Sant Andreu de Palomar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A praza Orfila, coa igrexa de Sant Andreu de Palomar ao fondo.

Sant Andreu de Palomar é un barrio do distrito de Sant Andreu de Barcelona. Foi o principal núcleo do antigo municipio de Sant Andreu de Palomar, anexionado a Barcelona en 1897 e que ocupa boa parte dos actuais distritos de Sant Andreu e Nou Barris. Ten unha superficie de 174 hectáreas e conta cuns 50.000 habitants. Os seus límites son: a rúa Rovira i Virgili, antiga Riera d'Horta, o paseo de Santa Coloma, a avenida Meridiana, e as vías de ferrocarril.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira noticia escrita data de 992, ano no que se asina un documento de permuta dunha herdanza e no que se menciona un lugar chamado Palomar. No ano 1034 aparecen xuntos os nomes de Sant Andreu (Santo André), patrón da parroquia, e Palomar (Pombal). Os límites do antigo pobo de Sant Andreu de Palomar discorrían polo río Besòs ata a Serra de Collserola, e de Montcada i Reixac ao norte ata Sant Martí de Provençals ao sur. A Riera de Horta era a división co municipio veciño de Sant Martí. Situado nunha chaira fértil, a súa actividade principal era a agricultura. O regadío era posible grazas ao Rec Comtal, canle que cara ao ano 954 fixo construír o conde Miró I para conducir a auga desde Montcada ata Barcelona. Durante os séculos XI, XII e XIII constitúese un primeiro núcleo de vivendas ao redor da igrexa.

No século XVI xa se pode falar de masías diseminadas pola demarcación do pobo de Sant Andreu de Palomar. O campesiñado de Sant Andreu orixinouse a partir do arrendamento ou cesións de terras, por parte dunha clase media organizada. Co tempo fóronse conformando as diferentes rúas ao redor da rúa Maior, antiga vía romana. A industrialización que tivo lugar a finais do século XIX e principio do século XX fai que se establezan en Sant Andreu empresas importantes, como a téxtil Fabra y Coats, La Maquinista, Fabricación Nacional de Colorantes, e unha gran cantidade de empresas pequenas e de talleres.

Na data 20 de abril de 1897 a Raíña Rexente María Cristina, case por sorpresa, asina o «Decreto de Agregación» que anexionou o pobo de Sant Andreu do Palomar ao municipio de Barcelona, como a moitos outros pobos por un real decreto asinado en Madrid. Nesta anexión tamén se viron afectados os municipios de Gràcia, Sants, Les Corts, Horta, Sant Martí, Sant Gervasi de Cassoles e posteriormente Sarrià.

En 1995 recuperáronse as instalacións da fábrica Fabra y Coats para centro cultural do barrio. Son 6.000 metros cadrados en catro pisos de planta rectangular onde se sitúa ademais a nova biblioteca.

É coñecida a iniciativa asociativa do barrio, principalmente na contorna de entidades de aire deportivo, como a Unió Esportiva Sant Andreu, que conta co Estadio Narcís Sala con capacidade para 15.000 espectadores e o Club Natació Sant Andreu. O antigo local do "Ateneo Obreiro de Sant Andreu" alberga actualmente a sede da Agrupación Ferroviaria de Barcelona.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sant Andreu de Palomar