Casa Vicens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa Vicens

A Casa Vicens é unha vivenda unifamiliar deseñada polo arquitecto Antoni Gaudí e construída por Manuel Vicens entre os anos 1883 e 1888. Foi o primeiro deseño de Gaudí, considerado tamén a súa primeira realización arquitectónica, e está situada na Carrer de les Carolines, 18-24, no Barrio de Gràcia da Barcelona.

No tempo da súa construción a Casa tiña un amplo xardín, unha fonte e unha glorieta, pero agora debido ao ensanchamento da rúa atópase encaixoada por outras edificacións. Este temperán proxecto amosa moitas influencias, sendo a máis notabel a Mudéxar, moi evidente na parte alta da casa onde as torres lembran os miraretes dos templos musulmáns. A obra está construída de pedra espida, ladrillos vermellos, tellas coloreadas, e reixas e celosías de ferro forxado, nas que os motivos principais son as flores de palmito e xirasol. Ao ser un dos seus primeiros proxectos, aínda non aparecen nel as liñas curvas tan típicas e coñecidas da arquitectura gaudiniana, senón que a liña recta é predominante en todo o edificio. Os ladrillos e as tellas viñan da fábrica de cerámica da que era dono Manuel Vicens, empresario que tivo algunhas dificultades económicas durante a construción e por iso o remate se prolongou un pouco máis do acordado.

Esta primeira obra de Gaudí non só amosa a relación entre a natureza e a arquitectura, senón que, debido ao momento no que foi feita, supón unha referencia para os vindeiros arquitectos modernistas cataláns e unha gran contribución para o estilo internacional que máis tarde se coñecería como Art Nouveau.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]