Antoni Gaudí
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Antoni Gaudí Cornet foi un arquitecto catalán nado en Reus ou en Riudoms (Cataluña) o 25 de xuño de 1852. Pódese dicir que Antoni Gaudí foi un dos máis importantes e orixinais arquitectos da historia. O seu estilo, moi complexo de clasificar, pódese definir como unha mestura entre o Art Nouveau (modernismo) e o Neogótico, aínda que elementos cubistas e surrealistas en xeral atópanse nalgunhas das súas obras. Católico confeso, moi reservado e profundamente catalanista, morreu o 10 de xuño de 1926 despois de ser atropelado por un tranvía na cidade de Barcelona, lugar onde se atopaba a traballar na súa derradeira obra, o Templo expiatorio da Sagrada Familia.
Índice |
[editar] A súa formación
Fixo os seus estudos de bacharelato nas Escolas Pies de Reus. Logo de rematar no Instituto trasladouse á cidade de Barcelona para estudar no Instituto de Ensino Medio e na Facultade de Ciencias. Neste tempo Antoni moraba co seu irmán en réxime de alugueiro nun barrio de Barcelona, preto da Igrexa de Santa María, a cal lle inspiraría partes do seu traballo posteriormente. Logo da súa estadía na Facultade de Ciencias, aprobou o exame de ingreso na Escola provincial de Arquitectura de Barcelona, onde se graduou en 1878, obtendo o título de Arquitecto.
[editar] Desenvolvemento
A súa vida profesional tivo lugar na meirande parte en Barcelona, cidade na que vivía por aquel entón. A primeira etapa da súa formación coincidiu cunha situación social caracterizada por un grande desenvolvemento económico e urbanístico da cidade. A puxanza dunha clase media con interese de parecerse ás tendencias da Europa naquel momento e o fenómeno da Renaixença fixeron de bos ingredientes para a imaxinación e orixinalidade do arquitecto.
Non debemos esquecer a grande influencia do seu colaborador, o tamén arquitecto J.M. Jujol, do cal provén, entre outras cousas, a característica tipografía que podemos observar nas obras gaudinianas.
[editar] A familia Güell
A vida e obra de Gaudí estiveron amplamente ligadas á familia Güell, de grande importancia e prestixio tanto no económico coma no artístico. O Conde Güell fixo de mecenas para un novo Gaudí, encomendándolle moitos dos seus edificios máis representarivos e coñecidos, como por exemplo o Palau Güell, a Cripta da Colonia Güell e o arquicoñecido Parc Güell entre outros traballos.
[editar] Familia e Relixiosidade
O propio Antoni estaba moi ligado á súa familia: de seu pai e de seu avó aprendeu parte do oficio de traballar o ferro, o cal usaría nalgunhas das súas obras, facendo extraordinarios elementos de carpintaría. Moi afectado pola morte dos seus pais e logo a morte de seu irmán, Gaudí foise facendo cada vez máis introvertido, concentrándose só no seu traballo e estudo. Fixo moita amizade cos altos cargos da Igrexa española daquel momento, sendo íntimo amigo do arcebispo de Astorga, onde pasou unha tempada da súa vida e onde se ocupou do deseño do Pazo Episcopal. Pero non foi esta a súa única obra dedicada á Igrexa, a Cripta da colonia Güell, a reforma da catedral de Mallorca e o colexio de Santa Teresa foron feitas pola práctica dunha das súas obsesións en vida, o Catolicismo.
[editar] Principais proxectos
- Barcelona
- A Sagrada Familia
- Palau Güell
- Parc Güell
- Casa Milá
- Casa Calvet
- Casa Vicens
- Casa Batlló
- Bellesguard
- Colexio Santa Teresa
- León
- Pazo Episcopal (Astorga)
- A casa Botines
- Mataró
- Cooperativa Obrera
- Comillas, Cantabria
- O Capricho
- La Pobla de Lillet
- Xalet de Catllaràs
- Xardíns Artigas
[editar] Curiosidades
O ano 2002 foi o ano Internacional dedicado Gaudí
[editar] Ligazóns externas
- Páxina web sobre Gaudí (en catalán, inglés e castelán)
- Taller de Escultura Luís Gueilburt-Colección Antoni Gaudí
- Gaudi 2002, páxina adicada á conmemoración do ano Gaudí.
- Cronoloxía completa e artigo sobre Gaudí