Boiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°38′49″N 8°52′57″W / 42.64694°N 8.88250°W / 42.64694; -8.88250

Boiro
Escudo de Boiro
Concello Boiro dende estrada (5).jpg

Casa do concello.
Situacion Boiro.PNG
Situación
Xentilicio[1] boirense
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca do Barbanza
Poboación 19.144 hab. (2013)
Área 86,6 km²
Densidade 221,06 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Capital do concello Boiro
Política (2011)
Alcalde Juan José Dieste
Concelleiros BNG: 4
PPdeG: 9
PSdeG-PSOE: 2
Outros: IC BOIRO 1 / UP Boiro 1
Eleccións municipais en Boiro
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 98,67%
Na rede
www.boiro.org
alcaldia@boiro.org

Boiro é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Barbanza.

Segundo o IGE no 2013 tiña 19.144 habitantes (19.165 no 2012, 19.106 no 2011, 19.079 no 2010).

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é boirense.

Topónimo[editar | editar a fonte]

A opinión mais estendida entre os especialistas é que o nome de "Boiro" ten o significado de brétema ou néboa... Outra posibilidade é que derive de "Bouro" ou "Bo ouro" facendo referencia á calidade do metal atopado nestes lugares. Por último, dise que debe o seu nome á tribo sueva dos Burios, que asentou nestes lugares.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

O concello de Boiro está situado no sueste da comarca do Barbanza, e ocupa uns 86 km². A capital está a 42º 38' 7" N de latitude, e 8º 52' 7" O de lonxitude.

Orografía[editar | editar a fonte]

A altitude media sobre o nivel do mar é de 32 metros e existe unha estreita franxa litoral na que se asentan a maior parte dos núcleos de poboación. Nos cumios de Fontefría supéranse os 600 metros. A cordilleira do Barbanza atravesa o municipio de norte a sur. Nas áreas montañosas o chan está sometido a continua erosión e son xeralmente pouco propicios para o cultivo debido á súa pendente e escasa profundidade. Na área litoral os chans son máis profundos e ricos en materia orgánica, moi aptos para a agricultura.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

O río máis importante do municipio é o río Coroño, o de maior caudal da serra do Barbanza, que se dirixe de norte a sur e desemboca en Ponte Goiáns. Outros ríos de menor entidade son o Brea, Grande, Barbanza (que desemboca na Pobra do Caramiñal) e o Beluso que nace no monte Muralla, entre Lousame e Rianxo). Todos eles son cursos curtos, que teñen superar desniveis de até 600 metros, debido á proximidade da serra ó mar, polo que teñen un gran poder erosivo.

Costas[editar | editar a fonte]

A costa que bordea o municipio ten uns 37 km de lonxitude. Fundamentalmente é baixa, areosa e salpicada de pequenas agrupacións rochosas. Iníciase na punta de Escarabote e remata na desembocadura do río Beluso.

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo Total (Habitantes) 19.144
Menos de 16 anos 2.863 (14.96 %)
Entre 16 e 64 anos 12.609 (65.86 %)
Máis de 64 anos 3.672 (19.18 %)
Evolución da poboación de Boiro (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 8.953  10.505  12.570  17.288  18.302  18.883  19.106  19.165  19.144
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Evolución da poboación boirense dende principios do século XX ata 2010:

Historia[editar | editar a fonte]

Paleolítico[editar | editar a fonte]

Estudos e achádegos amosan que xa no Paleolítico inferior existía vida humana en Boiro, o que o converte nun dos poboamentos mais antigos de Galicia. No concello de Boiro encóntrase unha das concentracións máis significativas de monumentos megalíticos da comarca, existindo escasos paralelos no resto da comunidade. Os máis soados son O Outeiriño Redondo, A Casota do Páramo, A Arca do Barbanza, Armadoiro, Pedra da Xesta, Cavada Primeira e Segunda, Casarota do Fusiño e A Necrópole da Amañecida.

Idade de Bronce[editar | editar a fonte]

As últimas investigacións que se teñen acometido na Comarca, poñen de manifesto que se trata dunha das zonas con maior presenza de petróglifos. No caso concreto do concello de Boiro, destacan A Cabra de Cubeliño, próximo ó lugar de Quinteiro, na parroquia de San Vicenzo de Cespón. A súa presenza xa foi mencionada nas obras de Castelao sobre As cruces de pedra na Galiza.

Outros conxuntos de gravados da arte rupestre son os situados en Vitres, Macenda, Confurco, Agüeiros, ou os petróglifos de Chan dos Reis ou de Pedra da Bouza, tamén son destacables os de Bealo, amplo conxunto con múltiples representacións cerca da capela de San Ramón de Bealo.

Idade de Ferro[editar | editar a fonte]

Un dos poboados castrexos máis emblemáticos da idade do Ferro galaico son os castros do Neixón, situados na península do mesmo nome, na parroquia de San Vicenzo de Cespón. O conxunto arqueolóxico está formado por dous castros, o Castro Pequeno (VI-IV a.C.) e o Castro Grande (IV a.C.-III/IV d.C.) que foron importantes enclaves de intercambio e comercio de mercadorías. Destaca entre outras moitas circunstancias, por ser un dos castros máis antigos (Castro Pequeno) do NW peninsular. Na actualidade estanse realizando intervencións arqueolóxicas con fins científicos, asumidos polo Instituto Padre Sarmiento, dependente do CSIC; á par estase executando unha posta en valor do sitio, adecuándoo para que sexa visitable; e dotouse dun centro de interpretación nas inmediacións: Centro Arqueolóxico do Barbanza Castros de Neixón.

Outro sitio de interese é o Castro do Achadizo, que se localiza nunha pequena península sita na marxe setentrional da ría de Arousa, a unha altitude de 5 m sobre o nivel do mar; nun lugar ocupado hoxe en día pola vila de Cabo da Cruz. Os traballos de apertura dunha nova rúa en 1991, fixeron que saíra á luz parte das estruturas habitacionais, así como un conxunto importante de restos materiais.

Existe outra serie de asentamentos castrexos na zona de Boiro, como son o Castro de Amoureira ou o Castro de Goritas, pero sen apenas tradición historiográfica, e que non foron intervidos arqueoloxicamente, salvo as prospeccións pertinentes.

Imperio Romano e Idade Antiga[editar | editar a fonte]

As distintas interpretacións feitas sobre a Calzada Romana de Vitres consideran que se trata dun treito da Calzada que formaría parte da vía XX (per loca maritima) do itinerario de Antonino, variante da vía XIX pero situada ao longo da costa atlántica do NW, cunha extraordinaria importancia económica, definida pola intensa actividade mineira, e o extraordinario papel comercial que permitía ter comunicados os núcleos costeiros cos interiores.

As referencias á calzada romana do Monte de Vitres (López Ferreiro) fan alusión ao acuartelamento da Legio VII Victrix no entorno, o que quedaría fixado na toponimia da zona como Castelo de Vitres. Outros anacos desta estrada podemos vela en Belles de Arriba e Belles de Abaixo.

Malia a eiva de datos empíricos nestes intres, é probable que nos atopemos ante unha calzada romana fosilizada ou substituída por un rueiro medieval, atendendo a datos como os restos arqueolóxicos conservados, que manifestan que se trata dun asentamento medieval, así como o topónimo: Castelo. O posible contexto de fundación do Castelo de Vitres sexa finais da Alta Idade Media, momentos que corresponden cunha alta inestabilidade e conflitividade política militar coas invasións normandas, vikingas e sarracenas. Neste contexto adóptanse unha serie de medidas co fin de protexerse destes ataques, e unha delas é a construción dunha serie de torres con fins de vixilancia, protección e defensa contra os asediadores. Como resultado destas medidas constrúense as Torres do Oeste en Catoira, as fortificacións de Ponte Sampaio ou a Lanzada, e posiblemente o Castelo de Vitres, que posúe un amplo control visual sobre parte da ría de Arousa.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Desta época data a división administrativa en parroquias que fixa as súas raíces no reino suevo, que perdura até a actualidade, e que podemos clasificar como parte do patrimonio inmaterial.

En Boiro hai oito parroquias: San Cristovo de Abanqueiro, San Ramón de Bealo, San Vicenzo de Cespón, San Xoán de Macenda, Santa Baia de Boiro, Santa María do Castro, Santiago de Lampón, Santo Andrés de Cures. Cada unha delas dispón dun conxunto monumental impresionante e único, do que dan fe as distintas igrexas, igrexarios e casas reitorais.

A igrexa parroquial de San Cristovo de Abanqueiro é de fábrica románica.

Outra das evidencias da Alta Idade Media en territorios boirense atópase nas inmediacións do núcleo de Abanqueiro, onde se conserva un sartego (sepulcro antropoide) que dadas as características que presenta podería ser máis antigo que a propia fundación do templo de San Cristovo de Abanqueiro, que se estima ao longo do século XIII.

Unha interesantísima testemuña da historia de Boiro é a Torre de Goiáns antiga fortaleza medieval que pertenceu ós Mariño, unha das liñaxes de primeiro rango nobiliario da Costa Galega. Tal vez da mesma época sexa a Torre dos Canónigos no lugar de Cabo de Cruz, hoxe moi desfigurada polas transformacións que sufriu.

S.XVI e sucesivos[editar | editar a fonte]

No século XVI xorden en Boiro pazos e casonas propiedade dunha nobreza fidalga que seguía exercendo o control sobre as comunidades rurais dos seus antigos señoríos. Destacados exemplos son os de Fonteneixe, pazo excepcionalmente restaurado localizado no Camiño Real (Boiro) que posúe unha completa pinacoteca de artistas galegos. Agueiros,pazo que se topa en Abanqueiro tan inmortalizado nos cadros de Roberto González del Branco; o pazo de Vilariño, a casa de Vimieiro e a Granza do Esteiro. Esparexidas por todo o termo municipal podemos atopar un bó número de casas brasonadas: casa da Tenencia (Camiño Real de Boiro), Casa priorado de Cespón...ou mais humildes como as casas asoportaladas no lugar de Abanqueiro que son verdadeiras obras de arte testemuñas de tempos pretéritos.

Arquitectura relixiosa[editar | editar a fonte]

A arquitectura relixiosa tamén ocupa un lugar destacado no patrimonio cultural boirense. Moitas son as igrexas, capelas e ermidas localizadas nestas terras, pero quizais os exemplos máis significativos sexan: a igrexa parroquial de San Vicente de Cespón (que conserva un fermoso baldaquino en pedra, e un valioso retablo barroco que contén un fragmento da tibia de San Vicente), a igrexa parroquial de Santa Baia de Boiro, a igrexa parroquial de San Cristovo de Abanqueiro (un claro exemplo de románico) e a igrexa parroquial de Santiago de Lampón, un fermoso templo románico rural que conserva un antigo retablo barroco dourado e na que se conservan escudos que fan referencia aos Mariño e os señores de Goiáns.

Debemos citar os moitos cruceiros existentes no concello, entre eles destacan o monumental Calvario de Cespón, o altísimo Cruceiro da Magdalena (Lampón), e o de Fonteneixe.

Os máis vellos de Abanqueiro recordan a existencia dun Viacrucis que se estendía dende a igrexa parroquial ata a Capela de Nosa Señora de Exipto, situándose as estacións a ambos lados do camiño. Desgraciadamente non se conserva ningunha destas cruces.

Boiro na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • Na Arousa non hai mozas,/ en Boiro todas son vellas;/ vivan as de San Isidro/ que n’hai mozas como elas. [3]
  • O señor cura de Boiro/ ten a camisa rachada./ Viva o noso de Cespón/ que ten nove na colada.
  • Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón.
  • Viva Boiro, viva Boiro,/ viva Boiro, viva ben./ Viva Boiro, viva Boiro/ e San Isidro tamén.
  • Viva Boiro, viva Boiro,/ viva Boiro, viva ben./ Viva Boiro, viva Boiro,/ Vilagarcía tamén.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Boiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. San Isidro de Posmarcos é unha parroquia de Pobra de Caramiñal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Boiro Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Boiro

Abanqueiro (San Cristovo) | Bealo (San Pedro) | Boiro (Santa Baia) | Castro (Santa María) | Cespón (San Vicenzo) | Cures (Santo André) | Lampón (Santiago) | Macenda (San Xoán)


Concellos da Comarca da Barbanza Comarca da Barbanza
Boiro
Boiro
A Pobra do Caramiñal
A Pobra do Caramiñal
Rianxo
Rianxo
Ribeira
Ribeira