldonado Alvarado, VII marquesa de Castellanos e III de Trives.
IrmánsAsunción Correa Calderón e Juan Antonio Correa Calderón
Xénerosnovela, poesía
Influenciasultraísmo, surrealismo
EstudosFilosofía e Letras, sección Historia
editar datos en Wikidata ]

Evaristo Correa Calderón, nado na Pena (Baralla) o 11 de febreiro de 1899 e finado na Pobra de Trives (Ourense) o 11 de xullo de 1986,[1] foi un escritor e xornalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cadro de persoal de Ronsel

Fillo do médico e escritor Antonio Correa Fernández.[2] Fundou en Baralla o semanario El Eco e dirixiu en Lugo El Chiste Semanal e De Todo un Poco, no que publicou os seus primeiros versos. Membro das Irmandades da Fala,

Colaborou en La Idea Moderna, o xornal máis prestixioso de Lugo, cando só contaba con 16 anos.[2] Adheriuse ás Irmandades da Fala, creando a sección de Lugo, e comezou a súa colaboración con A Nosa Terra en 1917.

Ese mesmo ano trasladouse a Madrid para estudar Filosofía e Letras na Universidade Central, que non conseguiu rematar, e somérxese nos ambientes vangardistas do momento, entrando en contacto dende a Residencia de Estudiantes con moitas figuras emerxentes da cultura como Alberti, García Lorca, Buñuel, Maruxa Mallo, Ramón Gómez de la Serna ou Huidobro. Malia estar lonxe, non perdeu o contacto con Lugo pois foi un dos organizadores da I Asemblea Nacionalista,[3] celebrada nesa cidade en 1918 e, mesmo, fundou na capital a "Mocedade Céltiga de Madrid"[4].

En 1923, regresou a Lugo e de 1925 a 1926 converteuse en redactor-xefe de El Pueblo Gallego.[5] Dirixiu Ronsel (1924) e integrouse no Seminario de Estudos Galegos.[6] En 1927, licenciouse en Filosofía e Letras (sección Historia) na Universidade de Santiago de Compostela, e marchou a Tolosa e París (onde entrou en contacto con André Bréton e Louis Aragon e o ambiente surrealista). Neste período, publicou os libros de contos Luar (1923), Conceición singela do Ceo (1925) e Margarida a da sorrisa de aurora (1927) que é o primeiro conto infantil da literatura galega.[4]

Participa en diversos medios periodísticos europeos e americanos e tamén en La Gaceta Literaria, creada por Giménez Caballero no mesmo 1927. Nesta publicación promove un certo "lusitanismo" no que Galicia aparece coma ponte entre España e Portugal.

Rúa Evaristo Correa Calderón do concello de Baralla.

En 1930 ditou un curso de Literatura Española na Universidade de Bucarest. Dende 1931 foi profesor de Lingua e Literatura españolas en diversos institutos de España; en primeiro lugar en Almería, e despois en Lugo (no Instituto Masculino). Alí fundou, en outubro de 1931, co seu irmán Juan Antonio, Vanguardia Gallega (reflexo da ideoloxía republicana). Pasou despois a ser profesor en Santander, As Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Salamanca e Alcalá de Henares, onde se xubilou en 1969, e comezou o seu arredamento da ideoloxía galeguista.

A partir da Guerra civil española, xa en Galicia colaborou cos sublevados e, influído polos seus amigos Euxenio Montes e Filgueira Valverde,[7] desde o primeiro día ingresou na Falange Española[4], e foi xefe local de Prensa e Propaganda de Lugo e redactor-xefe de Escuela Azul.

De seguido, a través de Giménez Caballero integrouse na intelectualidade do réxime franquista. Euxenio Montes facilitoulle comezar a colaborar con ¡Arriba! e despois uniuse ao chamado grupo de Escorial integrado por Dionisio Ridruejo e José María Alfaro. Colaborou no libro Laureados de España (1939) con "Honra del bien morir".

Dende ese momento adicouse á crítica literaria de autores clásicos españois e non volveu escribir en galego. Desde finais da década de 1940, xa residindo en Salamanca, colaborou con Fernando Lázaro Carreter na redacción de libros de texto e na creación da Editorial Anaya. Entre a súa obra en castelán salientan os ensaios Arte Métrica (1938), Baltasar Gracián: su vida y su obra (1970), as edicións críticas de Baltasar Gracián e as novelas La noche céltica (1955) e De aquí a la primavera: novela de la montaña gallega (1983). Esta última, comezáraa a traducir en 1986 ao galego por influencia de Ramón Piñeiro e Isaac Díaz Pardo.[4]

Obras[editar | editar a fonte]

Imaxes externas
Fotografía 1
Fotografía 2
  • Luar. Contos galaicos (1923).
  • Conceición singela do ceo (1924).
  • Poemas (1925).
  • Margarida a da sonrisa da aurora (1927). Editorial Nós.
  • Ontes (1928)
  • Índice de utopías gallegas (1929).
  • Intuición del Romanticismo (1934).
  • Arte Métrica (1938)
  • Los costumbristas españoles (1950).
  • La noche céltica (1955).
  • Teoría de la Atlántida y otras historias fabulosas (1959).
  • Cómo se comenta un texto literario (1965). Con Fernando Lázaro Carreter.
  • Baltasar Gracián. Su vida y su obra (1970).
  • Registro de arbitristas, economistas y reformadores españoles (1500-1936) (1981).
  • De aquí a la primavera (1983).

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María de la Asunción de Polanco Drake de la Cerda, que morreu en 1937 con 26 anos, e coa que tivo unha filla, María Asunción Correa de Polanco.[8] Volveu casar con María Luísa Maldonado e Alvarado, VII marquesa de Castellanos e III de Trives.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 13-7-1986, p. 19.
  2. 2,0 2,1 "Personalidades". Sitio oficial do Concello de Baralla. Consultado o 22-10-2017. 
  3. Xulio Pardo de Neyra: "A asemblea nacionalista de Lugo ou a historia dunha inexactitude" Praza Pública, 18/11/2013.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Pardo de Neyra, Xulio (03/10/2002). "Evaristo Correa Calderón: vangardismo e galeguismo". Vieiros.com. Consultado o 24-10-2017. 
  5. "Evaristo Correa Calderón". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 24-10-2017. 
  6. "Evaristo Correa Calderón". Almanaque das Irmandades. Arquivado dende o orixinal o 23-10-2017. Consultado o 22-10-2017. 
  7. Pardo de Neyra, Xulio. "Evaristo Correa Calderón". Album das Irmandades da Fala. Consello da Cultura Galega. Consultado o 24-10-2017. 
  8. El Progreso, 2-3-1937, p. 6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]