Lluís Domènech
Lluís Domènech i Montaner, nado o 21 de decembro de 1850 e finado o 27 de decembro de 1923, foi un político e arquitecto catalán que destacou polas súas obras edificadas en estilo modernista catalán.
Índice |
[editar] Traxectoria
Naceu en Barcelona e aínda mozo manifestaría o seu interese pola arquitectura. Estudou a carreira de arquitectura, ocupando posteriormente unha cátedra no Colexio de Arquitectura de Barcelona. Desde ese cargo exerceu unha influencia considerábel sobre como debía ser o modernismo en Cataluña. Escribiu un artigo titulado En busca d’una arquitectura nacional, publicado na revista La Renaixença (O Renacemento), que marcou o camiño cara a unha arquitectura moderna e nacional catalá.
[editar] Político
En 1892 presidiu a asemblea que redactou as Bases de Manresa, documento que puña os alicerces para a devolución das Constitucións catalás.
[editar] Arquitecto
Como arquitecto, Domènech realizou edificios nos que se combina unha racionalidade estrutural con elementos ornamentais extraordinarios, inspirados nas correntes arquitectónicas hispano-árabes e nas liñas curvas propias do modernismo. No actual Museo de Zooloxía, construído orixinariamente como restaurante (El castell dels 3 dragons: O castelo dos tres dragóns) con motivo da Exposición Universal de 1888, en Barcelona, Domènech utilizou estruturas de ferro a vista e cerámica, técnica que máis tarde, en 1908, perfeccionaría no Palau de la Música Catalana (Pazo da Música Catalá). Este edificio, e os que proxectou posteriormente, incorporan unha profusión de mosaicos, cerámicas e vidro, policromados, dispostos con exquisita harmonía, que lles confiren un aspecto grandioso.
Contrariamente a outros arquitectos do modernismo, Domènech tendeu co paso do tempo a realizar edificios máis lixeiros, eliminando material nas estruturas, pero mantendo a ornamentación como elemento de primeira orde.
Domènech i Montaner faleceu en Barcelona aos 73 anos de idade.
[editar] Obras destacadas
- Hospital de Sant Pau (Barcelona).
- Palau de la Música Catalana (Barcelona).
[editar] Outras obras importantes
- Casa Fuster (Barcelona).
- Casa Lamadrid (Barcelona).
- Casa Lleó Morera (Barcelona).
- Casa Thomas (Barcelona).
- Museo de Zooloxía (Barcelona).
- Editorial Montaner i Simón (Barcelona).
- Pazo Ramon Montaner (Barcelona).
- Ateneo Obreiro (Canet de Mar, Barcelona).
- Castelo de Santa Florentina (Canet de Mar, Barcelona).
- Casa Roure (Ca la Bianga) (Canet de Mar, Barcelona).
- Restaurante La Misericòrdia(Canet de Mar, Barcelona).
- Casa Solà Morales (Olot, Girona).
- Casa Gasull (Reus, Tarragona).
- Casa Navàs (Reus, Tarragona).
- Casa Rull (Reus, Tarragona).
- Instituto Pere Mata (Reus, Tarragona).
- Grand Hotel (Palma).
- Cemiterio de Comillas (Cantàbria).
- Fonte dos Tres canos (Comillas, Cantàbria).
- Universidade Pontificia (Comillas, Cantàbria).