Turín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 45°4′0″N 7°42′0″E / 45.06667°N 7.70000°E / 45.06667; 7.70000

Turín
Torino (en italiano)
Turin (en piemontés)
Flag of Turin.svg Turin coat of arms.svg
Turin monte cappuccini.jpg
Panorámica da cidade
Situación xeográfica
Turín en Italia
Turín
Turín
País Italia Italia
Rexión Piemonte
Provincia Provincia de Turín
Xeografía
Altitude 239 msnm
Superficie 130.17 km²
Poboación
Poboación 911.823 hab. (2012)
Densidade 9.000 hab/km²
Xentilicio Turinés/esa [1]
Información
Código postal 10100, 10121-10156
Alcalde Piero Fassino (PD)
Páxina web Páxina oficial de Turín

Turín (Torino en italiano, Turin en piemontés) é unha cidade do norte de Italia, capital da rexión do Piemonte, situada na beira do río Po e rodeada polos Alpes. Como residencia oficial da Casa de Savoia, foi a antiga capital do Ducado de Savoia entre 1562 e 1718, posteriormente capital de facto do Reino de Sardeña entre 1720 e 1861, finalmente foi a primeira capital de Italia entre 1861 e 1865. Cunha poboación de 909.205 habitantes (2009), na actualidade Turín é un importante centro cultural, industrial e comercial.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia urbana de Turín.

Na antigüidade a zona estivo habitada polo pobo dos Taurinos, unha tribo celta-ligur que ocupaba o val superior do río Po. Segundo Polibio a súa capital recibía o nome de Taurasia. A orixe etimolóxica dese nome provén da raíz indíxena Tauro (outeiro). Polibio escribiu que no ano 218 a.C. os taurinos foron atacados por Aníbal, que conquistou Taurasia tras 3 días de asedio.

No ano 27 a.C. estableceuse un campamento romano chamado Castra Taurinorum, que mais adiante sería a colonia de Iulia Augusta Taurinorum. Os romanos identificaron o nome orixinal do pobo coa palabra latina Tauro (boi), animal que pasou a ser o símbolo da localidade ate hoxe. O trazado urban do antigo campamento romano aínda se conserva no centro da actual cidade de Turín. No ano 69 a cidade quedou destruida polo lume durante as loitas entre os exércitos do emperador Otón e os de Vitelio.

Trala caída do Imperio Romano, a cidade pasou polas mans dos ostrogodos e dos longobardos. En 773 foi conquistada por Carlomagno e pasou a ser un condado franco. En 941 creouse a Marca de Turín, un feudo baixo a administración conxunta do Sacro Imperio Romano Xermánico e do antigo Reino de Italia. Durante os séculos XII e XIII foi unha cidade libre, ate que en 1280 pasou ás mans de Savoia.

En 1559, trala Paz de Cateau-Cambrésis, Francia renunciou ás súas aspiracións de facerse con territorios italianos, devolveu Savoia e Piemonte á Casa de Savoia, e a capital do Ducado de Savoia pasou de Chambéry a Turín. Dende entón comezou a medrar na cidade unha arquitectura monumental composta por residencias reais e grandes templos relixiosos. A comezos do século XVIII a cidade foi asediada polo exército francés durante a Guerra de Sucesión española. O asedio rematou coa vitoria local sobre os atacantes. Non obstante, entre 1798 e 1814 os Duques de Savoia estiveron expulsados de Turín polos franceses post revolucionarios, e recluidos no seu Reino de Sardeña.

No século XIX Turín converteuse no motor que impulsou a unidade italiana, e mais adiante foi a primeira capital de Italia baixo o reinado de Víctor Manuel II, precisamente membro da Casa de Savoia. A capitalidade italiana de Turín durou entre 1861 e 1865, pasando despois a Florencia (1865-1871), e finalmente a Roma (1871-hoxe).

Monumentos[editar | editar a fonte]

Mole Antonelliana.

Economía[editar | editar a fonte]

Turín é un centro industrial de primeira orde dentro de Italia. Varias das empresas mais grandes e salientables do país naceron nesta cidade, comezando por Fiat, e seguindo por Lancia, Kappa, Martini & Rossi, Olivetti, Telecom Italia, RAI, Iveco etc. Alfa Romeo tamén ten a súa sede en Turín. A cidade tamén acolle ó grupo bancario Intesa Sanpaolo, considerado o segundo do país en termos de capitalización bursátil.

A industria turística tamén é moi salientable na cidade. O número de turistas que visitan Turín cada ano achégase ós 5'3 millóns (2008). Algúns dos atractivos da cidade para os visitantes son os museos, como o Museo Nacional do Cinema que está na Mole Antonelliana, ou o importante Museo Exipcio de Turín.

Factoría de Fiat en 1928, edificio Lingotto.

Fiat[editar | editar a fonte]

A empresa FIAT (acrónimo de Fabbrica Italiana Automobili Torino) foi fundada o 11 de xullo de 1899 para producir vehículos, e actualmente é o grupo industrial mais grande e importante do país.

O Lingotto, situado na propia cidade de Turín, foi no seu día a maior fábrica de coches do mundo. A fábrica tiña 5 andares. As pezas entraban por abaixo, e a medida que se ían transformando nun coche, avanzaban en espiral polo interior do edificio cara arriba, rematando no último andar cando xa estaba rematado. No canto dun tellado, na súa parte mais alta o edificio ten un circuito oval de probas con curvas peraltadas, de xeito que no seu día os coches rematados xa eran postos a proba no propio edificio. Nos anos 80 o edificio deixou de traballar como fábrica e foi reformado. Actualmente acolle salas de concertos, salas de cinema, tendas, un hotel e un centro de exposicións. O circuito ainda existe no tellado do edificio.

Demografía[editar | editar a fonte]

Turín ten unha poboación aproximada de 909.000 habitantes (2009), o que significa que medrou dende o censo de 2001 (865.263 hab). A razón deste crecemento é a inmigración. Turín acolle a uns 128.000 inmigrantes estranxeiros, dos cales uns 52.000 son romaneses e 20.000 son marroquís. Este recente crecemento na poboación da cidade freou a caída que se levaba producindo dende 1971, cando a poboación de Turín acadou a súa máxima cantidade, 1.167.968 habitantes.

Calcúlase que a poboación da Área metropolitana de Turín é duns 2'2 millóns de habitantes.

Deportes[editar | editar a fonte]

Fútbol[editar | editar a fonte]

O 15 de marzo de 1898 fundouse en Turín a actual Federación Italiana de Fútbol. A cidade conta con dous clubs de fútbol de gran tradición:

En 1933 inaugurouse en Turín o Stadio Comunale (co nome Stadio Benito Mussolini) por mor da celebración do Mundial de Fútbol Italia 1934, cunha capacidade para 40.000 persoas. O estadio acolleu un encontro de oitavos de final e un mais de cuartos de final. Ámbolos dous equipos fixeron dese novo e moderno recinto o seu fogar durante décadas, ate que en 1990 foi inaugurado o novo Stadio delle Alpi con motivo do Mundial de Fútbol Italia 1990, cunha capacidade para 67.411 persoas. Nesa ocasión a cidade acolleu tres encontros da fase de grupos, un mais de oitavos de final e outro de semifinais. Tanto Juventus FC como Torino FC mudáronse ó novo coliseo turinés, pero por pouco tempo. Co gallo da celebración dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2006 foi remodelado o Stadio Comunale, de xeito que ámbolos dous equipos volveron ó seu antigo fogar. Non obstante, a Juventus FC chegou a un acordo para derrubar o Stadio delle Alpi e construír no seu sitio un novo estadio de fútbol, que foi estreado en 2011 co nome Juventus Stadium, de xeito que dende ese ano cada club ten o seu propio fogar por separado.

Torino 2006.

Xogos Olímpicos de Inverno[editar | editar a fonte]

Os Xogos Olímpicos de Inverno do ano 2006 tiveron lugar en Turín entre o 10 e o 26 de febreiro, despois de ser elexida en 1999 polo COI. Este evento no que participaron 2633 deportistas supuxo a remodelación das infraextructuras da cidade (metro, estradas, recintos deportivos, instalacións hoteleiras etc). O Stadio Comunale foi remodelado e modernizado, e mesmo rebautizado como Stadio Olimpico de Torino. Ademais foi construído o Palasport Olimpico, un gran pavillón con capacidade para 18.000 persoas deseñado para acoller as probas de hockey sobre xeo.

Ciclismo[editar | editar a fonte]

A celebración de probas ciclistas ten moita tradición en Turín. Entre 1876 e 2007 disputábase cada ano a clásica Milano-Torino. Dende 1906 vense disputando tamén o Giro do Piemonte polo mes de outubro, proba dun día e 199 quilómetros. É moi habitual que Turín acolla algunha das chegadas ou saídas do Giro de Italia, sendo 2005, 2009 e 2011 os últimos anos nos que houbo unha chegada de etapa na cidade.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para turinés.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Turín

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]