Montpellier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Montage photo montpellier.jpg

Montpellier é unha cidade francesa con máis de mil anos de historia e cunha arquitectura que mestura o antigo e o moderno. É a capital do departamento Hérault e da rexión francesa do Languedoc-Rosellón. O nome Montpellier provén de mont pelé, o monte pelado, en función da súa escasa vexetación.

O concello ten censados 257.351 habitantes (2010), ascendendo a 542.867 ao se incluír toda a rexión metropolitana que a circunda. É a oitava cidade máis poboada de Francia (poboación intra-muros), mentres que a rexión metropolitana sería a décimo quinta. É unha das poucas cidades francesas de máis de 100.000 habitantes que medrou sen interrupción nos últimos cincuenta anos.

Está situada nun importante eixo de comunicación: España cara o oeste, Italia cara o leste e o val do Ródano cara o norte. Está moi próxima do Mediterráneo (13 km) e do importante porto de Sète (30 km). Outras cidades próximas de importancia son Marsella, Tolosa ou Barcelona.

Dous pequenos ríos atravesan Montpellier: o Lez no leste e o Mosson no oeste. Ademais un regacho (o Verdanson) cruza a cidade e vai desembocar no Lez no barrio da Pompignane. A paisaxe de Montpellier está marcada polo pico Saint-Loup (658 m), situado a uns 25 km ao norte da vila e visible dende numerosos puntos.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Montpellier