Malpica de Bergantiños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°19′26.64″N 8°48′33.78″W / 43.3240667°N 8.8093833°W / 43.3240667; -8.8093833

Malpica de Bergantiños
Bandeira de Malpica de Bergantiños---
Casa do concello de Malpica.JPG

Casa do concello de Malpica de Bergantiños.
Situacion Malpica de Bergantiños.PNG
Situación
Xentilicio[1] malpicán
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Bergantiños
Poboación 5.875 hab. (2013)
Área 61,4 km²
Densidade 95,68 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Capital do concello Malpica
Política (2011)
Alcalde Eduardo Parga Veiga
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 4
Outros: A.I.M. - 1
Eleccións municipais en Malpica de Bergantiños
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 97,68%
Na rede
www.concellomalpica.com

Malpica de Bergantiños é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Bergantiños, en plena Costa da Morte. Limita co concello de Carballo polo leste, co de Ponteceso polo sur, e co océano Atlántico polo oeste e o norte.

Segundo o INE no ano 2013 tiña unha poboación de 5.875 habitantes (5.998 no 2012, 6.102 no 2011, 6.178 no 2010).

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «malpicán».

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

É un municipio de 60,5 km². A súa capital é a vila de Malpica, situada nunha península que contén, nun dos seus lados o porto pesqueiro, e noutro a praia de Area Maior. A súa costa esténdese desde o Monte Nariga ata a Punta de Razo, extremo occidental da praia de Baldaio, que pertence ao concello limítrofe de Carballo.

De costas ó porto, ábrense ás illas Sisargas o Paseo Marítimo e a Area Maior, espazos de descanso para o viaxeiro e lugar de encontro para surfistas durante todo o ano.

Estas illas son un refuxio natural de aves mariñas, gaivotas e corvos mariños, custodiadas por un faro que serve de axuda a navegación mariña, actualmente automático, pero no que durante anos se forxaron moitas xeracións de fareiros.

Demografía[editar | editar a fonte]

A súa poboación sufriu unha tendencia á diminución progresiva, que parece imparable nos últimos vinte anos.

Censo Total (Habitantes) 5.875
Menos de 16 anos 481 (8.19 %)
Entre 16 e 64 anos 3.607 (61.40 %)
Máis de 64 anos 1.787 (30.42 %)
Evolución da poboación de Malpica de Bergantiños (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 5.577  6.261  7.757  8.549  6.890  6.228  6.102  5.998  5.875
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Ademais da capital do concello, os seus núcleos de poboación máis importantes son a vila oleira de Buño, a aldea de Mens, coa súa igrexa románica e as Torres medievais de Mens, e a aldea de Barizo, cuxo porto natural aparece xa nos cartularios do s. XV como porto de saída e entrada de mercadorías.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista xeral de Malpica de Bergantiños.

As primeiras noticias documentais datan do século XIII, cando aparece citada como lugar pertencente ó señorío do arcebispo de Compostela. No século XV, Sancho de Ulloa, Conde de Monterrei, arrebataríalla ó arcebispo Alonso II de Fonseca, para incorporala ós seus dominios.

Malpica viu a luz e medrou botándose ó mar. O Cardeal Hoyo refire que a principios do século XVII a actividade económica da vila se centraba na pesca de cetáceos, en colaboración con mariñeiros cántabros e vascos, despois de pagar estes a taxa estipulada polo arcebispo de Compostela. Aínda hoxe encontramos mostras desta pesca nas vigas que sosteñen o teitume de moitos muíños hidráulicos ou mesmo de vellas casas de arquitectura mariñeira, presentes en barrios coma os da Atalaia ou no Areal.

A causa da súa importancia como porto baleeiro, Malpica foi sede da Axudantía de Mariña ata o ano 1895, data en que se trasladaría a Ponteceso e posteriormente a Corme.

Decaído o auxe da pesca da balea, a perigosa enseada (ou "ribeira" como aínda se coñece na actualidade o porto malpicán) pasou a ser cala de mariñeiros que pescaban con artes tradicionais hoxe desaparecidas como o "mediomundo". Con posterioridade, o sector pesqueiro cobrou un novo pulo trala aparición das fábricas de conserva e salgadura; agora traíñas e tarrafas lanzábanse ó mar para capturar sardiñas. En tempos de carencia, buscábanse mellores caladoiros na ría de Muros e Noia.

Cultura[editar | editar a fonte]

Patrimonio arquitectónico[editar | editar a fonte]

As Fontes[editar | editar a fonte]

Fonte de Baixo[editar | editar a fonte]

A Fonte de Baixo foi financiada por Anselmo Villar Amigo, nado en Malpica en 1850 e emigrado moi novo a Bos Aires, onde desenvolveu unha gran actividade empresarial e política. Mandou cartos para facer obras necesarias na súa vila natal, como a rampla do antigo porto, o murallón, a praza de abastos (reconvertida en escola e máis tarde en casa do Concello) e a Fonte de Baixo. En 1957 colocouse un busto do benfeitor.

Esta fonte supuxo a primeira traída de auga a Malpica, polo que as mulleres e os rapaces acostumaban facer bastantes viaxes para ir buscar auga. Converteuse axiña nun punto de reunión, onde se falaba e xogaba.

Fonte Vella[editar | editar a fonte]

A Fonte Vella é a máis antiga do vila de Malpica. Na parede frontal aparece a inscrición "P.B. ano 1890", que corresponde ao ano e á persoa que a construíu. Na fonte tamén aparece unha cruz con Xesucristo. Está na praza do seu nome.

Fonte do Ventorrillo[editar | editar a fonte]

A fonte do Ventorrillo construíuse en 1934 pero anos máis tarde mudárona de sitio.

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

Ademais das festas parroquiais, teñen sona o Corpus Christi e as Festas do Mar de Malpica, así como a celebración de Santa Filomena en Buño e de San Brais en Vilanova.

Santo Hadrián[editar | editar a fonte]

Capela do Santo Hadrián coas Illas Sisargas ao fondo.

A festividade do Santo Hadrián celébrase o primeiro domingo logo do 16 de xuño.

A romaría comenza coa saída do Santo Hadrián en procesión desde a igrexa parroquial de San Xulián de Malpica, onde está durante todo o ano. Segundo a tradición, Santo Hadrián cura as verrugas. O rito é, tras escoitar misa, lavar as mans na fonte e secalas nun pano que se deixa secar a carón da fonte. A tradición tamén di que cura outras doenzas do corpo humano e dos animais, tras escoitar a correspondente misa e a doazón dunha figura de cera que representa a parte doente do corpo. Hai postos de venda de exvotos no camiño ata a capela, e as figuras déixanse dentro da capela.

O santo Hadrián ten sona na comarca, sendo patrón de Corme Aldea (Ponteceso), Sofán (Carballo), Verdes (Coristanco) e Malpica.

Corpus[editar | editar a fonte]

O Corpus celébrase desde hai máis de douscentos anos. Tradicionalmente celebrábase en xoves, e o martes anterior os gandeiros dos arredores achegábanse ao centro da vila cos seus años e ovellas, que eran mercados polos malpicáns para á festa. Na actualidade celébrase o venres seguinte para amoldarse ó calendario laboral. É festivo local.

A festa consiste en alfombras de flores, procesión matinal, orquestras e atraccións.

A Festa do Mar[editar | editar a fonte]

A Festa do Mar, celebrada a finais de agosto, é o tributo da xente do mar á súa patroa, a Virxe do Carme, en honra dos que morreron no mar e de todos os mariñeiros. A ela dedícanlle unha procesión mariñeira con barcos engalanados e flores que levan a imaxe da Virxe ata as illas Sisargas, con tódolos barcos acompañándoa e cheos de xente.

É tradicional tirar flores ó mar en ofrenda ós mortos. Cada ano leva a Virxe un barco distinto e outro vai de acompañamento coa banda de música. A xente tírase a o mar, ás veces coa roupa, cando remata a procesión.

O Entroido[editar | editar a fonte]

O Xogo das vacas (Barizo)[editar | editar a fonte]

Pantomima tradicional en Barizo, que se celebra o martes de Entroido. Garda relación con outros ritos agrarios ós que tódolos investigadores atribúen unha grande antigüidade.

Trátase da representación dunha escena agraria: mentres dúas vacas aran unha leira, un labrego esparce a semente (serrín); ó rematar, labrego, chamadora e sementador sentan a comer e aparecen dous compradores para as vacas acompañados dun veterinario. Finalmente a venda no se leva a cabo e as vacas volven a casa tirando do carro no que levan tódolos trebellos da labranza e ós actores.

Toda a escena transcorre entre chistes de dobre sentido, ironías, bromas ós espectadores, alusións máis ou menos claras ós veciños, ós sucedidos nese último ano, etc. Tamén as vacas adoitan desobedecer para arremeter contra o público. Todo iso coa intención de provocar as gargalladas.

Tradicionalmente a representación levábase a cabo no campo da festa, o que resultou imposible desde que foi asfaltado. Hoxe faise diante do Xan. Tamén, tradicionalmente, tódolos actores e organizadores eran homes, mesmo as vacas e os personaxes femininos. Este costume foi mudando timidamente nos últimos anos nos que comezaron a participar mulleres, sempre minoritariamente. Este cambio afecta só á representación, non á organización.

A Mikaela (Buño)[editar | editar a fonte]

Festa de final do Entroido na vila de Buño, que se celebra o sábado seguinte ó mércores de cinza.

A Mikaela é unha boneca de gran tamaño e atributos femininos deliberadamente esaxerados, feita á man polos veciños de Buño. Unha vez construída, e despois de comer, é tranportada por unha comitiva masculina na que participan tódolos homes do lugar e que vai dese o Campo de Canta la rana ate o Campo da Culpa, percorrendo así todo o lugar. A comitiva vai parando en tódalas casas pedindo filloas e viño mentres fan bromas e chistes. Chegados ó destino, a Mikaela é queimada poñendo así fin ó entroido. A festa continúa ate ben entrada a madrugada.

Na actualidade Mikaela é transportada sobre un tractor e, na comitiva, participan mulleres sempre que vaian vestidas de xeito masculino. Asemade, no canto de parar nas casas, van parando nos bares.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Malpica de Bergantiños Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DASAIRAS, X.: "O entroido en terras de Monterrei". Edicións do Cumio, Pontevedra 1990, 56
  • ROMERO MASIÁ, Ana e POSE MESURA, Xosé M.: "Unha manifestación do entroido en Barizo: o xogo das vacas", en Boletín Auriense XX-XXI, 1990-1991, 397-411.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Malpica de Bergantiños

Barizo (San Pedro) | Buño (Santo Estevo) | Cambre (San Martiño) | Cerqueda (San Cristovo) | Leiloio (Santa María) | Malpica de Bergantiños (San Xulián) | Mens (Santiago) | Vilanova de Santiso (San Tirso)


Concellos da Comarca de Bergantiños Comarca de Bergantiños
Cabana de Bergantiños
Cabana de
Bergantiños
Carballo
Carballo
Coristanco
Coristanco
A Laracha
A Laracha
Laxe
Laxe
Malpica de Bergantiños
Malpica de
Bergantiños
Ponteceso
Ponteceso