Oroso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oroso
Logo de Oroso
Bandeira de Oroso
Escudo de Oroso
Casa do Concello.
Situación
Xentilicio[1]Orosán
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Ordes
Poboación7.622 hab. (2023)[2][3]
Área72,1 km²[3]
Densidade105,71 hab./km²
Entidades de poboación11 parroquias[4]
Política (2023 [5])
AlcaldeAlexánder Doval Expósito (PP[6])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Oroso
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes57,55%
Na rede
www.concellooroso.com
editar datos en Wikidata ]

Oroso é un concello da comarca de Ordes, pertencente á provincia da Coruña. Segundo o INE en 2022 tiña 7.572 habitantes (7.400 no 2014, 6.987 no 2009, 6.526 no 2006, 6.345 no 2005, 6.155 no 2004, 5.933 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é orosán.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Oroso limita ao norte cos concellos de Ordes e Tordoia, ao sur cos concellos do Pino e Santiago de Compostela, ao oeste co concello de Trazo e ao leste co concello de Frades.[8] Abrangue unha superficie de 72,1 km². A capital do concello é a vila de Sigüeiro, pertencente á parroquia da Barciela. Oroso está adscrito á arquidiocese de Santiago de Compostela (arciprestado de Bama, Barbeiros e Berreo de Arriba) e ao partido xudicial de Ordes.

O concello está situado na marxe dereita do río Tambre, que marca o seu límite meridional co Concello de Santiago. Na litoloxía predominan os materiais xistosos. O monte Costa, de 329 m, na parroquia de Trasmonte, e o Petón, de 375 m, na parroquia de Senra, ambos os dous ó norte e no límite do concello de Ordes, son as máximas cotas. A partir delas o perfil orográfico, lixeiramente ondulado e sen fortes contrastes, vai descendendo gradualmente ata o curso do Tambre, creando unha terra de transición entre as ribeiras deste río e as terras máis altas de Ordes e Mesía.

A zona Entra dentro do clima oceánico húmido. A temperatura media sitúase nos 12,3 °C, o mes máis frío é xaneiro cunha media de 7,1 °C e o máis quente é xullo cunha temperatura media de 18,3 °C e a oscilación térmica é reducida, 11,2 °C. Os invernos non son moi rigorosos e os veráns son suaves, aínda que por influencia continental ocasionalmente prodúcense xeadas nalgúns días. As precipitación son elevadas, xa que acadan os 2.000 mm anuais, produto da chegada, sen ningunha dificultade topográfica dos ventos húmidos oceánicos; ademais, o ascenso en altitude favorece as precipitacións. Non obstante o réxime pluviométrico é irregular, cun máximo no inverno e un mínimo irregular no verán, onde hai un pequeno déficit hídrico nos meses de xullo e agosto.

A densa rede hidrográfica vén marcada polo río Tambre e varios dos seus afluentes que cruzan o concello de norte a sur. Destacan os de Maruzo, Samo, Cabezeiro e o río Lengüelle. A forte pluviosidade favorece a vexetación natural e a formación de prados e pastos. Os bosques orixinais de frondosas son moi residuais, no seu lugar predominan os espazos forestais a base de piñeiros e eucaliptos. Nas beiras dos ríos atópanse especies arbóreas e arbustivas típicas destas zonas.

A urbanización de Sigüeiro na súa parte orosán transformou a paisaxe deste concello, que cambiou a súa capitalidade do lugar de Oroso a Sigüeiro, coa construción dunha nova casa do concello. O centro de saúde e outras instalacións municipais como a piscina e gardería tamén están situadas no centro urbano de Sigüeiro.

Poboación[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Oroso   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
3.231 3.553 4.360 3.657 6.155 7.328 {{{13}}} {{{14}}} {{{15}}} {{{16}}} {{{17}}} {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total 2014 7.400 habitantes
Menores de 15 anos 1.278 (17.27 %)
Entre 15 e 64 anos 5.090 (68.78 %)
Maiores de 65 anos 1.032 (13.94 %)

Oroso tiña a comezos do século XX unha poboación de 3.231 hab. A maior parte do século transcorreu con pequenas variacións, ben de forma positiva ou negativa. Dende 1900 a 1950, cunha forte corrente emigratoria e unha alta taxa de natalidade, a poboación creceu lixeiramente. Desde 1950 ata o censo de 1981, Oroso entrou nun período de perda de poboación. A pesar de que se mantivo un crecemento vexetativo favorable a marcha de habitantes e a emigración provocou un significativo descenso. Nestes anos houbo un activo éxodo rural cara ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela, así como cara ás zonas industrializadas de España e Europa.

Entre 1981 e 1991 freouse a perda de poboación, aínda que o crecemento natural caeu pola baixa de natalidade; o retorno de emigrantes e o comezo dun crecemento asociado ó desenvolvemento da área urbana de Santiago deron comezo a un período de recuperación demográfica. Esta recuperación converteuse nun claro crecemento, así, entre os anos 1991 e 2001 produciuse un aumento do 46,34 %, dos máis altos dos concellos galegos. No comezo do século XXI alcanzou o seu máximo demográfico histórico cunha poboación de 5.530 h. O fortalecemento dunha expansión urbana relacionada con espallamento da área de Santiago cara aos seus concellos limítrofes explica este crecemento demográfico.

A cabeceira municipal, Sigüeiro, é o eixe que a conecta con Santiago de Compostela convertéronse nunha das áreas de difusión de poboación máis importantes desta cidade. A taxa de crecemento natural é de signo positivo (1,8 por mil) como consecuencia dunha taxa de natalidade (10,1 por mil) superior á de mortalidade (8,3 por mil). Esta dinámica natural é á súa vez causa e consecuencia dunha estrutura demográfica relativamente nova dentro do contexto provincial e rexional. A poboación ata os 16 anos constitúe o 17,07 % do total. Os maiores de 64 anos representan o 14,46 %. A distribución da poboación por sexos amosa un elevado equilibrio, lixeiramente a favor da poboación feminina. Predomina a vivenda familiar pola función residencial de Oroso como periferia suburbana da área urbana de Santiago de Compostela.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan da época megalítica, como a mámoa de Vilar de Arriba atopada en Deixebre. Da cultura castrexa destacan os castros de[9]:

  • Castro de Oroso Pequeno (Oroso)
  • Castro de Vilalbarro (Oroso)
  • Castro de Vilacide (Vilacide – Oroso)
  • Castro de Recouso (Marzoa-Oroso)
  • Castro de Vilarromariz (Oroso)
  • Castro de Bouzalonga (Deixebre – Oroso)
  • Castro de A Grabanxa (Calvente-Oroso)
  • Castro de Marzoa (Marzoa - Oroso)
  • Castro de San Román (Pasarelos)
  • Castro de Sar (Sar)
  • Castro da Corela (O Valado)
  • Castro da Caluba (Barciela)
  • Castro do Casal (César)
  • Castro da Devesa do Carballal (Lamas)
  • Castro de Trasmonte (Castro)
  • Castro de San Migueliño (San Migueliño)
  • Castro de Vilasuso (Enfesta)
  • Castro de Torre (Castelo)

En Oroso foi atopado o chamado Tesouro de Recouso, atopado en Marzoa e datado entre os sécalos V e IV a.C, un conxunto de cadeas e colgantes de ouro. É posíbel que a vila de Sigüeiro sexa a mansión romana de Trigudum, que se situaba na vía romana de Braga a Astorga. Na urbanización de Porto Avieira había a mina de ouro romana das Grobias.

Na Idade Media formou parte da xurisdición de Montaos, igual que os territorios de Trazo e Ordes. Esta xurisdición abarcaba desde o Tambre ata o monte Xalo. Consta a existencia da mesma desde 1124, data en que se firmou unha doazón de Afonso VII á mitra Compostela. Neste lugar construíuse unha ponte no século XIV, mandada facer por Fernán Peres de Andrade, O Boo. O chamado Camiño Inglés de peregrinación a Santiago pasaba e pasa polo concello. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Oroso pertenceron á xurisdición de Folgoso, señorío do conde de Altamira, á xurisdición de Mesía, administrada polo arcebispo de Santiago de Compostela e á de Sigüeiro do Deán, señorío do deán de Santiago de Compostela.

A proclamación da constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración territorial do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Pasarelos e Oroso. En 1823 o rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión deste concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se constituíu o concello cos límites actuais. En 1846 tiveron lugar no concello os enfrontamentos entre as forzas do goberno e as do sublevado coronel Miguel Solís preto da ponte Sigüeiro. Os sublevados perderían a batalla e serían fusilados en Carral.

Economía[editar | editar a fonte]

Centro loxístico de Televés en Sigüeiro.

Oroso ten unha taxa de actividade xeral do 58,7 %, superior á media rexional e a taxa de actividade masculina (71,6 %) supera á feminina (46,2 %). O paro sitúase arredor do 9,5 % (6,2 % no caso dos homes e 14,4 % no caso das mulleres), inferior á media rexional. A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector terciario con 57,3 % da poboación ocupada neste sector. Ségueo o sector secundario con 33,1 %, a industria con 18,4 % e a construción con 14,7 %; e por último o sector primario con 9,6 %.

A relación de Oroso co veciño concello de Santiago de Compostela mudou a súa estrutura económica totalmente nos últimos anos. Gran parte da poboación activa reside no concello, pero traballa na industria e nos servizos da capital de Galicia. Os dous sectores que máis xente empregan, o terciario e o secundario, responden a estes postos de traballo composteláns, mentres que o primario reduciu a súa participación económica e laboral. Non obstante, as actividades agrogandeiras desenvólvense na maioría do territorio de Oroso, que ó igual que o resto dos concellos da comarca de Ordes, dispón dunha área moi idónea para o aproveitamento agrario polas súas características climáticas e orográficas. A concentración parcelaria e as melloras introducidas fixeron posible a modernización das explotacións agrarias. A orientación principal é a gandeira, en concreto o gando bovino dedicado á produción comercial de leite, e secundariamente tamén hai varias granxas porcinas. A dispoñibilidades de prados e pastos favoreceu o crecemento do sector leiteiro, afundido na actualidade como consecuencia da Política Agraria da Unión Europea e o envellecemento da poboación rural.

O sector secundario ten unha presenza relativa. Existen diferentes empresas dedicadas á fabricación de materiais da construción, carpintaría e moblaría. Coa recente creación dun polígono industrial, instalouse no concello unha planta de Vengonsa, importante empresa de distribución alimentaria. Aínda así, a maioría dos traballadores acoden aos polígonos industriais da área de Santiago e A Coruña. A construción desenvolveuse moito nos últimos anos, pois a especulación urbanística e os prezos prohibitivos da vivenda na Capital de Galiza converteron Sigüeiro nunha vila dormitorio onde a meirande parte da poboación procede doutras localidades.

A paralización no seu día do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello non logrou conter aos construtores. Unha das consecuencias da má planificación urbanística son os problemas de tráfico que padece na actualidade o Concello, con constantes atascos nas horas punta de entrada e saída.

No sector terciario, tamén a maioría dos traballadores empréganse nos servizos da capital galega. No concello destaca a vila de Sigüeiro, cunha función residencial que favoreceu a proliferación de urbanizacións e os servizos básicos correspondentes (comerciais, financeiros, públicos). Na vía de conexión con Santiago de Compostela, a estrada N-550, desenvolveuse un importante sector de hostalaría nas súas marxes. As principais vías de comunicación insírense nas comunicacións entre A Coruña e Santiago de Compostela e son a devandita estrada que atravesa o concello de norte a sur, e a autoestrada AP-9, que ten en Sigüeiro un servizo de entrada e saída en dirección á Coruña. Tamén discorre polo concello a liña de ferrocarril A Coruña-Santiago de Compostela, cun apeadoiro na estación de Oroso e outro na de Trasmonte.

Cultura[editar | editar a fonte]

Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de San Miguel de Gándara, Santo Estevo de Trasmonte e Santa Eulalia de Senra en estilo barroco. Da arquitectura civil sobresaen o Pazo de Meixime en Oroso e a Ponte Sigüeiro, unha obra de cantaría do século XIV, reformada no XV.

Entre as festas populares destacan as de Santo Antón en Marzoa, celebradas en xuño, Santo Estevo en Trasmonte, A Virxe da Mercé en Calvente (tamén coñecida como "O día 8") en setembro ,Santa Bárbara en Senra, que se celebra na primeira fin de semana de outubro, e as do Santísimo Sacramento (último domingo de agosto) e Santa Eufemía (na época estival) e as do Santo André (30 de novembro) que teñen lugar na parroquia de Santo André da Barciela. O Camiño de Santiago tamén atravesa este concello. Forma parte do chamado Camiño inglés, que comeza no porto da Coruña.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Oroso.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Oroso

Os Ánxeles (San Mamede) | Calvente (San Xoán) | Cardama (Santa María) | Deixebre (Santa María) | A Gándara (San Miguel) | Marzoa (San Martiño) | Oroso (San Martiño) | Pasarelos (San Román) | Senra (Santa Eulalia) | Trasmonte (Santo Estevo) | Vilarromarís (San Tomé)

Lugares de Oroso[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Oroso vexa: Lugares de Oroso.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Oroso".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Xeografía na web do concello
  9. Castros de Oroso

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]