Alfar (1923)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio da rúa Real da Coruña no que estaba a redacción da revista.
Inscrición en lembranza da revista Alfar.

Alfar foi unha revista editada na Coruña entre 1923 e 1954.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Continuadora da Revista de Casa América-Galicia, comezou no número 32, en setembro de 1923. Publicación de creación e de vangarda estaba dirixida por Julio José Casal. Mantivo o carácter literario da publicación anterior e comezaron a aparecer colaboracións de Vilar Ponte, Gabriela Mistral e Juana de Ibarbourou, procurándolle á revista o carácter de fusión entre a arte galega e hispanoamericana.

Entre os seus colaboradores estiveron as figuras principais do ultraísmo (Guillermo de Torre, Pedro Garfias, Jorge Luis Borges, Francisco Vighi, Benjamín Jarnés), figuras das xeracións de 1898 e 1910 (Miguel de Unamuno, Machado e Manuel Machado, Eugeni d'Ors, Rafael Alberti) e outros independentes como Max Aub, Oliver Selmás, José Bergamín. Destacou polo valor das súas colaboracións no aspecto gráfico, publicando gravados e ilustracións de Pablo Picasso, Salvador Dalí, Pazkiewiez e Esplandiú. O núcleo vertebrador constituíano os intelectuais galegos (especialmente coruñeses) que defendían o sentido do europeísmo artístico e literario sen esquecer o enraizamento galego.

Foi unha das primeiras publicacións españolas que falou do surrealismo e do creacionismo, publicando os traballos de Guillermo de Torre. Nas súas páxinas había espazo tamén para as literaturas canaria e catalá e, aínda que traducidos ao castelán, tamén apareceron poetas portugueses.

Julio José Casal deixou a dirección despois do número 60, en 1926, e foi substituído por Juan González de Valle. Tres anos despois Julio José Casal volveu facerse cargo da dirección, na que estivo ata o seu falecemento en 1954 (ano da publicación do número 91 da revista, o derradeiro, no Uruguai).

Edicións facsímiles[editar | editar a fonte]

En 1983 Edicións Nós da Coruña realizou un facsímile de Alfar, baixo a dirección de César Antonio Molina, concibido en cinco tomos e do que o quinto non chegou a publicarse debido a problemas económicos. Un ano despois, Sotelo Blanco Edicións encargouse de publicar completa a edición facsímile.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]