Marca Hispánica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa con todos os condados da Marca hispánica e Vasconia.
Outra versión da Marca hispánica en 814.
Os reinos cristiáns e de Taifas, en 1030.

A Marca hispánica era o territorio comprendido entre a fronteira político-militar do Imperio carolinxio co Al-Andalus e os Pireneos, desde finais do século VIII ata a súa independencia efectiva en diversos reinos e condados. A diferenza doutras marcas carolinxias, a Marca hispánica non tiña unha estrutura administrativa unificada propia.

Tras a conquista musulmá da Península Ibérica, os carolinxios interviñeron no nordés peninsular a fins do século VIII, co apoio da poboación autóctona das montañas. A dominación franca fíxose efectiva entón máis ao sur tras a conquista de Xirona (785) e Barcelona (801). A chamada «Marca Hispánica» quedou integrada por condados dependentes dos monarcas carolinxios a principios do século IX. Para gobernar estes territorios, os reis francos designaron condes, uns de orixe franca e outros autóctonos, segundo criterios de eficacia militar na defensa das fronteiras e de lealdade e fidelidade á coroa.

O territorio gañado aos musulmáns configurouse como a Marca Hispánica, en contraposición á Marca Superior andalusí, e ía de Pamplona ata Barcelona. De todos eles, os que alcanzaron maior protagonismo foron os de Pamplona, constituído no primeiro cuarto do século IX en reino; Aragón, constituído en condado independente en 809; Urgell, importante sede episcopal e condado con dinastía propia desde 815; e o condado de Barcelona, que co tempo converteuse en hexemónico sobre os seus veciños, os de Osona e Xirona.