Mosaico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosaico romano (s. III-IV) procedente das escavacións arqueolóxicas na Praza de San Domingos (Lugo).

Un mosaico é unha composición decorativa ou artística, confeccionada con pequenas pezas de vidro, cerámica, pedra etc., de cores variadas, que van unidas a unha base formando figuras.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Empregouse na cidade asiria chamada Nínive. Púidose ver que decoraban as paredes e as columnas con pequenos anacos de arxilas de cores debuxando formas xeométricas.

Todos os pobos antigos fixeron incursión nesta arte tanto na antigüidade clásica como na de Mesoamérica. Na antigüidade clásica chegou a ser un produto moi elaborado e de grande luxo coa cultura helenística, na que se comezaron a realizar obras máis elaboradas con temas complexos e episodios da vida cotiá e da mitoloxía. Os materiais empregados tamén foron máis ricos (mármore, vidro, ónice). A arte do mosaico adquire a súa difusión na época do Imperio romano.

No mundo europeo foi moi frecuente e dende moi temperán (dende finais do século V a.C.) o pavimento composto por pequenas pedras apañadas nos ríos de tamaños e de cores distintas. Con estas pedras facíanse debuxos sinxelos de temas xeométricos. Nos pobos de Castela e León (en España) seguiron a través dos séculos esta tradición para os patios. É o que chaman enguijarrado.

Este sistema de pavimentación púidose ver claramente nas casas de Olinto (Olynthos), antiga cidade grega da rexión de Macedonia na península Calcídica, que foi destruída por Filipo II de Macedonia no ano 348 a. dC., e nas cidades de Pella e Corinto. As escenas representadas con estes pelouros adoitan ser do mundo mariño, do repertorio homérico e do culto a Dioniso.

Ao longo da historia da humanidade a arte do mosaico foise desenvolvendo e enriquecéndose, adquirindo o estilo e os materiais axeitados a cada época.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]