Casa Batlló

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada da Casa Batllò

A casa Batlló é unha obra feita polo arquitecto Antoni Gaudí, máximo representante do modernismo catalán. Está no Paseo de Gracia barcelonés, na coñecida por aquel entón como “a mazá da discordia” dende 1904 ata 1906. Foi unha reforma dun inmoble xa feito e baixo a encarga do empresario Joseph Batlló i Casanovas, pertencente a unha das máis importantes familias traballadoras no téxtil da Barcelona. O deseño deste edificio dedicado a residencias foi concibido nun momento especial para o arquitecto, un intre no que Gaudí se afastou do termo Modernista, xa que a Igrexa Católica o rexeitou e isto era moi importante para el. Dise que Gaudí por aquel tempo só quería ser Gaudí.

A Casa Batlló non só é un logro da arquitectura, senón tamén das relevantes obras de artesanía que hai no seu interior. Feita a partir dunha estrutura xa existente, só conserva dela os muros de carga. O colorido e a imaxinación do arquitecto atópanse por tódalas partes, desde a súa orixinal fachada ata a sinuosa cuberta simulante dunha pel de peixe, desde a ampla escaleira de veciños ata os balcóns de ferro forxado, toda unha xuntanza de incríbeis pormenores, na que tanto destaca o seu exterior como o seu interior.

A Casa Batlló foi feita nun momento dunha gran madurez do arquitecto. Nela pódense atopar recoñecíbeis trazos da súa obra, como a ausencia de liñas rectas na fachada, aínda que sempre garda unha simetría, ou o uso da técnica do trecandís. Unha vez máis pódense ver as grandes aplicacións que fai da cor, como no Parque Güell, ou como o dominio estrutural xa ensaiado noutras obras do pasado.

É, sen dúbida, unha das obras máis afamadas e recoñecíbeis do arquitecto catalán, unha obra que non deixa indiferente a ninguén e imprescindíbel para intentar achar e comprender a súa complexa e singular personalidade

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Casa Batlló