Monte Tibidabo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°25′21″N 2°07′07″L / 41.4225, 2.1186111111111

Vista do Tibidabo á tardiña.

O Tibidabo é o pico máis alto da Serra de Collserola, no municipio de Barcelona, cunha altitude de 512 metros. É popular polas súas vistas sobre a cidade e polos seus espazos naturais, que son usados con fins recreativos.

Historia[editar | editar a fonte]

A montaña do Tibidabo comezou a ser urbanizada a finais do século XIX, por iniciativa do doutor Salvador Andreu, propietario dun laboratorio farmacéutico que producía as famosas "Pastillas do Dr. Andreu". A principios do século XX abriuse a Avinguda del Tibidabo, que rapidamente se converteu en zona da clase alta barcelonesa, balizándose de belos edificios de estilo modernista construídos polos mellores arquitectos da época. En 1901 construíuse o Tramvia Blau, que transcorría ao longo da Avinguda del Tibidabo ata o pé do funicular que sobe á montaña.

Edificacións[editar | editar a fonte]

Templo Expiatorio do Sacro Corazón.

Na cima do Tibidabo atópanse varios edificios, entre os que destaca o Templo Expiatorio do Sacro Corazón. Esta igrexa, debido ao seu deseño e a súa localización no alto da montaña, e por suposto o seu nome, recordan á Basílica do Sacré Cœur do barrio parisiense de Montmartre.

O Parque de Atraccións do Tibidabo data de 1899 e iso convérteo nun referente histórico da cidade, xa que é o primeiro parque de atraccións de España e un dos máis antigos de Europa. Con todo, soubo adaptarse ao paso do tempo adecuando a súa oferta ás novas xeracións, pero conservando sempre a súa singularidade de parque familiar e potenciando o seu carácter educativo.

Torre de Collserola.

A Torre de Collserola, unha moderna antena de telecomunicacións deseñada por Norman Foster e inaugurada en 1992 con motivo dos Xogos Olímpicos de 1992, e que conta cun miradoiro na súa cima. Ten 268 m de altura e está situada no turó de Vilana (Vallvidrera).

O pavillón de Ràdio Barcelona, pequena obra racionalista construída entre 1926 e 1929 polo arquitecto Nicolau Maria Rubió i Tudurí. Constitúe o primeiro exemplo de racionalismo arquitectónico e a primeira emisora de radio que funcionou en España.

O hotel Florida, de cor branca e visible por toda Barcelona, inspirado na arquitectura americana dos anos vinte. Construído en 1925 polo arquitecto Ramon Reventós, con pinturas no seu interior de Joan Trujols.

A Torre Pastor de Cruïlles, edificio inspirado na arquitectura tradicional, proxectado polo arquitecto Josep Puig i Cadafalch en 1908. De cor gris escuro e unha torre cadrada nunha das súas esquinas (á beira da estrada).

A Torre de les Aigües de Dos Rius, segundo un proxecto do arquitecto Josep Amargós i Samaranch de 1902. É cilíndrica, de ladrillo e pedra natural coroado por unha cúpula semiesférica que contén o depósito de auga.

Tamén cabe destacar o Observatorio Fabra e o encoro de Vallvidriera.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]