Formación profesional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sistema educativo español
Réxime xeral
Réxime especial


A formación profesional (FP) é unha fase do proceso de educación centrada na aprendizaxe encamiñada fundamentalmente ao mundo laboral, aínda que os ciclos de grao superior adoitan preparar tamén para os estudos técnicos universitarios, como poden ser as enxeñerías. A actual Lei Orgánica de Educación (2006) recolle toda a normativa ao respecto.

Pódese acceder á formación profesional dependendo do grao:

  • Ciclo formativo de grao medio: Pódese acceder despois de obter o título de ESO ou ben facendo unha proba de acceso específica de grao medio para a que é necesario ter 16 anos.
  • Ciclo formativo de grao superior: Pódese acceder despois de obter o título de Bacharelato ou ben facendo unha proba específica de acceso ao grao superior para a que é necesario ter 20 anos, ou ben ter 18 anos e ter feito un grao medio.

Aínda que poida parecer paradóxico, despois de aprobar un grao medio non se pode acceder a un grao superior directamente, hai que facer a correspondente proba de acceso ou retomar e aprobar o bacharelato.

A formación no centro escolar compleméntase co módulo de FCT (formación no centro de traballo), unhas prácticas nas que se traballa nunha empresa entre 300 e 400 horas e sen as cales é imposible conseguir o título.

Tras rematar un ciclo formativo de grao superior (CFGS) pódese acceder a algunhas diplomaturas e licenciaturas universitarias.

En España existe outra modalidade de formación non regulada que é a Formación Profesional Ocupacional, dirixida a persoas desempregadas entre 16 e 65 anos e na que se adquiren formación e cualificación para a integración e inserción laboral. Está xestionada polo INEM ou o organismo correspondente de cada comunidade autónoma.