DNI

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
DNI

O DNI (Documento Nacional de Identidade) é unha tarxeta plastificada ou de policarbonato onde se detalla o nome e apelidos do titular, data de nacemento, dirección, proxenitores, xénero, dirección de residencia, localidade e provincia de nacemento, e contén unha fotografía e un número de identificación formado por 8 cifras máis unha letra de control. É obrigatorio posuílo a partir dos 14 anos, aínda que pode solicitarse dende os 3 meses de idade. Xeralmente chámase NIF a esta combinación de números e letra, e DNI só aos números. O DNI é suficiente para viaxar e inscribirse coma residente nos países membros da Unión Europea. Tamén serve para viaxar a Islandia, Noruega e Suíza e outros países europeos coma Andorra, Liechtenstein, Mónaco ou San Mariño.

O DNI expídese nas oficinas da Policía Nacional. Cada oficina de expedición recibe un lote de números que vai asignando de forma correlativa á súa petición. Ata os 30 anos, o DNI ten validez por 5 anos. Dos 30 aos 70 anos, ten validez por 10 anos, sendo permanente a partir dos 70 anos.

A partir do 2006 comezouse a implantar a evolución lóxica do DNI tradicional ao DNI electrónico, que se diferencia do tradicional por un chip que permite garantir a identidade da persoa que leva a cabo as xestións e transaccións electrónicas que se realicen con el. O desenvolvemento do proxecto técnico do DNI electrónico supuxo unha importante inversión, cofinanciada polos ministerios de Industria e Interior. A comezos de 2006 abriu a primeira oficina piloto de expedición do DNI electrónico en Burgos, mentres que a implantación a nivel nacional desenvolveuse ó longo do 2006.

A dotación presupostaria para asegurar a financiación do proxecto do período 2005-2009 a través do Ministerio do Interior ascende a 63 billóns de euros. Amáis os Ministerios de Interior e o de Industria asinaron un acordo de colaboración o 7 de xullo de 2005 para asignar un importe de 11 millóns de euros para os anos 2005-2006[1].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]