Rambla de Catalunya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rambla de Catalunya.

A Rambla de Catalunya é unha das vías máis céntricas de Barcelona que discorre pola dereita do Eixample en dirección mar-montaña entre o Paseo de Gràcia e a rúa de Balmes.

Nace na plaça de Catalunya e acaba na Avenida Diagonal. É un paseo basicamente comercial onde abundan as tendas de moda. Na actualidade hai dúas salas de cine: o Club Coliseum e o Alexandra, que integra diversas salas e a pequena sala Alexis. No pasado no número 3 atopábase o desaparecido Teatro Barcelona, e outros cines foron desaparecendo co tempo, como o Alcázar.

É a continuación das populares Rambles cara ao Eixample e exceptuando o primeiro tramo (pl. Catalunya - Gran Via), onde hai un aparcadoiro subterráneo, o resto ten un magnífico paseo central bordeado de tilos cunha escultura en cada extremo: O touro sentado na esquina coa Gran Via e A xirafa coqueta xunto á Diagonal. As dúas esculturas son obras de Josep Granyer.

No número 126, xunto á rúa de Córsega, atópase a casa Serra, edificio modernista do arquitecto Josep Puig i Cadafalch, actual sede da Deputación de Barcelona.

No ano 1990 foron ampliadas as beirarrúas laterais e rehabilitado todo o paseo central.