Claudio II o Gótico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Claudio II o Gótico
Nacemento10 de maio de 214 e 214
Lugar de nacementoSremska Mitrovica
Falecemento270
Lugar de falecementoSirmium
Causapeste
NacionalidadeRoma Antiga
Relixiónrelixión na Roma antiga
Ocupaciónpolítico e militar
FillosClaudia Crispina
IrmánsQuintilo, Crispus e Claudia Constantina
editar datos en Wikidata ]
Claudio II nun antoniniano da ceca de Mediolanum que conmemora a súa equidade (AEQUITAS AUGUSTI)

Marcus Aurelius Claudius Augustus (Iliria, Sirmium, 10 de maio de 214 - xaneiro de 270) foi un emperador romano. Naceu no seo dunha prestixiosa familia e distinguiuse axiña na defensa do paso das Termópilas no ano 250, ao nomealo o emperador Decio para esa tarefa pola invasión dos godos.

Baixo o emperador Valeriano, foi nomeado gobernador de Iliria e sostivo a súa provincia ceibe dos ataques dos bárbaros durante dez anos, converténdose deste xeito nun dos mellores xenerais do emperador Galieno, e o Senado agradecido levantoulle estatuas ó seu favor en Roma.

Durante a rebelión de Aureolo, Galieno morreu asasinado nunha conxura no sitio de Milán e parece ser que Claudio permitiu ese asasinato e en setembro do 268 é nomeado emperador polo Senado, despois de ser aclamado polas tropas.

O seu reinado[editar | editar a fonte]

Tivo dous labores no seu reinado. Unir de novo o imperio e devolvelo ao seu territorio orixinal e a loita contra os invasores bárbaros.

Despois de rematar coa rebelión de Aureolo, en parte para loitar contra os alamáns, que invadiran Italia. Vénceos nas ribeiras do lago Garda, preto de Verona.

A máis formidable ameaza contra o Imperio vén o ano seguinte, o 269 coa invasión dos godos de Macedonia, onde se xuntou un exército de máis de 300.000 homes. Claudio venceunos en Naissus, actual Niš na Dardania. Nun só día morreron máis de 50.000 godos, fixo numerosos prisioneiros e a cabalaría goda quedou destruída polo xeneral Aureliano, quen despois sería emperador. O máis salientable é que os godos se retiraron máis aló do Danubio e non volveron ser unha ameaza para o imperio durante un século. Esta vitoria, unha das maiores das armas romanas, valeulle o sobrenome de Gótico, co que pasaría á historia.

Tamén loitou contra o Imperio Galo, que quedara moi debilitado trala morte de Póstumo. Atacou e tomou o control da Galia Narbonense así como da Hispania, que estaba en total indefensión, despois de ser invadida polos francos e caer nas súas mans pola escasa defensa e a inexperiencia dos lexionarios dos emperadores galos.

No Oriente, a muller de Odenato, Zenobia, xa había uns anos que se declarara independente de Roma. A finais do 268 enviou os seus xenerais Timaxenes e Zabadas para tomar Siria, Exipto e Asia Menor.

No seu reinado, Claudio II prohibiu os matrimonios dos seus soldados, para se dedicar só a defensa sen ter outras responsabilidades. Pero Valentín, un crego cristián, casábaos ás agachadas e foi descuberto. Claudio mandou decapitalo. A execución ó parecer foi o 14 de febreiro do 269 polo que, cando a súa santificación, se lle adxudicou este día no santoral. A este santo tan popular dedícaselle o día dos namorados.

Morte[editar | editar a fonte]

En maio do 270, Claudio II atópase en Pannonia, preparando unha expedición contra Oriente, cando caeu enfermo da peste que decimara os godos. Morreu en Sirmium, despois de recomendar o seu mellor xeneral, Aureliano, para a púrpura imperial.

O seu irmán, Quintilo, usurpou o poder pouco despois da súa morte, pero Aureliano foi recoñecido e vitoreado polas lexións e o Senado, sendo nomeado emperador no 270.

Foi un dos emperadores máis queridos polo pobo romano, xa que axiña foi deificado como Divus Claudius Ghoticus.

Imperio Romano

Segue a:
Galieno
Claudio II o Gótico
Precede a:
Aureliano
Anarquía militar